A posible vida de María Balteira
Xiz, Xulio - jueves, 03 de octubre de 2013
Soubemos de María Balteira pola tradición, polas crónicas, polas cancións... e a través dos séculos chegounos a memoria dunha muller libre, a de maior sona, que acompañou ás tropas combatentes naqueles tempos guerreiros, que cumpríu papeis ordinarios e extraordinarios, e que conseguíu que dela se gardase memoria a través dos séculos.
Fálase das soldadeiras como as mulleres que acompañaban aos loitadores na revolución mexicana, pero estamos falando de moitos séculos antes, xa que foi a mediados do XIII cando María rendeu contas diante de Deus e dos homes, entrando na historia.
Entre as mulleres de vida máis ou menos leda (alegre, chegou a chamarse a vida das mulleres que elixían a liberdade sexual), a soldadeira María Balteira andivo na boca das xentes, nos romances, na tradición, ata que na modernidade cantores e narradores deciden rescatala agora que a súa vida é pó, aínda que pó namorado.
A Deputación da Coruña publica o relato da vida da coruñesa María Balteira, narrada, recreada polo lucense Manuel Romay. El da vida a unha lenda, fai vivir a María Balteira tomando como base a historia e as cantigas, os feitos de armas e os costumes sociais, a sociedade medieval e o eterno tema dos amores entre mulleres e homes para proporcionarnos unha historia que se non é verdade merecía sela, que todo é ficción menos a figura e a lenda, que reflicte unha xente e un tempo do noso país, lonxano nos séculos pero moi preto en intencións, relacións, desamores e amores.
Está é unha vida fermosa para María Balteira, que as vidas humanas nunca son tan perfectas, tan rotundas, tan meridianamente claras. Xa lle gustaría a María Balteira vivir unha vida así. Porque resulta ser unha heroína entrañable, vividora, hedonista, que vívia e deixaba (facía) vivir, que nos fala dunha sociedade da que eu non ousaría afirmar que calquera tempo pasado polo feito de ser pasado non foi mellor, tolerable, digno de ser vivido intensamente.
Manuel Romay ten demostrado saber investigar e escribir. E neste caso evidencia especiais coñecementos de historia e de vida, pero para min que o seu maior mérito é o agarimo co que trata a unha muller que ousou ser libre con todas as consecuencias. E eso sempre é mortal, no tempo real. Pero, logo, a historia neste caso Manuel Romay- encárgase de facer xustiza.
Quen lea a obra MARÍA BALTEIRA (A soldadeira máis fermosa da Corte do Rei Sabio), accederá a unha época histórica descoñecida, da que tivemos mínimas noticias, e que o autor nos presenta con toda claridade, con toda firmeza, para que entremos nun mundo - o noso, aínda que moi lonxano no tempo- que nos pertence, e ao pertencemos.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora