"Marca España"
Cardalda, Theo - jueves, 03 de octubre de 2013
Desde o Preguntoiro
A semana pasada o Goberno do PP expulsa a seis observadores da OSCE, organismo oficial europeo que vixía as liberdades dos países do noso entorno, sendo hoxe a organización politicamente máis influínte do planeta.
Esta semana rematan de dicir nun comunicado: Europa engloba a España na Lista Negra de países sen liberdade e un dos únicos do mundo que non admite inspeccionar o seu réxime.
Manda carallo na Habana. Imos de mal en peor, coido que de tantas que están a facer da súa Marca España, esta é a máis forte que lin sobre o PP.
Xa non sei se isto asemella a aquela longa noite de pedra ou a unha monarquía bananeira. Negan a supervisión internacional do exercicio dos dereitos universais como o de manifestación, o goberno négase a calquera negociación ou diálogo baixo o paraugas da súa maioría absoluta, a corrupción abonda a moreas nas institucións sen o peaxe penal, os ricos son cada vez máis ricos, a pobreza aumenta, as clases medias debilítanse e agora métense cos máis febles, os nosos avós.
Coido que esta é a denuncia máis grave recibida por España de instancias internacionais desde 1976, polo momento aínda ningún partido do Congreso ou do Senado fíxose eco da denuncia deste organismo, agardaremos se algún deles escaravella nesta ferida antidemocrática.
Ata onde chegan estes gobernantes chafalleiros, que onte a ONU esixe a este país dos despropósitos que busque aos desaparecidos durante os corenta anos do franquismo, comentando: España debe decidir se quere ser un refuxio de criminais do franquismo.
Isto vai semellando a aquela democracia orgánica franquista onde as únicas manifestacións permitidas eran as exaltacións ao réxime na Plaza de Oriente e as romarías e procesións católicas, con bocata e autobús.
Estamos nunha ditadura camuflada de choqueiro como democracia. Eles lle chaman Marca España, e o mundo escáchaselle os beizos de rirse de nós.

Cardalda, Theo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora