Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dous vellos e unha soa soedade (II)

jueves, 03 de octubre de 2013
TOÑA E MANUEL, VELLEZ LONXE DOS FILLOS

Xulián e Xosé, os dous fillos de Toña e Manuel, foron dos primeiros mozos da parroquia que emigraron cara a Europa. Tras deles foron seguindo os mesmos pasos ata Medina del Campo moitos outros mozos e mozas veciños e non tan veciños, pero irmanados por mil vínculos fraternais.

Naquel nó de comunicacións que é Medina del Campo cada un pillou o seu camiño, algúns para non desandalo endexamais, e todos guiados por un soño e unha esperanza: o soño de matar a penuria que os obrigara a deixar a súa terra, a casa que quedaba atrás e a seus pais; e a esperanza de poder retornar un día, facer casa de seu ou mercar piso, lucir coche propio e poñer algún negocio na capital.

Case todos os que finaron de vellos nesta parroquia rural, que vai esmorecendo ao mesmo ritmo que morre o lume nas súas casas, descansan das súas penalidades a carón dos seus devanceiros no pequeno camposanto do lugar ao que, de vez en cando, alguén leva algunha flor.

Algúns dos máis resistentes que aínda non chegaron á súa meta neste mundo, viven lonxe da fonte das súas vivencias máis fondas ben acariñados por parentes próximos; pero outros, menos afortunados, agardan que pasen as horas arrastrando, con paso indeciso e frouxas zapatillas, o seu aburrimento polos pequenos corredores do piso de calquera fillo, agardando poder contemplar pola tarde, se hai sorte, dende detrás da ventá, as brinquetas dos nenos cidadáns nalgún parque próximo. Non falla tampouco quen deixa morrer o tempo xogando á baralla sen maior interese e debullando lembranzas nalgunha residencia da terceira idade, que os acolleu. E consólanse pensando que aínda que esta non é a situación ideal, pode ser un mal menor.

Toña e Manuel tamén coñeceron temporalmente a aceda experiencia de seren arrincados da súa casa e da terra de amplos horizontes na que sempre viviron e respiraron a pulmóns cheos, para seren transplantados á atafegante estreiteza dun pequeno piso asentado no asfalto urbano de Tarrasa ou de Barcelona onde racaeron á volta de Bélxica os seus fillos Xulián e Xosé.

Alí entendeu mellor cada un dos dous vellos, por separado, pois vivían con cadanseu fillo, a aquela pobre perdiz que, sendo aínda perdigón, levara un día para a casa Manuel. A ave, despois de vivir engaiolada dous anos aparentando ser da casa, aproveitou un descoido da Toña, cando abría a porta para limpar a gaiola, e fuxíu sen retorno.

Os primeiros anos da súa estancia en Bélxica os fillos non colleron vacacións, no engolesmo de darse presa en matar a pobreza que os perseguira como malfadada sombra na súa infancia e primeiros anos de mocidade.

Despois, así que tiveron algunha libreta de aforros e un coche coma o do capataz da empresa, esqueceron moitas cousas e trocaron a fala que mamaran pola da maioría dos que eran tidos por ricos e cultos. Cando nalgún verán viñan pasar algúns días con seus pais, se alguén lles falaba dese cambio, xusificábanse dicindo que as súas mulleres, por seren murcianas, mamaran o castelán e o que importa é a harmonía familiar.

O ano que lles cadraba vir paraban pouco na casa; porque as esposas tiñan algo anoxada a vida solitaria da aldea e vían con malos ollos que os nenos estivesen moito tempo cos avós, porque podían contaxiarse do que elas definían como "la jerga de los yayos", e despois ríanse do seu acento e dalgunhas palabras que se lle escapaban os compañeiros de colexio chamándolles "patanes" ou "gallegus".
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES