Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Corenta anos despois

lunes, 26 de noviembre de 2001
O Cabo de Hornos atracou nun peirao do porto de Montevideo. O vello barco de transporte de emigrantes facía a súa derradeira singradura ás Américas. Quizais os ferros do navío estivesen cansos despois de trasladar tantos milleiros de bágoas. Na cuberta, un neno de cinco anos miraba para o rebumbio da xente que desde unha esplanada en terra firme berraba abaneando os brazos. Collíase con forza á man da súa nai. Unha das mans que abaneaba no peirao era a do seu pai, pero xa pasaran tres anos e malia o esforzo non o podía identificar.
A viaxe non foi doada. A comida e a auga non sabían e case nada lle aproveitaba. Sentía morriña das filloas da avoa Concepción e nos vinte días do traxecto só gozou cunhas bananas brasileiras agasallo do tío Xosé, alcumado O Rico, emigrado en Santos. O tío Xosé sabía por carta de tía Fina que o seu sobriño Manoliño estivera entre a vida e a morte no mes de xullo. O neno emigrante recibiu moitas apretas, pero a seu tío non lle fixo ningunha pregunta sobre o sucedido no monte de Tines –Vimianzo- e tampouco quixo ve-las cicatrices.
O neno emigrante ía con retraso para Montevideo. Houbo que agardar que sandasen ben as 33 cicatrices das dentadas dun lobo ou loba. Sen dúbida foi a fame a que fixo que o 21 de xullo de 1958 un lobo trabase un pequeño corpo ata deixa-lo agachado e sen sentido. O neno xogaba no monte preto dunha leira onde o seu padriño estaba traballando. Non sentiu ouvear. Cando quixo berrar as poutadas non lle deixaron. E foi o destino – América esperaba- o que salvou aquela vida. Pasaron horas, houbo que chegar a Santiago para ingresar no sanatorio do doutor Ramón Baltar.
Na aldea e nas feiras e festas todos queren ve-las feridas cicatrizadas. Todos queren que o neno conte os detalles. As feridas só as ven os familiares máis íntimos e do que pasou o 21 de xullo ninguén escoitará nada saído da gorxa do protagonista. A nai fai de escudo protector non permitindo que se lle fale do tema. Na feira de Baio a xente achégase. Tócanlle a cabeza centos de persoas e recibe benaventuranzas. Ninguén ousa pedir unha narración especial sobre as características do lobo. Anos despois, xa en Montevideo, un día calquera os pais do neno emigrante escoitan o relato do sucedido.
A nova vivenda na capital uruguaia é un pequeño apartamento na rúa Pantaleón Artigas, no barrio de Aires Puros. Pero para o neno aldeán o máis interesante esta fóra da vivenda, na beirarúa, na vereda onde se ergue unha grande árbore chea de pequenas belotas que lle chaman coquitos. O seu primeiro xogo foi facer unha chea de pociños arredor da árbore para agachalos coquitos. Chega o domingo, o primeiro domingo en terra americana. Está durmindo, son pouco máis das nove da mañá e sinte barullo na cociña. Érguese axiña. Os seus pais escoitan unha música de gaitas que sae da radio. Queda abraiado e calado sen entende-las explicacións do seu pai sobre as gaitas de Tines que disque están nun lugar chamado CX 16 Radio Carve.
Preto do apartamento, baixando en dirección ó cemiterio do Norte, vive Ramón de Castromil. O ferreiro Ramón leva anos no Uruguai e a súa filla maior tamén chegou nun barco ó mesmo porto onde abaneaban os brazos. Foi quen escribiu a Tines dicindo que nesta cidade había moito traballo para os ferreiros. O domingo pola tarde na casa de Ramón o neno emigrante coñece a razón de que Mercediñas non pregunte cousas da aldea. Na América hai un doce que lle chaman de leche que cando a lingua se pousa nel xa non hai máis morriña. Aquilo puido ser o que o salvou da boca do lobo. Certamente pensou en que ningún neno pode morrer sen o deleite dunha boa cullerada de doce de leite montevideano.
E corenta anos despois segue en min o recendo daquel doce.
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES