Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Matar un reiseñor en Santiago

martes, 01 de octubre de 2013
Mataron unha nena en Santiago de Compostela.

Cada ser é en si todos os seres, como cada home son en si todos os homes, tal como Jean Paul Sartre e os existencialistas nos dixeron. Ninguén se pode escapar desta terrible realidade, porque nos representamos coa nosa individualidade en todos os seres do planeta, mesmo do universo.

Matar unha nena é matar a todas as nenas e os seus significados máis profundos: matar a inocencia, matar o porvir, tapar a corrente do regueiro da xenética. Matar é sempre un suicidio.

Toda morte é a xustificación da vida, desta vida con caducidade. Ninguén no seu san xuízo se debe chamar a engano. Polo tanto todo asasinato é o fracaso da vida. Concibida a vida como un proceso con principio e fin preestablecidos coa normalidade natural da natureza.

Caín quitoulle a Deus ese privilexio de establecer o fin a algo ao que Él dera principio e que só Él tiña o cronómetro (Cronos) co que dar termo. Deus non contaba, evidentemente, con esa posibilidade de rebelión.

Dende logo, que o que ten o Don omnímodo da plena potencia, non teña a capacidade da prevención, deberíanos dicir algo con respecto aos Deuses; como mínimo que as cousas dos Deuses non son perfectas como se nos publicitou.

Disto si que sabían os politeístas. Menos para acaparar máis. Cada Deus coas súas capacidades para lograr a maior eficiencia. É dicir, no Olimpo divino xa déranse conta de que a especialización era a mellor forma de ser competitivo. Videncia?. Clarividencia?. Ao mellor, soamente boa planificación. I+D+I.

Caín, como Prometeo. Ambos os dous doaron á terra os coñecementos para sobrevivir sen Deuses. Os dous foron profundamente humanos. Humanos en contraposición aos Deuses. Non podían obrar doutro xeito, dalgún modo a súa propia iniciativa fixo cambiar o rumbo preestablecido pola superioridade e logo, abandonados á súa sorte, de distintos modos, un expulsado e o outro atado a unha rocha, non lles quedou outra alternativa que innovar nunha fuxida cara a adiante que nos levou ata onde estamos agora. Por iso inventaron a humanidade. Co asasinato e o roubo. E claro, non lles quedou máis remedio que afondar nese recente descubrimento do humano.

Aínda así, existe unha diferenza: Prometeo foi perdoado e Caín foi marcado por se acaso puidérase camuflar aos ollos divinos.

Pero quizais haxa que afondar nesa terrible verdade de orixe: o xénese do humano é fillo do asasinato, da traizón e do roubo.

Sen dúbida houbo outros seres antes de Caín, os seus proxenitores Adán e Eva e había contemporáneos, Abel para Caín, os aqueos para Prometeo, non obstante non chegaran a ese estado que nos fixo despegar do protohumano: a civilización. E iso xustamente é o que nos outorgaron os dous, ese paso superior e definitivo de evolución.

E velaquí a cuestión: posto que é xusto o recoñecemento de que somos humanos pola capacidade dos nosos antecesores primixenios de quitar a vida allea, a vida sobrevive a pesar desa capacidade dos humanos en dar a morte. E seguramente este aparente paradoxo sostéñase porque a civilización (logro nacido dese asasinato narrado en todos os mitos fundacionais) ten un dos seus piares no respecto pola vida e en crear códigos onde isto quedou plenamente especificado. O Caín asasino é o Caín lexislador, civilizador. O Prometeo divino legounos o lume, o cociñar. Ambos os dous superáronnos do homínido.

Algo de verdade debe haber nisto xa que no principio das lendas onde se narra a creación da sociedade e as súas regras de convivencia o Non Matarás figura como unha das primeiras, se non a primeira prerrogativa fundacional.

O asasinato é un accidente espurio, sacrílego, da convivencia, rompe o desenvolvemento natural da natureza, é lóxico que escandalice con esa vertixe na que parece que toda a armazón da nosa civilización se esborralla. É necesario que así aconteza.

Pode que este sexa a xénese, a orixe da traxedia, esa necesidade social de representar en escena aquilo que polo seu significado traumático causa un estremecemento que obriga a ser superado pola catarse.
Se este paradoxo non é suficiente para comprender o noso afán pola violencia é porque desdeñamos que neses mitos fundacionais se narra a capacidade xenerativa da violencia. Pero no que quero incidir é que eses propios mitos fundacionais xa superan co seu facer posterior esa terrible pulsión humana, e se a humanidade nace desa ruptura cos Deuses na que nos arrogamos a mesma potestade que Eles, a civilización é o logro posterior a ese feito e devén do desenvolvemento desa humanidade que se cristaliza nos códigos de convivencia social.

Se a humanidade nace do asasinato, a civilización é filla desa superación e do intento posterior de impedir que se reproduza ese trauma. Repetilo é negar ese maior logro do humano: a civilización.

Por iso creo que se pode dicir: Unha nena morreu, asasinada, todos os humanos matamos a civilización con ese feito.

Debemos estremecernos ante esta horrible verdade á cal, polo seu descubrimento só debemos a intención de superar.
Catoira Rey, Rafael
Catoira Rey, Rafael


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES