Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

“Remitencias” de Xosé Lois García

miércoles, 02 de octubre de 2013
“Remitencias” é o título co que o poeta chantadino de Merlán, Xosé Lois García, decide emprender a derradeira viaxe á procura dos lugares da súa infancia anegados polo encoro de Belesar.

Cámara en man, o poeta inmortaliza imaxes de vidas pasadas que se resisten, contra o tempo, a ser nada: lares sen teito, camiños sen xente, muíños sen muiñeiro, igrexas sen santos ou viñas sen uvas. Todo era un ermo de esquecemento ata que o poeta dispara sobre os lugares anegados para reconstruír e versificar o que foi vida.

Cada verba de Xosé Lois dinos que si, que foron certos, que cada vez que dicimos os nomes agroman miles de vidas feitas ao redor da terra en ledicias e tristuras, en vitorias e derrotas, en soños e realidades. Por iso, cando o poeta transita por Porto, Castro Candaz, Pincelo, A Samugueira, San Paio, Portomeñe, A Viña, Ribó, A Hermida, A Pereira, Padrizán, Reximonde, Santa Marta, Seixón, Figueiroá e Portomarín, faino cos ollos humanistas de quen se sabe retratista da desolación de vidas cruelmente expropiadas da súa identidade.

Xosé Lois é unha vítima do “feudalismo eléctrico”, como lle chamaría Otero Pedrayo, xa que foi este xigante quen tragou cruelmente os camiños da súa infancia. Pero velaí que a memoria aboia cando a dignidade persiste; e o home que se foi polo mundo para facerse a si mesmo volta agora a Porto procurando a derradeira imaxe de Castro Candaz.

O poeta verte a súa emoción nos lugares que lle son queridos, inmortalizando lembranzas e nomes para levalos con el para sempre. O poemario é unha viaxe da emotividade á descrición, xa que a medida o poeta se afasta da súa matria os versos vólvense máis obxectivos.

Xosé Lois proponnos un poemario de acción que ben pode gardar o reto de que a lectora ou lector percorra cada lugar para indignarse, abraiarse, cabrearse e mesmo xurarse que “nunca seremos pacientes co que perdemos”. Aquí empezo a albiscar unha intención pedagóxica no poeta, que nos convida a percorrer os nomes e os lugares que os nosos antergos transitaron.

Por todo isto, “Remitencias” é para min un novo convite para gardar a memoria dunha intrahistoria anegada da que me sinto parte. Alén dos poemas, Xosé Lois García lémbranos que lle debemos ás vidas expropiadas un lugar privilexiado na historia do noso pobo.

Os meus parabéns e gratitude, amigo Xosé Lois.

GARCÍA, X.L. (2013): Remitencias. Asociación Cultural Xermolos, Guitiriz.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES