Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Integración, dualéctica e consenso

viernes, 27 de septiembre de 2013
INTEGRACIÓN, DUALÉCTICA (sic) E CONSENSO.

“Todos temos algunha manía”, dicía meu pai (e perdóenme esta alusión tan entrañable), e tamén pensaba que non había superdotados que non pagaran algún tributo á incompetencia, nin incompetentes que non o pagaran a unha certa brillantez. Dicíao en termos coloquiais: “Non hai listo que na erre, nin burro que non acerte”.

Entre outras, que vostedes sen dúbida me teñen descubertas, eu teño a manía da extrapolación de conceptos filosóficos a nosa vida práctica, porque penso que é unha maneira de ver os problemas desde outra perspectiva, levando os produtos especulativos á praxe, e dando algo de sentido práctico ó especulativo.

Hoxe quero ofrecerlles a vostedes, pacientes lectores, o vertido nun concepto tan cotizado na política, como é o CONSENSO, algo das denotacións e connotacións dos de INTEGRACIÓN e DUALÉCTICA (sic), porque penso que, en moitos casos, a falta de consenso é desintegradora, amén de xeradora de extrema polaridade: dilúe e distribúe os esforzos.
E aínda que isto pode non ser sempre malo, moitas veces parece que si o é. O problema está en situar a liña roxa, como hoxe estila dicirse, no seu lugar, con prudencia, que os gregos designaron co termo SOFROSYNE, cun campo semántico moi suxerinte: bo sentido, cordura, sensatez, etc.

En canto a “integración”, o filósofo barcelonés Ferrater Mora, exiliado en México, Chile e Estados Unidos, famoso polo seu “Diccionario de Filosofía”, utiliza a palabra “integracionismo” para introducir un recurso que evite o avance por polarizacións, polo que entende unha práctica dialéctica que non chega a desembocar nunha síntese, que el busca e chámalle “integración”, algo novo distinto das polaridades, pero que xurde na tensión delas, sen absorbelas, e non necesariamente superalas como na dialéctica hegeliana e marxiana.

Considera que cando estamos na presenza de dúas ou máis polaridades temos que apandar co feito de que cada unha delas soe caer na consideración de que os seus principios teñen un valor case absoluto, e así resultan pouco menos que irreconciliables cos das outras polaridades.

Isto esixe situarse entre ambas posturas, para evitar os extremos, introducindo solucións intermedias. Pon un exemplo: Se nos detemos na Historia, sempre encontraremos que oscila entre dous extremos, entre a Natureza e un Principio Divino; pero “a historia humana debe ser concibida coma unha incesante serie de esforzos realizados polo home para emerxer da Natureza e formar unha sociedade universal de persoas: Cada un dos pobos e das etapas da historia PODEN SER EXAMINADAS – e aínda medidas – DENDE O PUNTO DE VISTA DAQUEL PROCESO – e OSCILACIÓN – constantes”. (Véxase “integracionismo” no seu “Diccionario de Filosofía”. As maiúsculas son miñas).

Por outra parte, paréceme esclarecedor o termo DUALÉCTICA (sic), que utiliza o catedrático de antropoloxía da Universidade de Deusto, Bilbao, Dr. Andrés Ortiz Osés, quen sostén a tese de que o home non pode quedarse nos extremos, aínda que tampouco “recaer nunha ambivalencia sen mediar”.
Nunha adecuada mediación, os extremos (as polaridades) deben co-implicarse, para acadar o desemboque en posicións nas que se poida artellar unha certa reconciliación, é dicir, hai que adoptar posturas DUALÉCTICAS, de tensión entre os extremos, porque estes só buscan o absoluto, verdades absolutas, e o que realmente encontran é o relativo, anacos de verdade.

Penso que non é tan difícil emparellar, aplicando unha certa analoxía, os conceptos explicados de “integración”, en Ferrater Mora, e “dualéctica”, en Andrés Ortiz Osés, co de “consenso” do noso argot político. Porque as posturas ideolóxicas, pola súa propia natureza adoitan ser máis o menos extremosas e polarizan posturas, tamén máis ou menos artificiosas, en función dos papeis que cada representante ou portavoz ten asignados, en cada intre, nos parlamentos.

Pero nun sistema democrático, non se pode caer, a hora de resolver problemas fundamentais para o país, na dilución dos esforzos. Ao contrario, habería que manter unha razoable serie de esforzos encamiñados a conseguir consensos, en función de circunstanciadas esixencias.
Para chegar a eles sen receos, parece que debía manterse sempre a reflexión dentro da argumentación que suxire a estrutura epistemolóxica do pensamento dos dous filósofos citados: Nunca pretender a neutralización das diversas posturas, porque no suposto de que estas deixaran de ter un certo nivel de efectividade, desaparecería a tensión, e, conseguintemente, a solución integradora e dualéctica, básicas nun sistema democrático.

Esta desaparición levaría aparellada, neste contexto, a debilitación dos esforzos para dar solución aos problemas máis preocupantes e urxentes do país, que non son poucos, que pivotaría nunha soa das polaridades, con matizacións antidemocráticas, senón formalmente, si de facto, xeradoras sempre de actitudes ditatoriais e, frecuentemente, condenada a unha temporalidade en función das alternancias no poder: É preciso evitar que na barafunda das indecisións aparezan “improvisados salvapatrias”.

E insisto no de “actitudes ditatoriais”, porque están avaladas pola mesma historia. ¿Que foron o nazismo, fascismo e comunismo, senón as correspondencias na praxe das formulacións filosóficas nas que predominou unha única polarización, que se impuxo sacrificando as infraestruturas, e os elementos persoais das outras, con medios violentos, e neutralizando a expansión das superestruturas?.

Isto é unha lección que o nosos políticos esquecen con máis frecuencia que eles mesmos sospeitan, sen deterse a pensar que, nos diversos contextos que vai ofrecendo o transcurso do tempo, a fermentación das súas paixóns polo poder lévaos polo camiño da excesiva polarización.

E non debería ser necesario dicir que os nosos partidos con ideoloxías políticas tan difusas e un pragmatismo electoral tan romo, non reparan en converter o espazo político en MERCADO ELECTORAL. Basta pensar nalgúns feitos: Os socialistas non saben como encaixar en Cataluña, dona Esperanza Aguirre racha a esperanza coa súa “teoría catalanista”, os nacionalismos están á que cae, ós de ERC non lles desgustaría unha dobre nacionalidade para entrar en Europa, poder esixirlle a España dereitos e diñeiro, e cumprir as súas obrigas en Cataluña, e os comunistas dan a veces a impresión, con estraño paradoxo, de que non rexeitarían o que Leibholz, chamou “Estado de partidos de masas” (nun contexto ben diferente!), etc.

E por todo isto explícase que para abesullar que estamos en España pasando por unha situación delicada, se non somos vítimas dunha catarata ideolóxica ou dunha miopía avanzada, é abondo cun olfacto político mediocre; como tamén para darse conta de que pasaron os tempos de obcecarse cun interese xeral ontolóxico e abstracto, que incluso non sería aceptable por enervante, nestas circunstancias, nas que hai que saír do paso mediante pactos e consensos entre os suxeitos portadores de intereses parciais e, aínda, contrapostos.

Pero os consensos requiren vontade consensual en función dese interese xeral, non partidista, porque este agarima a oportunidade no espazo e no tempo, ou fíao todo a unha dinámica polarizada, para non compartir supostos éxitos que albisca no horizonte das súas perspectivas.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES