Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Láncara honra aos seus fillos

miércoles, 25 de septiembre de 2013
O día 9 de agosto, o concello de Láncara (Lugo), fixo entrega das súas máis destacadas distincións a catro dos seus fillos máis esgrevios.

O acto comezou coa interpretación da MARCHA SOLEMNE DO ANTIGO REINO DE GALICIA que interpretou á gaita Marcos Vázquez Marey, funcionario do Concello e Presidente da Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica.

Recollo a miña intervención no acto para poñer de manifesto o valor que ten o feito de que un concello honre ás súas xentes máis preclaras:

"O Concello de Láncara entrega hoxe as máximas distincións que un Concello pode efectuar, para recoñecer o traballo, a valía, a relevancia dos máis sobranceiros entre as súas xentes.

Para os que tiveron a sorte de ver a luz primeira nas terras do Concello de Láncara, este mundo pequeno no que val, planicie e montaña se xuntan á perfección para formar un fermoso pais, o Concello fai nomeamento sinalado de “Fillos predilectos” para poñelos – a fin de contas, primun Inter. pares- como exemplo do que un lancarés pode chegar a ser. E para os que non naceron aquí, pero aquí fan méritos destacados, singulares, o Concello fai nomeamento de Fillos adoptivos para indicar que os seus méritos, a súa dedicación, a súa vida, os fan merecentes de estar á altura dos primeiros entre os habitantes deste concello.

Hoxe é un día grande para Láncara, xa que na súa capital, Poboa de San Xiao, nesta senlleira Casa da Cultura, vanse entregar catro distincións – tres de fillos predilectos e unha de fillo adoptivo – que honran aos que a reciben, dous deles a título póstumo, pero tamén ao concello que as concede, acreditando aos representantes do pobo que ostentan a autoridad neste Concello sensibilidad diante dos méritos de xentes singulares, prestixiosas, que algunhas xa son historia, e outras teñen feito méritos para entrar na historia deste pobo e na historia humana e social do noso país".

Despois da intervención do Alcalde, Eladio Capón López, e do Secretario xeral do Concello, José López Castro, que deu lectura ás actas de concesión dos galardóns, procedeuse á entrega de galardóns aos persoeiros dos que me honrou facer a seguinte semblanza:

ALFONSO CELA, CELITA, Fillo Predilecto

O toureiro “Celita”, Alfonso Cela Vieito, naceu o 11 de xullo de 1885 nunha casa adosada á histórica ponte de Carracedo, propiedade dun tío de seu pai.
De infancia moi humilde, aos once anos trasladouse a Madrid. E aínda que comezou traballando nunha carnicería, moi axiña empezou a participar en capeas.

Presentouse como novilleiro en Madrid o 2 de febreiro de 1910, tomando a alternativa na Coruña o 15 de setembro de 1912, confirmándoa o 22 do mesmo mes. Foi o único toureiro galego que tomou a alternativa.

Na Gran Enciclopedia Gallega, o estudioso da tauromaquia Antonio Sierra di del que “foi gran estoqueador, valente, seguro, e aos seus éxitos coa espada debeu o lugar que acadou no toureo. O voapé executábao tan ben coma o o mellor, colocaba ben as bandeiriñas, e cumpría coa franela aínda que coa capa andaba algo floxo.

A súa mellor tarde foi en Barcelona, o 12 de xullo de 1914, onde fora contratado con Joselito, con reses de Pérez de la Concha. Como o compañeiro tivo un problema, quedou só, e así el tivo que ocuparse dos seis touros, matándoos de seis estocadas e dous pinchazos, conseguindo como premio cinco orellas.

A súa última corrida foi en Madrid o 25 de xuño de 1922, cidade onde morreu o 26 de febreiro de 1932.

Cando maior era a súa sona, en 1915, construíu na súa aldea natal de Carracedo un chalet que costou a daquela fabulosa cifra de 35.000 pesetas.
Hoxe, Celita, Alfonso Cela Vieito, é historia, e como tal é recoñecido e admirado polos verdadeiros afeccionados á controvertida “festa” que desperta pasións, arrebata multitudes e está considerada un dos elementos representativos dun xeito de ser, dunha terra e dunhas xentes, sendo singular a súa existencia precisamente porque en Galicia ten moito menos arraigo que noutras terras do Estado español.

Para o Concello de Láncara, o toureiro Celita é unha gloria local, e por iso tantos anos despois dos seus triunfos o ten nomeado Fillo Predilecto,

(Recolleu a distinción MARGARITA RIVERA DÍAZ, descendente do homenaxeado.)

RAMÓN PIÑEIRO LÓPEZ, Fillo Predilecto

Ramón Piñeiro, que naceu en Armea (Láncara) en maio de 1915, e morreu en Santiago en agosto de 1990, foi unha das máis destacadas personalidades da Galicia do século XX

Con 17 anos, participa na fundación das Mocidades Nacionalistas Galegas de Lugo, das que foi Secretario de Cultura. En 1934, tomou parte no mitin do 25 de xullo na Quintana. E no 1936 foi secretario do comité provincial para o plebiscito do Estatuto de Autonomía.

Confesoume ter salvado a vida en 1936 cando puido saír do goberno civil sen ser recoñecido polos golpistas. Foi o artífice da reorganización clandestina do galeguismo na postguerra, sendo condenado a seis anos de prisión dos que cumpríu tres en Alcalá, Ocaña e Yeserías.

En 1950, participa na creación da histórica Editorial Galaxia –verdadeiro bastión do galeguismo pacífico, estilo Piñeiro- da que sería director. E nela publicou os monumentais ensaios “Significado metafísico da Saudade”, “A Saudade en Rosalía” e “Para unha filosofía da Saudade” esenciais para saber como somos e como sentimos os galegos.

Para Piñeiro, o galeguismo era “un ideal ético de fidelidade ao noso país”, e del dixo García Sabell dándolle entrada na Real Academia Galega, que era “unha das criaturas máis valiosas, senón a máis valiosa, que Galicia dera nos últimos anos”.

Primeiro Presidente do Consello da Cultura Galega, Medalla Castelao, foi para Carlos Casares quen exerceu “unha influencia máis fonda na vida política e cultural da Galicia do século XX”.

Nos anos máis escuros do galeguismo, a mesa camilla de Ramón Piñeiro reuniu aos persoeiros máis importantes da cultura, da política clandestina, do pensamento e da sociedade de Galicia. E Ramón Piñeiro foi o Sumo Sacerdote dun ideario ao que foi fiel durante toda a súa vida.

O Concello de Láncara honra, vintetrés anos despois da súa morte física, ao inmorrente Ramón Piñeiro nomeándoo Fillo Predilecto, recollendo o nomeamento o seu irmán ANIBAL PIÑEIRO LÓPEZ.


JOSÉ PEÑA GUITIÁN, Fillo Predilecto

José Peña Guitián naceu na parroquia de Toldaos, Láncara, en 1926. Estudiou o Bacharelato en Lugo, Medicina en Santiago, e doutorouse en Medicina e Cirurxía na Complutense, formándose na súa especialidade de Pediatría en Santiago, Bruselas, París e Londres, e chegando a ser a maior autoridade galega no eido da pediatría, sendo a cabeza visible dunha escola pediátrica e, especialmente, dunha preocupación e coidado pola saúde da poboación infantil de Galicia.

Catedrático de Pediatría e Puericultura da Universidade de Santiago de Compostela, na actualidade é Catedrático Emérito, distinción que só conseguen os máis prestixiosos e relevantes membros das institucións universitarias.

Desde hai máis de cinco décadas é a maior autoridade galega no campo da pediatría, e foi director da Escola de Puericultura de Galicia ata o ano 2008, Director do Departamento de Pediatría do Hospital Universitario, e Decano da Faculta de de Medicina . Está considerado o pai da pediatría de Galicia.

Ten formado centos de pediatras e a máis de cinco mil enfermeiros e enfermeiras, mestres diplomados e miles de licenciados.

Son excepcionalmente relevantes as súas investigacións nas áreas de crecemento infantil, raquitismo, errores conxénitos do metabolismo e displasias óseas. E ten atendido de xeito directo a milleiros de nenos, entreles moitos lancareses, que gardan dos seus dictames e dos seus coidados unha lembranza impereceira.

Está en posesión da Gran Cruz da Orden Civil de Sanidad, e da Medalla Castelao. Dirixíu 23 teses doctorais e 90 tesinas de licenciatura, e pronunciado máis de 250 conferencias e outras tantas ponencias e comunicacións en congresos nacionais e internacionais. É Pesidente de Honra da Asociación española de Pediatría e da de Galicia, académico da Real Academia de Medicina de Galicia e correspondente da Española.

Cada ano, imparte para coidadores un curso sobre “O neno galego: como nace, como vive, de que enferma e de que morre”.

O seu contacto coa súa terra natal revalidouse hai agora dez anos, en 2003, cando aceptou ser o pregoeiro da Feira da Tenreira Galega da Poboa de San Xiao.


LUIS FERNANDO QUIROGA PIÑEIRO, Fillo adoptivo

E a cuarta destas distincións do concello de Láncara é para LUIS FERNANDO QUIROGA PIÑEIRO, como Fillo Adoptivo.

Os Fillos adoptivos merecen unha atención especial porque sen ter as vinculacións directas coa terra e coas xentes por ter nado nun determinado termo municipal, fanse acreedores desta distinción pola súa querencia, dedicación, atencións, con esa terra e con esas xentes que os consideran con toda a razón como irmáns de sangue e de procedencia.

Quiroga Piñeiro é de Láncara, por razóns de historia e de familia, por razóns de vinculación da súa xente con esta terra, por apelido Quiroga e por presencia continuada neste concello.

Propietario da Casa Grande de a Poboa de San Xiao, fixo dela un centro de xuntanzas, dando vida a unha edificación monumental que sen esa vida correría o perigo de esmorecer. Pero xa antes de que esta Casa Grande estivera aberta para acontecementos singulares xa Quiroga Piñeiro adoitaba recibir nela fraternalmente, acolledoramente, a numerosas persoas. E eu son testemuña de ese sentemento acolledor por ter participado hai agora case trinta anos nunha destas celebracións de amizade.

Por ser titular do máis senlleiro edificio da vila, conservalo e darlle vida, xa sería merecedor de distinción por parte do Concello de Láncara, pero o agradecemento do concello a este desde agora fillo adoptivo baséase na xenerosa aportación de terreos por parte deste lancarés de adopción para conseguir a construcción do Club Fluvial, ou a colaboración cos gobernos municipais para completar dotacións coma a do Campo da Feira, e a total disposición a favor dos temas do común do concello.

A faceta de empresario destacado por parte de Quiroga Piñeiro concrétase nas máis diversas iniciativas, sexan na industria, nos medios de comunicación, agora na hostelería, propietario da Eléctrica de Valdriz, e sempre na impulsión empresarial, sendo membo destacado na gobernación de FENOSA especialmente no eido de persoal, Director agora do do prestixioso Museo Unión FENOSA-Macuf, e Presidente durante moitos anos do Club de Golf A Zapateira, da Coruña.

O Concello de Láncara declara oficialmente lancarés de adopción, fillo adoptivo, a Luis Fernándo Quiroga Piñeiro.

Finalmente, os galardoados JOSÉ PEÑA GUITIÁN e LUIS FERNANDO QUIROGA PIÑEIRO pronunciaron cadanseus discursos de agradecemento, tendo sido o do Sr. Quiroga Piñeiro xa publicado en OPINIÓN de www.galiciadigital.com.

Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania