Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Santuarios do Concello de A Pastoriza, Lugo (II)

martes, 20 de septiembre de 2005
1. Os rituais de participación individual

2.1. O ritual de vir andando ós santuarios
Hai anos moitos devotos acudían ós santuarios andando desde o seu lugar de orixe, ben dun xeito normal ou descalzos e de xeonllos, como sacrificio previo antes de entrar en contacto co sagrado. Na actualidade, aínda que a maioría fan a viaxe en coches particulares, segue habendo alguna pervivencia deste ritual. Así pódese apreciar como hai devotos, que veñen camiñando desde distintas entidades de poboación das parroquias, nas que se localizan os santuarios, e doutras pertencentes ó municipio da Pastoriza.

2.2. Os rituais de contacto
O desexo de todo devoto é entrar en contacto coas imaxes e demais elementos e obxectos vinculados ó santuario, xa que o sagrado proxecta a súa cualidade, sacraliza. Entre os rituais de contacto máis habituais sinalamos os seguintes:

2.2.1. O Ritual de poñe-lo Santo
Este ritual consiste en que o crego, encargado do santuario, ou unha persoa ligada ó mesmo, realizan, cunha imaxe pequena do Santo-a, unha cruz por riba da cabeza dos devotos, quenes bican dita imaxe e deixan unha esmola nunha bandexa ou boeta, situada ó caron do poñente, mentres este recita unha xaculatoria. Nos santuarios deste municipio empréganse as seguintes oracións:

1. No santuario do S. Adriano pón o santo o fregués Plácido Lugilde Pena, que recita a seguinte pregaria:

“Cristo vive, Cristo reina,
S. Adrián che dé a sanidad,
e che quite a enfermedad,
polo poder que Dios ten,
e a Virxen María. Amén”.


2. No santuario do S. Antón Abade o párroco é o encargado de realizar este ritual empregando a seguinte oración:

“S. Antonio bendito,
che quite a enfermedad,
e che dé a sanidade,
polo poder que Dios ten,
e a Virxen María. Amén”.


3. No santuario do S. Cosme un fregués da parroquia, ligado á organización da
festa, leva a cabo o ritual, usando a seguinte xaculatoria:

“Cristo vive, Cristo reina,
S. Cosme che dea a sanidad,
e che quite a enfermedad,
polo poder que Dios ten,
e a Virxen María. Amén”.


Ata finais da década dos setenta puxeron o santo José María Fernández e José Méndez.Logo púsoo Luís Poupariño. Desde hai varios anos pono algún dos encargados de realizar a festa.
Ó carón da capela do S. Cosme hai un monolito de pedra granítica, dedicado a Luís Poupariño, que finou ós trinta e catro anos dun accidente de tráfico. Nel amósanse as seguintes inscricións: “A Luís Poupariño amigo e compañeiro sempre bo e xeneroso do S. Cosme de 1991”. “As boas obras non morren”.

4. No santuario do S. Xián (S. Julián) o párroco impón as imaxes pequenas do Santo e da Virxe da Cabeza. As oracións que se empregan e utilizaron noutros intres son as que indicamos a continuación:

“Cristo vive, Cristo reina, y Cristo te libre de todo mal. Amén”.
“Cristo vive, Cristo reina, S. Xulián te libre de todo mal. Amén”.
“Cristo vive, Cristo reina, S. Julián por medio del te libre de todo mal. Amén.”
“Cristo vive, Cristo reina, La Virgen de la Cabeza te libre de todo mal. Amén”


5. No santuario da Trinidade tanto o párroco como un fregués levan a cabo este ritual. Cando o ritual o realiza o crego emprega a xaculatoria latina:

“Saname domine et sanabor
salvum me fat et salvus ero”.


Pola contra cando o fai o fregués utiliza a seguinte oración:

“Sta. Trinidad che quite a enfermedad,
e che dé a sanidad,
polo poder que Dios ten,
e a Virxen María. Amén”.


6. No santuario do S. Cidre (S. Isidro) levou a cabo este ritual durante bastantes
anos Manolo Tella, que usaba a seguinte oración:

“S. Isidro bendito,
che quite a enfermedad,
e che dé a sanidad,
polo poder que Dios ten,
e a Virxen María. Amén”.


Nestas fórmulas sagradas, que acabamos de mencionar, podemos apreciar como os santos actúan como mediadores diante dun ser absoluto e transcendente. “...Para chegar con máis seguridade a ese Deus, non sempre persoas, o galego bota man dos santos e da Virxen...” (54).
Este ritual emprégase en moitos santuarios galegos. “En moitos santuarios milagreiros hai o costume de “ponle-o santo”. Van a que llo toquen os enfermos para sandar, e os sanos para que nos lles dea s enfermedá. Para esto hai unha imaxe pequena do santo; o devoto ponse de xeonllos, e o sacristán, as máis das veces, colle a imaxe e dalla a beixar, e logo trázalle coela unha cruz nas cosas, decindo unha oración...” (55). Tamén se utiliza noutros pertencentes a outras rexións e nacionalidades. “En el santuario de S. Martín (Azcoitia- Guipúzcoa) durante la misa se da a besar la reliquia del santo titutar” (56). Finalmente segue empregándose noutras nacións, nas que segue habendo un forte contido relixioso de base cristián. “En muchos santuarios bretones los romeros besan las reliquias expuestas delante del coro” (57). “Los romeros portugueses, al terminar la misa, se agolpan para besar las imágenes del santo” (58)

2.2.2. O ritual da circunvalación
En chegando ó santuario, os devotos entran en contacto co sagrado. Isto motiva que dean unha ou máis voltas ó redor do mesmo de pé, descalzos e de xeonllos cunha finalidade purificadora. Nas súas mans levan unha imaxe pequena do Santo-a, Virxe...e figuras de cera, que representan ó gando vacún e porcino, así como ó corpo humano, total e parcialmente. Este ritual segue vixente nos santuarios do S. Cosme, Trinidade , S. Xián e o S. Cidre. “Antes da procesión as persoas ofrecidas ían de xeonllos arredor da capela, ahora son poucas as persoas, que dan voltas e van de pe” (59). Hai anos algúns gandeiros adoitaban traer o gando vacún ós santuarios do S. Cosme, S. Cidre e o S. Xián cunha finalidade profiláctica e curativa. Daban unha ou máis voltas ó redor do recinto sagrado ou acompañaban á procesión na parte posterior. “Había quen viña coas vacas e dabanlle dúas ou máis voltas arredor da capilla. Algúns viñan e facíano antes; outros esperaban a que saíse a procesión, e facíanlle logo o mesmo recorrido” (60). Na actualidade aínda algunha persoa segue traendo por devoción o gando vacún a algún santuario (61).

2.2.3. O ritual do contacto activo coa imaxe estática
Algúns devotos aínda seguen tocando cos seus panos as imáxes de devoción, quedando sacralizados. Logo pásanos polas partes doentes dos seus corpos cunha finalidade curativa. Este ritual séguese utilizando no santuario da Trinidade (A Pena) (Vián).

2.2.4. O ritual do coitelo do S. Adrián
É unha variante do ritual anterior. Bastantes devotos, que acoden ó santuario do S. Adriano (Fitoiro, Bretoña) pídenlle a Plácido Lugilde Pena, fregués encargado de “poñe-lo santo”, que lles dea uns coitelos de madeira, previamente bendicidos polo párroco, para pasalos polos bultos e outras doenzas, facendo cruces. Algúns solicítanlle ademais que toque a imaxe do S. Adriano cos coitelos, para logo eles pasalos polas súas partes doentes. Hai anos “os coitelos do S. Adriano” facíaos José Lugilde Moirón e Germán Lugilde Pena. Na actualidade, Plácido Lugilde Pena encárgase desta tarefa, para a que utiliza madeira de loureiro, que foi bendicido o Domingo de Ramos.
Este ritual tamén se emprega noutros dous santuarios chairegos:
1º. No santuario do S. Adriano e S. Xián (S.Julián) de Carballido (Pacios, Begonte), onde antano os coitelos eran construidos por Manolo Rodríguez Ferreiro, veciño de Carballido (62).
2º. No santuario do S. Adriano de Goiriz (Vilalba). Aquí bastantes devotos pídenlles a Xosé Antonio Blanco Teixeiro e a Xosé María Rei Rego, persoas vinculadas coa administración do santuario, que toquen a imaxe do S. Adriano cuns coitelos de madeira. Despois estes dánllos outra vez ós devotos, que os pasan por aquelas partes doentes dos seus corpos, facendo cruces (63).
O coitelo, no seu contacto coa imaxe, queda sacralizado e os devotos poden deste xeito cortar simbólicamente as súas doenzas.

Notas
54. MOREIRAS SANTISO, Xosé. Ob. cit, páx. 64.
55. RISCO, Vicente. “ Etnografía: Cultura Espiritual”, en Historia de Galicia dirixida por Ramón Otero Pedrayo, Tomo 1, 1979, páxs. 380-381.
56. MARIÑO FERRO, Xosé Ramón. Ob. cit, 1987, páx. 171.
57. MARIÑO FERRO, Xosé Ramón. Ob. cit, 1987, páx. 170.
58. MARIÑO FERRO, Xosé Ramón. Ob. cit 1987, páx. 170.
59. Informante de Prevesos (Castro de Rei).
60. Informante da Castiñeira (Bretoña) Información sobre o Santuario do S.Cosme.
61. É o caso de Concha de Campos de Saldanxe, que aínda no ano 2000, trouxo o gando vacún a capela do S. Isidro (Tellán, Saldanxe).
62. Blanco Prado, José Manuel. La Religiosidad Popular en el Municipio de Begonte. Lugo: Deputación Provincial, 1992, páx. 87.
63. BLANCO PRADO, José Manuel. Exvotos e Rituas nos Santuarios Lucenses. Lugo: Deputación Provincial, 1996, páx. 37.
BLANCO PRADO, José Manuel. “A recuperación da romaxe do S. Adrián de Goiriz (Vilalba-Lugo)”, en Boletín do Museo Provincial de Lugo, Tomo IX, 1999/2000, páx. 35.
PERNAS BERMÚDEZ, Carmen. “Un día no San Adriano”, en Asociación Cultural Festas do S. Ramón e Sta. María de Vilalba, 2001, páx. 53.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania