Falemos da crise, outra vez.
Catoira Rey, Rafael - lunes, 23 de septiembre de 2013
Ultimamente rexeito falar da crise. Non porque non me afecte tanto como a calquera fillo de veciño deste e outros países, excluíndo aos privilexiados, sobre todo deste país. Pero dáme en pensar que a crise é un momento de ruptura, o instante en que se manifesta o que estaba a xurdir cociñándose no interior de algo e de súpeto estala. Así as capas tectónicas xúntanse baixo a superficie e no val plano inicia a ascender unha montaña virxe. A auga do río discorre arando a superficie do val e cando se encontra cun desnivel da canle, convértese en fervenza.
A crise devén dun pasado que a creou e non pode ser futuro xa que vive nun presente circunstancial e aí remata, xa que o futuro está reservado ás súas consecuencias e nada máis, nin nada menos. Pero como o val e o río, ata que se manifesta esa circunstancia traumática, pasado e futuro non existen ao non ter ese epítome como referente, xa que o momento crítico é a consecuencia do pasado e consecuente do futuro.
Polo tanto non se pode vivir nunha crise permanente, agás que no colmo do nihilismo se acepte a crise como a naturalidade do vivir. Manifestación da angustia existencial levada ata o seu último extremo. Co cal, o val sería unha inexistente planicie e os picos de serra das cordilleiras o noso hábitat natural. Dende logo, as arritmias das bolsas de valores e da prima de risco, ambos os dous resultantes e ao mesmo tempo, desencadeantes dos condicionamentos económicos e a súa influencia no social, móstrannos ese panorama de convalecente coas constantes vitais cabalgando desbocadas a punto do shock.
Aceptando que a crise é ese momento circunstancial (o estalido que revela o mal funcionamento da maquinaria. A manifestación de que ese ruidiño que emitía o coche e ao cal non lle queriamos facer caso, converteuse na rotura dos freos xusto cando estabamos a coller esa pronunciada curva un pouco bastante a máis velocidade da que deberíamos) poderiamos analizar as causas e creo que isto xa se fixo, con profusión e dende os distintos ángulos, por premios Nobel, economistas das grandes universidades, cerebros privilexiados e dende os organismos de todo tipo a favor e en contra da ideoloxía dominante, etc. É dicir factótums do liberalismo económico máis liberal dende e con Friedrich Hayek na mente e sisudos contrarios; polo tanto non creo pertinente abundar niso. Tampouco considero necesario falar aquí das consecuencias evidentes ben sabidas e sufridas por todos, case imposibles de enumerar dado as ramificacións que dende a obxectividade da economía reverte no social e dende alí, subxectivamente, no persoal coa súa carga de dor e sufrimento.
Non obstante si me gustaría precisar os efectos colaterais (consecuencias subxacentes) deste estado no que vivimos arestora, e que como lastre, mesturados entre o lixo que ese río arrastra despois de saltar a fervenza, quedan ao descuberto.
Refírome non aos escándalos da corrupción, nin da dilapidación, nin das mentiras dos políticos e moitos etc. Quixera sinalar as consecuencias destes danos colaterais e que se poden resumir nestas ás que, sen dúbida, se lle poden engadir outras de igual ou maior valor.
O recoñecemento de culpa como exoneración da culpabilidade. Incidindo no feito de que se alguén é xulgado e é considerado culpable, a súa exoneración xustifica a reiteración do feito delituoso e un acicate para que outros o secunden.
O uso continuado do nepotismo como forma de outorgar postos de traballo e favores a beneficiarios que se converten en súbditos do outorgante e o outorgamento de voto nunha relación clientelar. Ignorando que este nepotismo é herdeiro directo do servilismo ao que obrigaba o cacique.
A mentira como arma instrumental, recurso exteriorizado, e poida que incluso interiorizado, sen rubor, levando os discursos de Goebbels ata unha perfección xamais soñada polo I I I Reich.
Os mecanismos democráticos como chantaxe. (Tantos votos recibín por tanto tempo, a eles remítome para xustificar as miñas actuacións, independentemente de que cumpra ou non o programa electoral polo cal me votastes).
A xordeira ante as manifestacións populares, menosprezando tanto o número de manifestantes como rexeitando as peticións ou reclamacións.
A indiferenza, non só ideolóxica, tamén práctica, entre goberno e oposición que impide as alternativas.
A falta de credibilidade dos organismos institucionais: partidos políticos, sindicatos, asociacións profesionais.....
Mesmo algo peor, a aparencia de que estas manifestacións, espurias nunha verdadeira democracia, ou cando menos nunha democracia que como toda institución social humana debe buscar o perfeccionarse, están feitas, aparentemente, con crenza absoluta na súa lexitimidade, case co convencemento de que ao devir duns feitos e unhas accións xa consuetudinarios, están avalados polo costume do seu uso. Incidindo nelas cunha ignorancia absoluta dos presupostos éticos máis elementais.
Podería continuar coa enumeración, pero a cuantificación non é importante
agora. Pretendo comprender como foi posible esta degradación da democracia e que medios temos ao noso alcance cos que legalmente poidamos corrixilos. Pero isto é outra historia.
Con este campo sementado deste xeito, que colleita poderemos ter?

Catoira Rey, Rafael