Todo en cuestión
Editorial - viernes, 20 de septiembre de 2013
O problema empezou pola economía, para que logo digan que o diñeiro non fai a felicidade. E fai seis anos, sen que nos deramos conta, comezou a derrubarse o edificio aparentemente perfecto que tiñamos construido coa base do que nos deixaron os devanceiros, as nosas ilusións e o traballo de todos.
Certo que o cemento co que asentamos a pedra ou ladrillo non era moi axeitado, e os elementos foron esborrallando o que tan firmemente construímos: as accións ou obrigas, os aforros, os investimentos en casas ou solares, todo o que non fose diñeiro constante e soante ou metais preciosos empezou a perder o seu valor dun xeito alarmantemente acelerado.
E cando o económico se derrubou, seguiulle o social porque os empregos empezaron a desaparecer, os subsidios a decrecer ou anularse, as compras a diminuir, o entusiasmo e a ilusión a borrarse dos nosos presentes.
E dentro do social, o político xa que empezamos a descreer dos nosos representantes, as autonomías déronse en mirar para comprobar quen aportaba máis ou máis recibía, a familia real púxose en cuestión, e velaquí que a estas alturas non parece haber nada que non se cuestione, que non peligre, que non se tambalee.
Comprobamos que poderoso cabaleiro segue a ser o don diñeiro, que os bens desta terra de pouco valen se no mercado non se cotizan, que unha ducia de poderosos poden poñer nun brete a un país, e medio cento a todo o mundo.
Seis anos despois de que todo comezara, nada temos claro máis ca o noso desvalimento. Só sabemos que non valemos nada, dito sexa en termos económicos. E da economía pasamos a todo o demais.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora