Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dous vellos e unha soa soedade

jueves, 19 de septiembre de 2013
DOUS VELLOS E UNHA SOA SOEDADE

INTRODUCCIÓN

Aló polo ano 1977 naceu no Colexio Ramón Falcón de Castro de Rei unha peciña de teatro titulada “DOUS VELLOS E UNHA SOA SOEDADE”: Quen xerou esa criatura fomos un cura e unha mestra profesores do Colexio. A mestra non era eu. Era a entrañable amiga María do Pilar Campo Domínguez, tamén coñecida como Marica Campo e recoñecida, hoxe, e dende hai tempo, como extraordinaria escritora en galego.

Non causou maior escándalo que un cura e unha mestra xerasen mancomunados tal criatura. Só se escandalizou un chisquiño unha tía da mestra, moi relixiosa ela, que temía polo futuro da sobriña e do “páter”. Por sorte, ou porque Deus o quere, esa amizade entrañable perdura ao longo de todos estes anos e ao cura axudoulle e axúdalle a ser máis cura e á mestra tampouco a apartou da súa vocación nin do seu camiño.

Para que nacese a criatura foi indispensable a eficaz colaboración de sete alumnos e alumnas que lle deron vida levándoa do papel ao escenario deste Colexio Público e a algúns outros coma, por exemplo, o da chamada naqueles tempos “Escuela de Peritos de Lugo”.

No mesmo momento de vir á vida a peza foi apadriñada polo conxunto de profesores do devandito Centro, nunha demostración de moi bo entendemento, xa que se implicaron facendo decorados e noutros mesteres necesarios e bendiciuna a mesma inspectora Dona Mariluz Abella que asistiu á súa estrea e dixo ben dela, que iso significa ben-dicir.

Esta implicación colectiva deu lugar na “Escuela de Peritos” a este diálogo:

-¿Escribisteis vosotros la obra?
-Si. Marica e máis eu.
-¿Y los decorados también los pintasteis allí?
-Si. Pintáronos varios profesores.
-¿Y el vestuario también lo agenciásteis vosotros?
-Si. Buscamos por onde puidemos.
-Luego, lo haceis vosotros todo?
-Non. Os nenos encargámosllelos a veciños e veciñas dos arredores.
-¡Ah, bueno!
-Pois iso. E déixeme, que temos que empezar.

Naqueles intres xa Marica comezara con éxito a mudar de casa. Refírome ao que ela mesma di nunha súa autobiografía publicada na BVG que ven sendo a Biblioteca Virtual Galega. Transcribo literalmente as súas palabras que, como poderá comprender o lector ou lectora, énchenme de fachenda. Di: “Paseime ao galego, tanto na práctica monolingüe da fala como na escrita, durante a miña estadía no Colexio Público de Castro de Rei. Alí descubrín o desaxuste en que vivía ao estar nunha casa prestada tendo casa de meu. Nesta mudanza axudoume moito Xosé Manuel Carballo, o primeiro tradutor de Molière ao galego entre outras moitas cousas”.

Grazas, Marica, polas túas palabras, aínda que sen min tamén habías mudar de casa e, dende logo, xa tiñas daquela moita bagaxe literaria que trasladar, porque xa eras unha moi boa escritora en castelán.

Pero o certo é que nese tempo de mudanza, no que eu pouco máis tiven que facer que amosarlle a porta da nova casa, pedinlle a súa colaboración para escribir, xa en galego, a peciña teatral. E pagou moito a pena; porque sen esa colaboración, a criatura nacería moi eivada e con riscos moi serios de non lograrse.

O tema era a emigración e o despoboamento do rural galego por mor dela. Pepe Chao Rego nun prólogo para unha posible publicación, que nunca se realizou debido á informalidade do editor, en paz descanse, dicía que era unha denuncia do máis radical da emigración e do empobrecemento do mundo rural.

A proba está en que boa parte dos nenos que a representaron daquela, tiveron que deixar a aldea cando foron medrando.

Cremos que, por desgraza, despois de trinta e seis anos ten aínda vixencia e que dalgún xeito foi unha premonición da tan grave situación de decadencia da poboación rural que hoxe padecemos.

Imos ofrecela en dez capítulos e en forma de relato. Neste caso a conversión ao xénero narrativo é obra do cura co consentimento e da mestra. Dígoo, para que quede claro que se a linguaxe non é tan perfecta coma a de Marica, ou se hai erros ou infidelidades á idea orixinal, só se me poidan atribuír a min.

E comezaremos, Deus mediante, o xoves da vindeira semana. Logo, ata daquela, se tedes a ben botarlle unha ollada a esta colaboración en Opinión.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES