Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Facer o humor

miércoles, 18 de septiembre de 2013
Pois velaí que aínda seguimos a teimar en tempos duros nunha existencia que queremos medir en felicidade, e a vida sempre nos da algún motivo para volver a rir. Non darnos por vencidos tamén implica atopar a cara lúdica do camiño e gozar dela sen perder a perspectiva do noso horizonte.

Sempre fun partidario do humor, de feito, o único deporte ao que lle gardo fidelidade é o de rirme de min mesmo. É un exercicio moi saudable que lle pon bálsamos ás derrotas e nos axuda a erguernos con enerxía renovada.

Coido que o que non sabe rirse de si mesmo ten un problema de autoaceptación que probablemente o ancora nun por qué sen resposta.

Xeralmente a vida é máis sinxela do que nos parece, sempre garda unha saída cara o porvir e no camiño sementa abondosos intres para gozar do que nos rodea e que moitas veces por cotiá pasa desapercibido.

O humor é unha esencia multicolor que nos leva a percibir novamente os aromas da vida. Calquera circunstancia adversa con humor pódese abrir en camiño. Isto significa que o riso é unha ferramenta innata da humanidade que temos que valorar moi seriamente. Perder o riso é perder a oportunidade de procurar solucións, porque as solucións están na desdramatización da adversidade; só cando somos capaces de mirarnos de dentro afora e de fora cara dentro, flúen as nosas oportunidades.

Facer o humor é un exercicio que nos concilia co pasado e nos impulsa a construír o futuro. Cada riso é un alicerce que lle poñemos ao soño que levamos dentro, entón o riso convértese no alimento esencial dos soños e nace o camiño cara superar os imposibles.

Tiña razón António Gedão cando deixou dito aquilo de que o soño “comanda a vida”. Un soño no que rimos é unha fonte de enerxía que nos acompaña ao longo da xornada, quizais por iso Victor Frankl se fixo o propósito naquel campo de concentración de inventar cada día unha historia que fixera rir aos seus compañeiros.

Sempre intentei desdramatizar a vida, por iso cada vez que teño a oportunidade de intervir en público trato de introducir anécdotas que leven o riso, coidando que este asegure unha transmisión máis profunda da mensaxe.

Nestes días tiven a oportunidade de contactar co ilusionista Xosé Manuel Carballo, quen hai pouco pasou por unha larinxectomía que foi capaz de narrarlle ao amigo Xesús Mato de xeito humorístico dende o propio hospital.

Un artigo publicado nesta casa e titulado “Comer por un tubo”; quen lea este artigo comprenderá á perfección o que é o humor na resiliencia, o humor nunha situación límite onde nos xogamos a nosa sorte.

Coido que tiña razón Victor Frankl cando dixo aquilo de que a actitude é a última das liberdades, eu diría que é a liberdade que ninguén nos pode quitar. Por iso eu elixo e elixirei sempre o humor ante as circunstancias adversas da vida, elíxoo para manterme en pé, elíxoo para manter a ilusión, para saberme eu, para sentirme dono de min mesmo e acceder ao máis auténtico da miña forma de ser, alí onde a autoestima me fai medrar cos que máis quero.

Elixo o humor porque o humor faime máis “sesi” e ben está que a natureza que no físico non nos agraciou co primeiro premio da beleza (non son Míster nin Señor, aínda que cando me miro ao espello a autoestima debúxase do outro lado e dime: “¡qué desperdicio de hombre!”), nos conceda polo menos o don de rirnos de nós mesmos e se cadra tamén rirme de ti, querido lector ou lectora.

Aínda que ben pensado, se teño que escoller entre facer o amor e facer o humor...
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES