Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha visión práctica da poesía

martes, 17 de septiembre de 2013
A quen poderiamos recorrer entón.

Todo anxo é terrible, di Rilke. E se xa nin os anxos, nin os homes e nin sequera os sagaces animais que xa notan que non estamos moi confiadamente neste mundo interpretado, oen a nosa voz se berrásemos A quen poderiamos recorrer entón?

Contra o mundo interpretado, o filósofo nos seus conceptos e o poeta nas súas metáforas descóbrennos a realidade interpretable. Esa realidade allea á que os físicos e os científicos das ciencias concretas veñen descubrindo desde que o mundo é mundo habitado por cerebros que son capaces de reflexionar sobre o que os rodea e sobre si mesmos.

Talvez nos queda algunha árbore na aba, para velo a diario, de novo.

É esa mirada nova da que nos fala tamén Albert Camus, que se aplica a ver por vez primeira o que tantas veces vimos e que, ao facelo, descubrimos o que era evidente. Este terreo do evidente oculto, é o terreo do poeta e do filósofo. O ignoto que está a esperar o descubrimento do filósofo para que elabore os seus conceptos e da manifestación resplandecente do poeta nas súas metáforas.

Todo baleiro tende a encherse, como vasos comunicantes. A natureza impide a vacuidade coa súa distribución, aparentemente aleatoria, xa que coa súa natural disposición e o noso costume ao vela aceptamos o que estamos a ver como único e imprescindible.

Pero hai mil baleiros que o ollo non ve e que agardan ser chamados para xurdir. Están á vista, desdeñando o agocho, son na súa existencia pero esperan ser nomeados para manifestarse.

Esta é unha tarefa máis alá da física. Esta tarefa (nin sequera metafísica, en tanto que non necesita dunha mínima ancoraxe na realidade tanxible para excederse e superar o meramente físico) co tacto na mística ( xa que palpa dentro da nebulosa do sospeitado pero non recoñecido) é a tarefa do poeta e o campo a interpretar do filósofo.

Esta mística (De misteriosa, de inconcibible por medios debidos á lóxica se non é pola súa propia lóxica) que é a interpretación do invisible mundo polo poeta, ten (debería ter) a capacidade sandadora que se lle achaca á catarse do coñecemento da verdade escondida entre as dobras que a razón produce para evadirse do seu recoñecemento. Capacidade sandadora que non só é terapéutica, e tamén, quizais o sexa, herdeira do chamanismo.

Apolo, que controlaba a razón e a harmonía era o protector da sen razón devida en profética do oráculo de Delfos.

O poeta, o filósofo, o chamán, o adiviño, e talvez o tolo, son a constatación da verdadeira apreciación da realidade. Pois a metáfora sobre a vida remite a orixe á propia vida. A metáfora da realidade remite a orixe á propia realidade......... Imaxe e espello.

Se che alcanza a túa propia sombra, poderás adiviñar a orixe da luz? A sombra é a metáfora da luz. A luz é o concepto que encarna a xustificación da sombra.

E se a metáfora da realidade e o seu conceptuar filosófico (non a evasión polo camiño da estética decorativa ou das retóricas) son as pancas que nos axuden a comprender e, polo tanto, a mellorar a realidade, por qué non afondar en tal terreo? Por qué non facer noso e aumentar ese slogan de máis filosofía e máis poesía e menos prozac?

Aposto por esta visión práctica da poesía na que a estética das palabras e dos conceptos, ao resplandecer, nos ilumine descubrindo esa realidade oculta que agarda para manifestarse e nos axude a escapar da mesquiña realidade na que o costume do sempre visto nos atrapa os pés e nos impide o voo.

Esta tarefa de heroe que debería ser de obrigado cumprimento do poeta e do filósofo, debería supeditalos a enfrontarse á arqueoloxía do coñecemento do real escondido, poñendo énfase no poder revelador do subconsciente como apuntalador do real descubrindo o que oculta a realidade subxacente entre os veos da realidade evidente.
Catoira Rey, Rafael
Catoira Rey, Rafael


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES