Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Arde o Monte Pindo

lunes, 16 de septiembre de 2013
O domingo, día oito, estivemos, cun grupo de amigos, na cima do Monte Pindo. Dende O Fieiro subimos ata Pena Moa. Era un día claro, cheo de luz.

Alí estivemos un bo anaco, contemplando a inmensa beleza da costa -dende a praia de Carnota ata o faro de Fisterra- e o océano que se perde no infinito.

Hoxe espertamos coa noticia de que o lume arrasa, baixando pola ladeira, dende O Ézaro –onde chega ata o mar- ata Caldebarcos, pasa perto das vivendas en Quilmas e Panchés, e deixa o territorio devastado. Os veciños estiveron toda a noite loitando contra o lume, defendendo as propias casas. (Tamén arde, dende onte, a miña terra natal de Negreira).

A paisaxe que contemplamos hai pouco foi xa devorada polas lapas. Tardaremos moito tempo en recuperar a beleza daquel día. A “Asociación Monte Pindo” ven reclamando dende hai anos a declaración desta zona como Parque Natural, para conseguir unha maior protección e promover medidas de desenvolvementos sustentable. Mais a Xunta de Galicia non soubo ver a prioridade da medida e non declarou ningun parque natural novo na última década. Agardemos que o dano causado agora non sexa irreparable.

Causa verdadeira tristura e desazón contemplar como, a pesar das numerosas advertencias e demandas, o abandono do monte en Galicia provoca que, ano tras ano, o lume arrase enormes extensións ante a inacción dos gobernantes. Hai anos, cando estaba na oposición, Núñez Feijóo fixo unha ridícula foto na que aparecía agarrado a unha mangueiriña. Agora sinala aos incendiarios como únicos causantes desta onda devastadora que está a queimar a nosa xeografía. Pretende eludir a responsabilidade propia, a súa inacción ante o problema e a incompetencia do seu gabinete para desenvolver unha política forestal a longo prazo, que permita fixar a poboación no rural e recuperar o valor económico da terra e do monte. Semella que non lles importa ver a Galicia convertida nunha terra calcinada, donde as multinacionais da mineiría poidan actuar envelenando o territorio ata convertelo nun deserto inhabitable.

O éxodo poboacional masivo, as terras de cultivo abandoadas e cubertas de maleza e os montes convertidos en selvas impenetrables: estes son os elementos que facilitan a extensión do lume e a actuación dos incendiarios.

Ven de constituirse a “Asemblea Galega Contra o Lume” que, como primeira actuación pública, presentou tres mil sinaturas no rexistro da Xunta para demandar unha nova política forestal que reduza a vaga de incendios dos veráns. Recordan que en Galicia “co 7,7% da superficie forestal española, acontecen o 45% de todos os incendios, estando un 30% da superficie forestal afectada”. As políticas aplicadas ata o momento teñen demostrado a súa total ineficacia; a vixiancia policial e o endurecemento das medidas contra dos pirómanos non abondan. Este colectivo propón un decálogo de medidas para evitar danos irreversibles para a biodiversidade.

O responsable principal dos incendios é quen prende o lume. Mais toda a sociedade temos a responsabilidade, ante a Humanidade enteira, de protexer o noso territorio e a súa riqueza forestal e biolóxica. E as autoridades políticas teñen a responsabilidade máxima de impulsar políticas que permitan a protección e pervivencia do noso hábitat. Deles depende, de maneira principal, que deixemos aos nosos sucesores a herdanza dunha terra habitable e con futuro ou dun páramo calcinado e sulcado polo veleno inxectado polas minas na canle dos ríos. Cómpre actuar con dilixencia: cada ano que pasa as feridas fanse máis profundas.


http://pablovaamonde.blogspot.com.es/
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES