
Dous autos recentes do xuíz Alaéz, instrutor das dilixencias do accidente de Angrois, viñeron a poñer as cousas no seu sitio apuntando á responsabilidade directa de altos executivos que pretendían irse de rosiñas e lavar as mans, como os Pilatos que teñen por costume ser os moi ben pagos presidentes de Adif, Renfe, Caixanova, CaixaGalicia ou Pescanova: eles estaban alí de turistas e si che vin non me lembro.
O auto de 20 de agosto mal redactado e ás veces incomprensible; ese é outro asunto- aborda o fondo da cuestión: o condutor, cuxa responsabilidade non se discute, tiña todas as habilitacións legais e o tren tamén cumpría todos os requisitos; pero a vía non. A vía estaba e está mal trazada e ata o día do accidente estaba mal sinalizada: apenas un sinal de 80 km./h. colocado cen metros antes da curva cando o tren necesita de varios quilómetros para realizar esa redución progresiva de velocidade [de 200 a 80] en condicións de seguridade para os usuarios.
Existiu unha omisión de cautelas elementais, di o Xuíz, o que é un delito imprudente do que resumindo o auto- serían culpables os responsables de garantir a seguridade, de adoptar esas cautelas que evitasen o desgraciado accidente. Esa desatención da seguridade ten conexión co descarrilamento e o Xuíz considérao un descoido grave. O primeiro auto conclúe pedindo a Renfe e ADIF que identifiquen aos responsables da seguridade e sinalización da vía.
Coa respostas na man revisadas polo Ministerio de Fomento-, o Xuíz dita un segundo auto o 9 de setembro no que xa imputa aos presidentes e vocais do consello de ADIF desde a entrada en servizo da liña ata o 24 de xullo; así como ao director de seguridade, xerente do área de seguridade do Noroeste, xefe de inspección e inspectores da xefatura Noroeste, todos eles tamén de ADIF.
Os altos cargos, di o Xuíz con claridade, non están de adorno e non poden lavar as mans. Aínda que o presidente e o consello teñan delegada a seguridade, seguen tendo obriga de vixiar si se está a cumprir ou non esa función. Non vale dicir: ¡Ai, eu deleguei no Director de Seguridade!
Non, vostede, señor presidente de ADIF, e os seus conselleiros, altos executivos ben pagos e se supón cualificados para o cargo, seguen tendo obriga de vixiar que na súa empresa se cumpran as normas de sinalización e seguridade máis elementais. Era o seu deber facelo, recórdalles o Xuíz, e non o fixeron. A responsabilidade afecta non só a quen están en contacto directo xefes, inspectores- senón tamén aos órganos directivos e xestores afastados que debían velar polo cumprimento da seguridade, (
) polo que son imputables obxectivamente todos eles, pois todos, delegantes e delegados, teñen un dominio real sobre a fonte de perigo e todos deben ser considerados potenciais autores do delito imprudente.
Oxalá este auto do xuíz Aláez sente precedente e noutros moitos casos se esixa responsabilidade a delegantes e delegados: aos mandos intermedios que cargan co peso e aos seus xefes, presidentes e ministros que, cada vez que ocorre unha desgraza xa sexa Angrois, o Prestige, un incendio forestal ou o afundimento do Titanic Pescanova-, píllalles de vacacións ou cazando osos e elefantes.