Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Seguimos ancorados na Realidade Virtual

viernes, 13 de septiembre de 2013
Non é que non teñamos remedio. Non o queremos poñer. Non temos ningún desexo de MODULAR a realidade social na que vivimos, aínda salpicada das faíscas daqueles tempos de grandeza e o torpe autobombo partidista, como o foi antes o das institucións da ditadura. Cústanos de verdade aceptar que internacionalmente non teñamos máis peso e buscamos “chibos axexantes” para xustificar as nosas derrotas, que nunca as consideramos merecidas, porque nas decisións non se toman en conta... os nosos méritos!. Por favor... sexamos realistas!. E permítanme que faga un inciso para intentar fundamentar a miña modestísima opinión.

Tanto nos escriben e falan, os que saben moito de todo isto, do SER, que acaban concedéndolle escasa importancia a REALIDADE. Pensan que hai seres, situacións, contextos...reais, e seguramente non aceptan sen teimosos caneos que a “realidade” non é un modo de “ser”, senón que o ser é algo que se apoia na realidade. Xa o dicía Zubiri, pecamos dunha impropia substantivación do ser, porque “non hai ESSE REALE, senón REALITAS IN ESSENDO”. Perdoen a pedantería, que explico: O ser é, por tanto, algo posterior a realidade; é a actualización, a presenza, desta no mundo. Con precisa terminoloxía, o filósofo que comparta esta teses diranos que a realidade é un PRIUS (anterior á...) do ser.

Quixen chegar aquí porque me parece oportuno suxerirlles que pensen que hai unha realidade virtual, non unha virtualidade real. O home é racional porque é un animal de realidades: Ten que navegar na “inespecificidade” da realidade, da que non pode desentenderse, por esta súa condición, que o impele á racionalidade.

Inescusable e esencialmente, dentro dela acomete a solución dos seus problemas (tamén dos virtuais), está como lanzado a isto polas esixencias da súa propia realización persoal (problema ven do grego PRO-BALLO=lanzar), optando entre as posibilidades que lle ofrece e buscando os medios apropiados para acadar o seus obxectivos. Así se explica aquilo de que o home non busca a realidade, porque xa está nela, busca os distintos momentos e modos da mesma: CON e DENDE ela constrúe certos modos de realidade, entre eles o da “virtual”.

Por tanto, na sociedade, na que con-vivimos, hai modos de realidade por construción, como as institucións e os contextos virtuais, por exemplo, referíndonos a eles como entes, seres, sen pararnos sequera a pensar que son actualizacións (presenzas), no mundo, das respectivas realidades, que os preceden. Por conseguinte, só acadan as convenientes correccións pola previa esixencia das introducidas na realidade que actualizan: O ser revela as deficiencias da realidade, pero nel non se corrixen; só é unha pantalla na que se reflicten.

E isto permítenos concluír que para acometer con eficacia a corrección dos nosos optimismo e autosuficiencias, no mesmo nivel social e institucional, non basta con facelo en función do que reflectimos no mundo, senón que hai que apandar coa realidade como orixinaria deses fenómenos. Para desvincularse, pois, dunha “realidade virtual” é mester “DE-construila” previamente, porque os seus ingredientes están tomados da mesma realidade que a constitúe. Acometer esta tarefa nas entidades que lle dan presenza é o que habitualmente adoitamos chamar “parcheos”.

E no noso caso, esta “de-construcción” pasa por reconducir as condutas por canles éticos, educando a tempo; evitando as corrupcións tan xeneralizadas e os histrionismos parlamentarios; racionalizando e xustificando a contribución do cidadán á comunidade á que pertence, para que adquira conciencia da prioridade do DEBITUM AD OMNES (débeda á comunidade) , como preferente ao DEBITUM AD ALTERUM (débeda privada), poñendo a bo recado ós grandes defraudadores da Facenda; educando para a equidade e a solidariedade; xulgando ás persoas individuais e xurídicas polo que fan en relación ao que deben facer, e vixiando o que din en promesas irresponsables, que deberían gradualmente ser consideradas como punibles; adoptando posturas nas que prime unha razoable permanencia no tempo de certos produtos das decisións gobernativas, cando así o esixa o interese da comunidade, como, por exemplo, o ensino; mantendo un escrupuloso coidado no respecto da independencia dos distintos poderes, mediante o exercicio das respectivas competencias de quen as teña atribuídas; desterrando as prácticas solapadas de vinganza ideolóxica, tan frecuentes como viles, e tamén as artimañas coas que se adoita buscar a impunidade das persoas con relevancia e poder social e aparente prestixio, que por accións punitivas téñeno cuestionado; desactivando as iracundias nacionalistas, emerxentes nos momentos de graves indecisións constitucionais dos poderes estatais que, por atribución de competencias, posúen a obriga de vixiar e manter os parámetros de coherencia establecidos; regulando e vixiando as actividades financeiras especulativas (...).

Por suposto que temos remedio, o que non temos é vontade para acometer a debida conformación da realidade, e quedámonos na esfera do mero ser das cousas, na tona dos problemas, e despois lamentamos, desculpamos e facemos verdadeiras exhibicións argumentais, sofísticas e de hipocrisía, para resaltar a importancia do noso propósito de enervar a eficacia dos socorridos “chibos axexantes”, que nosoutros mesmos nos inventamos, e senón lembren o exemplo da esperada designación, tan cacarexada, de Madrid coma sede dos Xogos Olímpicos do 2.020, que xa se consideraba acadada.

Claro, se non nos decidimos a cambiar esa realidade virtual que nos construímos dende as actitudes dun eloxio propio e as condutas eticamente rexeitadas, e non desarticulamos os privilexios de facto, con carta de natureza nesta nosa España, parece evidente que non chegaremos a soltar os amarres do ancorado tradicional, con inevitable transcendencia internacional.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES