Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O pensamento económico de Castelao

lunes, 14 de mayo de 2001
1. INTRODUCCIÓN
O obxectivo desta comunicación é a procura dun achegamento ó pensamento económico de Castelao, de xeito que ó estudia-lo seu pensamento e a súa obra gráfica e literaria neste Congreso se lle adique tamén algo de atención ás súas reflexións encol da temática económica.
Penso que ten interés a análise desta vertente do seu pensamento, aínda tendo en conta que é no campo artístico onde destacou fundamentalmente e que, como xa sinalou X. G. Beramendi, “nen por formación nen por vocación foi nunca Castelao un ideólogo”.
E falar de pensamento económico de Castelao ven ser como falar da economía galega na obra de Castelao, tendo en conta que os seus escritos deste tema respostan á realidade económico-social desta Terra no seu tempo, na percura de buscar solucións ós seus problemas principais. Se esta comunicación non se titula: “A economía galega na obra de Castelao” é sinxelamente, porque xa X. M. Beiras escribiu con este título un interesante artigo hai once anos, na desaparecida revista “Cuadernos para el Diálogo”.
Naquel artigo, recollido logo no seu último libro, xa sinalaba Beiras que o gran mérito de Castelao non foi a orixinalidade do seu pensamento económico, senón o deixarnos por escrito una síntese do pensamento económico galeguista. E decía tamén que “Castelao é portavoz, máis detrás dil están, en maior ou menor medida segundo os casos, a xeneración Nós, o Seminario de Estudos Galegos, o Partido Galeguista, e individualidades coma Peña Novo, Gallástegui ou o propio Rof Codina, e moi singularmente, sobor de todos iles, Alexandre Bóveda” (1).
Se deixamos a un lado a obra artística e literaria de Castelao e nos centramos no seu pensamento económico –ou no político- temos que acudir coma fonte básica, á súa principal obra ensaística: Sempre en Galiza, e cómpre tamén ter en conta as súas intervencións no Congreso das súas ocasións en que resultou elexido deputado.
Alí é onde podemos atopa-lo esencial do seu pensamento ó redor da problemática galega nos aspectos lingüístico, político, económico, etc. No tocante ó tema económico, as súas reflexións están moi esparexadas, ciscadas neste ou naquel capítulo ó longo das súas páxinas, anque o miolo pódese dicir que está no “Libro Primeiro” –polo que a él se entende que me refiro, cando por abreviar falemos tan só de un capítulo determinado, sen máis- (2).

2. A ECONOMÍA GALEGA NO TEMPO DE CASTELAO
Co aquel de estudia-los diferentes factores diferenciais polos que chega á definición de Galicia como nación (idioma, territorio, vida económica…), Castelao analisa no capítulo V a realidade económica galega do seu tempo, comenzando así:

“¿Ten Galiza unha vida económica propia?.
A esta pregunta é doado contestar afirmativamente. Pode decirse que Galiza é un país precapitalista, povoado por traballadores que viven d-un mísero xornal, que eles mesmos sacan da terra ou do mar; sen industrias d-abondo para absorver o escedente de povoación labrega e mariñeira; c-un paro forzoso e c-un deficit pecuniario constante, que se resolve pacíficamente poe meio da emigración. En fin; Galiza ten unha vida diferenciada dentro de Hespaña, c-unha morfoloxía social i económica tan peculiares que, por plantexar problemas minoritarios, queda sempre ao marxe da Lei xeral do Estado e das peocupacións xerais que a loita de clases plantea no mundo capitalista”.

Este coñecido texto, de cita case obrigada ó falar dos rasgos básicos da economía galega no primeiro tercio do século XX, supón unha síntese que aínda hoxe segue sendo ben chamativa polo moito que di en tan poucas palabras. Analisémolo un pouco máis polo miúdo:

- comeza difinindo a Galicia como un país precapitalista, ou, o que é o mesmo, sinala que o modo de producción capitalista non se ten convertido en dominante aínda na Galicia de entón.
- vencellado co anterior, constata que os alicerces da base económica están constituidos pola actividade agraria e pesqueira, sendo moi cativo o sector industrial.

- di que as dificultades económicas desa maioritaria poboación que traballa no sector primario, unidas á mínima capacidade do sector industrial para acolle-la poboación galega, de non ser pola válvula de escape da emigración.

- Observa como a estructura económico-social diferenciada de Galicia impedirá, por unha banda, que os problemas se poidan resolver cunha lexislación unitaria para todo o Estado, e, por outra, que se dean os mesmos problemas sociais que nos países nos que o capitalismo teña adquirido un maior desenvolvemento.

Partindo deste texto de Castelao, analisarei nos apartados seguintes o pensamento de Castelao encol dos problemas da economía galega do seu tempo, distinguindo entre o seu estudio da base económica e o do marco xurídico-político no que a actividade económica se desenvolve.
No tocante ó estudio da estructura básica da economía galega, clasificarei as súas reflexións nos apartados referidos ó traballo vencellado á terra, ó mar e á industria e os servicios.
En canto ó estudio do marco xurídico-político, falarei da súa teimosa constatación do inaxeitada que resulta a lexislación estatal unitaria para a resolución dos problemas económicos galegos (cunha referencia especial ó tema dos aranceis) e máis das ventaxas que ó seu xuicio traería para a economía galega o marco legal estatutario.

3. DA TERRA
Sobradamente coñecida é a preocupación pola problemática rural galega que latexa en toda a obra de Castelao e que a nivel vital quedaría posta de manifesto ben cedo, coa súa incorporación en 1912 ó movemento agrarista de “Acción Gallega”. Esta preocupación polo problema agrario queda nídiamente deseñada tamén nos seus escritos económicos, de xeito que éste é o tema ó que adica máis atención nos seus escritos.
O aproveitamento das riquezas derivadas da terra era a actividade na que se ocupaba a maioría da poboación, e ise aproveitamento facíase seguindo básicamente os esquemas dunha economía de subsistencia, non orientada cara ó mercado senón cara á satisfacción das necesidades básicas dos labregos. Esta importante característica básica da economía campesiña de entón queda ben resumida nestas palabras de Castelao:

“A familia labrega traballa para que o seu fogar sexa o centro d-un pequeno mundo económico. O ideal labrego consiste en vivir con fartura e vender o que sobra”.

Aparte desta característica –que aínda Beiras ten destacado no seu “Atraso económico de Galicia” coma un dos rasgos estructurais básicos da economía campesiña galega- resulta tamén de gran interés a súa observación sobre o minifundismo típico do agro galego e sobre o país que Galicia debería mirar coma modelo:

“Hespaña, en xeral, é un país de latifundios. A solución do problema da terra en Hespaña, está no coleitivismo; en Galiza está no cooperativismo. O país que a Hespaña lle intresa, como modelo, cicáis sexa Rusia. O que lle intresa a Galiza cicáis sexa Dinamarca. Velhí unha proba de diferenciación galega.
O minifundismo da nosa Terra responde ao cultivo intensivo que impón a topografía do chán. Gracias a este sistema, frenado pol-o noso dereito consuetudinario, a agricultura galega foi o asombro de moitos viaxeiros europeos; pero a lixislación liberal e xeneralizadora do Estado –dictada para outros lugares- provocou a pulverización dos fundos galegos e o aniquilamento da nosa economía. O crime pode emputárselle ao centralismo e ao seu Código Civil… promulgou leis que favorecen a división da propiedade, abolindo, de paso, o noso dereito particular… hoxe necesitamos unha Lei que favoreza a concentración parcelaria; é dicir, unha Lei contraria á que rixe no resto da Hespaña”.

Economía de subsistencia e minifundismo. Velaí, pois, dous siños de identidade da economía campesiña de entón, este último agravado coma problema pola falla dun marco legal axeitado que promovera a concentración das parcelas de xeito que se acadaran explotacións agrarias dun tamaño que permitira unha explotación técnicamente máis racional e económicamente máis rentabel.
A citada falla dun regulamento que se adaptara á problemática específica que presentaba o agro galego foi unha das preocupacións nas que máis insistiu Castelao, tanto nos seus escritos coma nas intervencións no Congreso dos Deputados. Con todo, desde logo que non era a única chave para rachar cos atrancos que atopaba o sector agrario galego para consegui-lo seu desenvolvemento. Cando Castelao se plantexa –no cap. XXXI- un plan para o “fomento agropecuario” de Galicia, sinala seis puntos básicos:

- investigación e experimentación.
- divulgación e ensino.
- cooperación.
- crédito agrícola.
- a política económica.
- a lexislación.

De todos eles, sinala que o que Galicia necesitaría antes que nada serían “Centros técnicos de investigación i experimentación agrícola, forestal e pecuaria”.
A xeito de modelo de funcionamento para os mesmos cita a “Misión Biolóxica” e precisamente na obra do seu director, Cruz Gallástegui, basease Castelao para as afirmacións que fai nese lan de fomento agropecuario.
Sinala que sería un gran erro insistir na creación de Escolas de Agricultura –como entón se facía- sen ese paso previo que permita coñecer qué procedementos e métodos de cultivo cómpre espallar para o progreso agrícola de Galicia, e tamén aquí pon a Dinamarca como modelo.
Despois, pon algúns exemplos de cómo unha boa solución do tema da investigación agro-gandeira traería importantes ventaxas para a consecución doutros puntos do Plan, e máis fala das funcións principais que debería cumplir un organismo permanente que habería que crear para consegui-la mellora da gandería galega.
Cando Castelao escribe o Sempre en Galiza, xa o longo proceso de loita pola propiedade da terra tiña prácticamente rematado e o problema dos foros xa era historia (3). Pero non porque o labrego fora maioritariamente “propietario” desaparecerían males estructurais que están na base do atraso económico galego. ¿Cómo vía Castelao aqueles labregos-propietarios?:

“Os labregos nin son obreiros nin patróns. Chámanlles propietarios; pero a súa propiedade non pasa de ser unha simple ferramenta de traballo. Así caen mellor nas gadoupas do fisco e da usura. Os labregos ven o Estado en figura de recaudador de contribucións”.

E, consecuentemente con esa visión, Castelao traballou arreo coma deputado –anque sen éxito- na defensa da pequena propiedade rural e presentou unha proposta de lei para que “esta pequeña propiedad rural sea considerada como instrumento de trabajo, a los efectos de la tributación y el embargo… la exención para aquellos propietarios rurales que pagan una cuota inferior a 25 pesetas” (4).

4. DO MAR
Respecto á pesca, outro dos alecerces básicos nos que se asentaba a realidade económica galega, mereceu moita menos atención nos escritos de Castelao que a problemática agro-gandeira. A principal referencia ó tema faina no cap. VI, e nela comeza sinalando que “o réxime económico da pesca galega obedecía a principios coleitivistas de tipo cristián; pero modernamente xurdiron problemas ao socaire das industrias conserveiras”.
Despois, analisa en que consiste ese sistema tradicional de pesca e queixase da falla dun seguro de accidentes para estes traballadores, pasando a centrarse neses “novos problemas” que aparecen por entón no sector pesqueiro galego:

“Os problemas económicos e sociaes da pesca galega adequiriron unha gravedade estrema co desenrolo da industria pesqueira –a máis importante de Hespaña- e co seu obrigado sometimento á industria conserveira –única creación capitalista de Galiza-. Os mariñeiros ainda traballan “á parte” e non cobran salario fixo. Os “armadores” son patróns que xa non xogan a vida no mar; pero que viven sometidos á veleidade egoista dos “conserveiros”. Os “conserveiros” viven do comercio esterior e sofren a incomprensión dos “gobernantes de secano”. Cando hai máis sardiña no noso litoral xurden conflictos que se solucionan co abarrotamento das fábricas de salazón e conserva, co amarre da flota pesqueira nos portos de refuxio e coa fame de moitos miles de familias mariñeiras”.

Velaí, pois, como para arranxa-los problemas do sector pesqueiro xa non serven as palabras daquel pé do debuxo de Castelao no album Nos: “As sardiñas volverían se os gobernos quixesen”, porque tamén a abundancia de sardiñas podía traer a fame ós mariñeiros. ¿Onde ve él a solución a este problema?: No desenvolvemento do comercio interior español que se produciría si houbera unha mellor rede de comunicacións: “Estamos moi lonxe de conquerir grandes portos pesqueiros, semellantes aos de outras nacións atlánticas, co seu complemento de transportes baratos e rápidos, para repartir peixe fresco nas rexións do interior, onde somentes coñecen o peixe en conserva”.
De cara ó futuro do sector pesqueiro, Castelao pensa que está na volta ós principios rectores típicos do sistema tradicional, e así ten sinalado que “ a pesca en Galiza ennobrecerase de novo cando retorne ás maneiras coleitivistas da nosa tradición mariñeira, fondamente afincada no cristianismo”.
Neste punto, o “Programa de Acción” do Partido Galeguista era moito máis preciso, e recollía outras medidas de “fomento pesqueiro” como por exemplo a desgravación arancelaria das materias primas das industrias pesqueira e conserveira, a protección das “novas industrias adicadas á grande pesca”, etc.

5. DA INDUSTRIA E OS SERVICIOS
Se pouca atención adica Castelao nos seus escritos de temática económica ó sector pesqueiro, é prácticamente nula no caso do sector industrial e os servicios, que son os grandes ausentes na súa analise.
Así, por exemplo, cando no xa citado capítulo VI analisa os rasgos fundamentais da economía galega para respostar á pregunta que abre o mesmo: “ ¿Ten Galiza unha vida económica propia?”, detense no sector agrario e no pesqueiro, e cando posiblemente o lector espere a súa análise do sector industrial, atópase coas palabras que pechan o capítulo: “Co dito abonda para responder á pregunta que inicia este capíduo”.
Anque, ben mirada, esta ausencia cáseque total da industria nos escritos de Castelao tampouco ten por que chamar máis a atención que a mesma ausencia no programa do Partido Galeguista, no que os apartados adicados ós sectores agrario e pesqueiro supoñen case a metade do programa e en troques non hai nos oito apartados de que consta un adicado ó sector industrial (anque os hai adicados á Política Fiscal, a Problemas Xurídicos, etc.).
Certamente, a composición da poboación activa de entón reflexa o carácter minoritario da poboación empregada no sector industrial e no de servicios. Con todo, se observamo-lo cadro que recolle a distribución por sectoes da poboación activa nas catro primeiras décadas deste século, salta á vista un importante cambio de 1920 a 1930, que supón dobrar nesa década a porcentaxe de poboación empregada na industria e os servicios (5).

C. 1900 - C. 1910 - C. 1920 - C. 1930 - C. 1940

Sector I - 85,89 / 83,54 / 82,78 / 65,32 / 73,06

Sector II - 5,96 / 7,24 / 7,30 / 14,66 / 10,93

Sector III - 8,14 / 9,22 / 9,92 / 20,02 / 16,01

E, se cadra, ese cambio é máis significativo aínda se se ten en conta que, despois do proceso de ruralización que se produciu trala Guerra Civil, até a década dos 60 non se acada unha estructura da poboación activa cunha presencia tan grande da poboación empregada no sector industrial e no de servicios.
Castelao non se ocupou destas importantes modificacións que se estaban producindo entón no mundo urbán e industrial, e prácticamente toda a súa obra –incluindo a gráfica e a literaria- está centrada na Galicia rural, na Galicia dos labregos e os mariñeiros.
Pero, como atinadamente escribiu R. Villares: “aínda que Castelao non soubera reflexar con xusteza esta cara de Galicia, o feito é que, durante este primeiro tercio do século presente, unha nova realidade económica e social ía agromando” (6).
E isa nova realidade económica estaba baseada, a nivel industrial, nas fábricas de conservas e nos talleres de construcción naval como alicerces fundamentais. E anque Castelao se ten referido á industria conserveira coma “única creación capitalista de Galiza”, ten moi craro que Galicia segue sendo un “ povo de traballadores labregos e mariñeiros, non asalariados baixo o sistema capitalista”.
Tampouco atopamos referencias nas reflexions de Castelao para as abondantes empresas de servicios que se crean en Galicia especialmente nos anos vinte, e das que Villares ten sinalado coma exemplos as empresas de auga e electricidade, transporte, saneamentos urbáns, a banca local ou o desenvolvimento comercial.
Sí se preocupou Castelao da importancia que ten mellorar a rede de comunicacións para a consolidación dun verdadeiro mercado interno a nivel do Estado –coma temos visto xa ó falar do sector pesqueiro-. Aparte doutras referencias ó tema no Sempre en Galiza, é importante a súa intervención coma deputado, establecendo un nexo entre o desenrolo dos principais sectores económicos galegos e a mellora das comunicacións:

“En Galicia no podemos concebir que se hable seriamente de la inutilidad de nuestro ferrocarril, porque toda nuestra riqueza minera y forestal, nuestra ganadería y nuestra pesca están fuertemente vinculadas a esta obra… En la actualidad es fácil de ver cómo se establece de hecho una especie de aduana interior en Monforte que grava los productos de importación y de exportación, en términos insoportables, por las distancias innecesarias que tienen que recorrer” (7).

6. DO MARCO XURÍDICO-POLÍTICO
6.1. A NECESIDADE DUNHA LEXISLACIÓN PROPIA
Sabida é a fonda interrelación que hai entre o desenvolvemento das forzas productivas dunha sociedade e o marco xurídico-político no que a economía está enxertada.
E un dos puntos que máis teimosamente defenderá Castalao é o da necesidade dunha capacidade lexislativa propia pra que Galicia se poida dotar de leis axeitadas á súa realidade económico-social. Dí que Galicia “ten unha chea de problemas económicos que son insolubles dentro do sistema unitario e centralista”, e analisando os problemas ago-gandeiros e pesqueiros sinala que:

“sóio poden acadar solucións viables e xustas o día que teñamos unha “política galega” e dispoñamos de liberdade para lexislar con luces propias sobor das complexas realidades do noso país”.

Ainda que, unha perspectiva dinámica, haberá que ter moi en conta que o tipo concreto de leis que se necesiten virán marcadas, en última instancia, pola base económica, xa que, como el escribiu: “As variables condicións económicas dun povo, no tempo e no espacio, moven tamén a sustancia xurídica que rixe as relacións sociaes “.
¿Qué tipo de leis propias necesita por exemplo Galicia para promove-lo desenvolvimento agrario?:

“Necesitaremos leis que impidan a escesiva fragmentación das terras, evitando a progresiva pulverización da propiedade rústica, e favorecendo a concentración parcelaria… Necesitamos orgaizar o creto agrícola e mariñeiro implantando un sistema racional e barato de hipoteca, na que o valor de garantía corresponda ao valor do préstamo… Necesitamos medidas lexislativas que favorezan a creación e desenrolo de cooperativas, recollendo, no posible, os principios coleitivistas da nosa tradición labrega e mariñeira… Necesitamos unha transformación do réxime de bens de propios e comunaes, que remate co abandono e desidia dos que agora se aproveitan d-eles…”.

O certo é que estas e moitas outras leis que Galicia necesitaría non foron posibles históricamente, e tívose que rexir a súa problemática diferenciada –e minoritaria no Estado- por unha lexislación unitaria pensada para outras realidades económico-sociais.
Castelao fai un recorrido pola Historia para suliñar algúns dos perxuicios que para Galicia se derivaron desa lexislación unitaria, deténdose especialmente nos referidos ó problema agrario (estudiando o relativo ós foros, etc.). Entón é cando dí que “Galiza foi vítima do imperio económic-fiscal de Castela, a tíduo de dependencia política, e so seu terrible Dereito, a tíduo de protección”.
Sen remontarse tan atrás, analiza os perxuicios derivados dese regulamento centralista no tempo da II República, sinalando, por exemplo:

- que se fixo unha Lei de Reforma Agraria, pero non se tivo en conta a necesidade da mesma que tiña Galicia, anque noutro senso –no de concentración das fincas…-.
- que se gastaban millóns para resolve-lo problema do paro, pero se negaban as axudas para a repatriación de galegos que escaparan do paro emigrando e agora “morrían de fame no estranxeiro”.
- que non se concedía a Galicia un ferrocarril de vital importancia para o seu desenvolvemento “fundándose en que a súa esplotación non rendería beneficios, como se un camiño de ferro do Estado fose un negocio de empresa capitalista e non un servicio público”.
- que tamén a nivel de política arancelaria Galicia quedaba discriminad, como no Tratado Comercial co Uruguay, que naquel tempo provocou fortes protestas dos galeguistas.

Deteñámonos un pouco neste tema dos aranceis, preocupación xa clásica do galeguismo e obxecto tamén da análise de Castelao en varios lugares da súa obra.

6.2. Os aranceis aduaneiros
Seguindo a tradición galeguista de defensa do librecambismo, e citando explícitamente na súa argumentación a Rodrigo Sanz, Villar Ponte, Rof Codina, etc., expón así o problema dos aranceis:

“Deteñámonos un bocadiño no arancel proteitor… ¿Está protexida Galicia ou tansiquera compensada? Todos sabemos que a nosa Terra é librecambista por naturaleza e que non necesita nin lle convén o réxime arancelario… Esta é unha verdade mil veces proclamada. Xustamente, por culpa do arancel vive Galiza sometida ao mercado hespañol, onde ten de comprar todo a precios recargados e vender todo a precios e irracional competencia, co que a nosa economía se vai entrampando e afundindo sen remisión. A salvagarda do mercado hespañol corre a costa exclusiva de Galiza… por culpa do arancel, ben se pode decir que é a que paga co seu diñeiro a porteición dos demáis povos de Hespaña”.

Exposto o problema central, pon exemplos concretos de proteccionismo en España (o ferro, carbón, trigo, aceite, tecidos…) e analiza máis polo miudo o arancel do trigo, sinalando diferentes cálculos feitos par cuantifica-los millóns de pesetas que supón de perda ese arancel para a economía galega e máis o doble perxuicio que causa ós galegos –coma consumidores e máis coma productores-.
Sen entrar nunha análise a fondo dun tema no que tanto insistiron os galeguistas, sí parece importante destaca-lo feito de que esa posición teórica libre-cambista tense convertido na práctica –como xa sinalou Xavier Castro- nunha posición ecléctica, tendo en conta os intereses dos principais sectores da economía galega, polo que en diversas ocasións se pediu protección para a gandería, a industria madereira, etc.
Ese eclecticismo, se cadra, enténdese mellor no marco da política fortemente proteccionista que existía no Estado, xa que o feito de non protexe-las principais fontes da riqueza galega dun xeito parecido a cómo se protexían as dos cataláns ou andaluces, se convertía nunha clara discriminación.
Por eso a protección pedida para productos galegos sería unha compensación para Galicia polos aranceis xa existentes noutros productos e por non poderse establecer un réxime librecambista. Así o entende Castelao cando escribe:

“os dereitos de aduana supoñen para nós, e somentes para nós, un imposto máis, un supertributo sen ningunha compensación… Se nón é cordo pedir o réxime de fronteiras abertas para toda Hespaña, dénselle a Galiza, pol-o menos, as debidas compensacións”.

De non se acadar esas compensacións, sinala que estaríamos ante un verdadeiro “imperialismo económico enterior”. Como canle para instrumentar-las compensacións, propón unha representación en pé de igoaldade con outros pobos autónomos nos organismos reguladores do Comercio Exterior:
¿Pero, que ocorriu en concreto co “Tratado Comercial con Uruguay” para que se ergueran na súa contra as voces dos galeguistas?. Pois que supoñía unha grande introducción de carnes conxeladas, coa conseguinte competencia para o gando galego no mercado interno español. Xa en 1932 “A Nosa Terra” avisaba do problema, e despois Suárez Picallo leva o tema ó Parlamento –cifrando os seus efectos na destrucción do 40% da industria gandeira galega-.
E anque era unha política librecambista, Castelao protestará no seu Sempre en Galiza porque supón un ataque directo ó único sector da economía galega protexido arancelariamente:

“Os galegos pagábanos caro todo canto se producía nas demáis rexións hespañolas, e sofríamos graves perxuicios pol-o réxime proteicionista. Somentes a nosa gandeiría chegou a ser protexida, en certo modo, pol-o Arancel; pero non foi debido a unha aición compensadora e vixiante da armonía de todol-os grupos económicos. Esta proteición era, simplementes, un efeito de inercia, que proviña dos tempos en que o gando galego non atopaba, nin podía atopar, competencia posible nos mercados hespañoles e até mandábamos bois cebados a Inglaterra… O que non se concibe é que o Estado atacase súpetamente os intreses fundamentaes d-unha rexión, sen darlle tempo para crear novas fontes de vida…”.

6.3. AS VENTAXAS ECONÓMICAS DO ESTATUTO
Antes de rematar de falar do marco xurídico-político no que a economía galega se movía, paga a pena facer unha parada nas ventaxas que Castelao atopaba no Estatuto de Autonomía de Galicia para poder eliminar unha serie de atrancos que a lexislación unitaria non permitía superar.
Castelao chama a atención sobre o feito de que o Estatuto non é tan só unha norma xurídica importante, senón que debe valer para darlle pulo ó desenvolvemento económico galego, e di que “O Estatuto non sóio serviría para diñificar o noso nome, senón para desenrolar a nosa economía”.
Vexamos algunha das ventaxas que atopa nel, no tocante ó tema económico:

“impide gastar fora do noso territorio os recursos que aportamos para remediar necesidades propias, …evita os perxuicios que sempre nos alcanzan no reparto dos presupostos do Estado… Galiza terá representantes no Consello ordeador da Economía Nacional ou calquera orgaismo semellante, na Xunta de Aranceles e Valoracións i en todol-os órgaos que se establezan para regular o comercio, para determiñar precios, decretar tasas e condicioar a distribución e venda de productos. Esta intervención fai posible unha defensa efeitiva da nosa economía labrega e mariñeira”.

Eis, pois, un tema básico para a economía galega: evita-lo drenaxe do excedente económico xenerado en Galicia, que se pode producir por moi variados canles (a fuxida do aforro, os discriminatorios aranceis aduaneiros, os orzamentos do Estado, etc.).
En canto á discriminación producida ó través dos orzamentos, Castelao recolle no Sempre en Galiza a argumentación de Bóveda, analisando e cuantificando esa discriminación para o ano 1933. Nunha interpelación parlamentaria precisamente na discusión dese orzamento, critica a marxinación quoe sofrira Galicia nos orzamentos dos anos 1931 a 1932.
Non me centrarei neste punto porque precisamente neste Congreso se presenta unha comunicación titulada: “Castelao e la Facenda Galega”, e nela se trata con máis vagar desta cuestión. Tan só suliñarei a clara –e nunca negada- débeda que no tema facendístico ten respecto de Alexandre Bóveda.
Seguindo as súas ideas, expón resumidamente no capítulo XXIX o proxecto final deseñado por Bóveda para Galicia, e xustifica máis adiante –baseándose tamén en Asdrúbal Ferreiro- a posibilidade en termos económicos do autogoberno galego, decindo que “das cantidades que o Estado recauda en Galiza sobran máis de vinte millóns de pesetas en cada ano, dispóis de deducir o que gasta con nós e o que en xusticia nos toca pagar por atencións xeraes”.
Roca Cendán, Manuel
Roca Cendán, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES