Resistencia
Editorial - viernes, 13 de septiembre de 2013
Nestes momentos suponse que segue vixente a máxima de que quen resiste, gaña, estimando, confiando, en que despois destas apreturas virá algún tipo de maduración que nos atopará dispostos a disfrutala. Así que todos nos convertimos en resistentes, superando día a día as dificultades, ata que baixen as augas que ameazan con afogarnos.
Noutros tempos, tamén de dificultades pero que agora nos parecen non eran tan fortes, cando unha empresa tiña problemas e os seus traballadores facían folga, para axudarlles a manterse fortes e agardar pola solución do conflicto, constituíanse caixas de resistencia, nas que cada quen aportaba o que podía, e coas que axudar aos peor dotados a que as súas familias puidesen seguir comendo todos os días.
Polo que se publica, polo que se sabe, e polo que se supón, arredor de nós está formada unha auténtica, nova e colectiva caixa de resistencia que nas familias permite que os membros máis febles superen os rubicóns de cada día, as perdas de postos de traballo, e sobre todo a falla de ilusión.
Agora é cando de verdade se valora a existencia dunha familia, dos vínculos que a manteñen, da solidariedade que pode desplegar para poder axudar aos que precisan axuda e apoio.
Son tempos de resistencia, que algùns poden levar mellor ca outros porque cada caso é un mundo diferente. Pero o que está claro é que o noso xeito de vivir, a nosa filosofía familiar, funciona e está axudando de xeito decisivo a que este país siga existindo como tal.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora