Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Presenten, armas!

martes, 10 de septiembre de 2013
Escoitando a radio, deume por pensar que moitos políticos están tolos, ou queren volvernos tolos aos demais. Ou nos fan tontos. Ou algo así.

En Siria, morren a diario ducias de persoas, van xa moitos miles... e morren porque se colocan bombas, se disparan balas; porque hai xente tola, seguro que por ámbalas dúas partes en conflicto, que non queren deixar o poder absoluto, que queren conseguir o poder absoluto ou relativo, que coidan que a violencia, enxendradora de máis violencia, vai ser a solución que lles proporcionará a victoria final.

E o mundo presencia impávido os miles de mortos por ataques abertos ou encubertos, por atentados, por unha loita descarnada. E todos miramos para outro lado, como se non fose connosco, como se fose un asunto interno onde os sirios están autorizados para masacrarse entre si sempre que non salpiquen de cara ao exterior.

Pero de repente aparecen máis de mil mortos pola utilización de armas químicas, e o mundo occidental ponse de pé, e o Presidente dos Estados Unidos – Premio Nobel da Paz- está considerando a conveniencia de darlle unha lección ao rexime sirio, e Francia e Inglaterra están tomando posicións, e ata a modesta e pacífica España toma nota do que sucede, e a vicepresidenta do goberno afirma que o uso das armas químicas non se pode tolerar.

Iso quere dicir, por un casual, que calquera outra arma si se pode utilizar? ¿Será porque somos un país que fabrica e vende armas, digamos, convencionais? ¿Será porque non fabricamos armas químicas?

Os mortos por armas químicas están tan mortos como os que morren por bomba, obús ou bala, e os seus familiares chóranos do mesmo xeito, e o país sofre a mesma perda. Pero Occidente só se cabrea se se utilizan armas químicas.

Na miña ignorancia guerreira – será, quizais, porque non fixen a mili – todas as armas son iguais. Todo depende de quen as utilice. O mesmo dá que sexan químicas, físicas ou políticas. Pero aos políticos parece que só lles preocupan as químicas.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES