Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lugares simbólicos

miércoles, 04 de septiembre de 2013
Coñecín o Castelo de Soutomaior hai xa uns anos -non lembro cantos-, da man do vello amigo e colega de tantas iniciativas culturais, Xosé González Martínez, e da Fundación Lois Peña Novo -da que el é alma, corazón e vida-, que cada ano polo mes de xullo organiza un acto social para facer entrega dos galardóns que levan o nome do que fora secretario municipal en distintas cidades de Galicia antes do 36 e logo funcionario represaliado polo seu labor a prol da galeguización da administración xa naqueles tempos iniciáticos.
Dende que naceron no ano 1995 para recoñecer o labor daquelas persoas, entidades ou empresas que traballan a prol da normalización do noso idioma no ámbito das administracións públicas, os Premios Peña Novo entregáronse sempre no pequeno pero tan simbólico como fermoso salón de actos que acolle a torre da fortaleza que fora de Pedro Madruga e serviron para dar a coñecer socialmente un espazo privilexiado dese municipio pontevedrés, ademais de punto de encontro anual para moitos dos que levamos toda a vida laboral afondando no compromiso de que a nosa lingua sexa lingua de comunicación cotiá en tódolos ámbitos -tamén no administrativo- e vaia máis alá da mera liturxia de atril, da hipócrita escenificación discursiva ou da cínica lingua de pose política -ou de arma política- na que por desgracia se esta convertendo a pasos axigantados.
Daquela aínda Mariano Rajoy non era o lider político nacional que hoxe é, e o castelo, que el ben coñece porque é propiedade da Deputación provincial de Pontevedra e porque foi restaurado precisamente nesa mesma época, tampouco era moi coñecido fóra do ámbito comarcal.
Agora, sen embargo, igual cá pequena aldea mineira de Rodiezmo para Rodríguez Zapatero, este enclave que domina as augas que bañan a ensenada de San Simón forma parte, por obra e gracia do actual presidente do goberno da escena política nacional, cousa que non ten sido óbice, loxicamente, para que os premios Peña Novo non sigan convocando á 'parroquia' da administración galeguizada no mesmo lugar, entre outras razóns porque empezaron antes.
Está ben, pois, -ou eu, polo menos, son dos que aplaudo- iso de tomar lugares simbólicos como referencia porque a miúdo din moitas cousas sen que sexa preciso explicitalas. Tal é o caso do fortín humano no que se ten convertido o actual presidente do goberno fronte a política de acoso e derrubo á que se está vendo sometido -con razón ou sen ela, que niso nin entro nin saio- por mor dos casos de corrupción, de vello, que lastran ó seu partido.
Ora ben, eu de min a el coidaríame de ir por Alba de Tormes, nin vaia ser que ó final lle pase o mesmo (eufemisticamente) que lle aconteceu a Pedro Madruga.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES