Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'A Chaira', de Xenaro Pérez López

miércoles, 04 de septiembre de 2013
O 16 de agosto, o xornalista Xulio Xiz presentou no Buriz (Guitiriz-Lugo), parroquia natal do autor, o libro A CHAIRA VISTA POLOS CHAIREGOS (Unha bibliografía da Terra Chá), no decurso do Pregón da Festa de San Nicolás e San Lourenzo.

Velaquí o texto da súa intervención:

Boa tarde, meus veciños do Buriz. Hai agora algo máis de seis anos que esta capela de San Nicolás recobrou de novo a vida despois que o tempo a esborrallase... E velaquí que agora, cando cumpre 320 anos de idade, parece tan nova coma cando se construíu, ou mellor aínda porque o entusiasmo que vós puñéstedes na súa reconstrucción acredita que nunca máis a súa estructura vai sufrir o paso do tempo. E temos garantida por sempre a continuidade da capela de San Nicolás.

Eu estou ben contento de estar aquí hoxe para falar na terra da miña muller, de toda a miña xente, que se eu son de Vilalba e os meus pais viñeron de terras montesías do Freixo e de Ourol, eu tamén son de aquí, onde os pais da miña muller tiveron as súas raíces, e as casas do Portelo e de Carelo foron fogares grandes, familiares, garimosos... e desde eles teño primos por todo o Buriz, e Labrada, e nas Mozoiras, e en Corvite, de maneira que cando das xentes do Buriz se trata para min é falar da casa, e na casa me sinto entre vós hoxe aquí, chamado por dous deses primos –Xenaro e Segundo- para que fale da festa, do libro que ven de publicar Xenaro, e da fondura desta terra poboada por xentes sinxelas, traballadoras e amantes da súa terra desde hai moitos milleiros de anos.

A primeira vez na miña vida que eu vin unha mámoa vina no Pilreo, co meu sogro Andrés de Carelo, Andrés Paz Carballeira, hai moitos anos, case corenta, cando visitamos as que estudiara tempo atrás o Instituto Padre Sarmiento, e nas que anduvo o estudioso Bouza Brey, acreditando que estes enterramentos de hai miles de anos certifican que no Buriz houbo xentes que homenaxeaban aos seus mortos coa devoción e agarimo co que vós tratades aos familiares que descansan no voso fermoso cemiterio parroquial.

Falo de curmáns, de primos, de Xenaro, de Segundo, todos os seus irmáns – e non hai moito tempo estiven no enterro de seu irmán maior- e do amplio círculo de parentes que temos a miña familia e máis eu no Buriz, porque afortunadamente eu teño as raíces en aldeas onde os vínculos familiares non rematan prácticamente nunca. E así como na cidade os parentescos son moito máis lixeiros e moi axiña se desconecta coa familia lonxana, nas aldeas miñas, aquí e unha delas, un é primo carnal, primo segundo, primo terceiro... e así ata que a memoria se conserve, que o feito de verse todos os días, pisar a mesma terra, ter referencias comúns, fai que as relacións familiares se manteñan durante moito teño.

Asi eu digo – presumo, ademais- de que Xenaro e Segundo son primos meus, por selo da miña muller non sei en que grado nin importa. E cando Segundo fala dos meus fillos, indica sempre que teñen sangue do Buriz... De min non pode dicir iso, e aproveita para dicir –esaxerando- que en Lugo son unha persoa importante. Pero non teño sangue do Buriz. A iso non chego.

Achégome hoxe directamente a vós para falar nesta xa tradicional festa de san Nicolás e San Lourenzo, como hai anos o fixen na primeira Romería Labrega dos Vilares, agardando que estas celebracións pervivan por sempre, polo que teñen de entrañable xuntanza familiar, de parroquia, de comarca, e de entronque con todos os que a diario non andan por aquí.

Eu ben sei que o feito de que Segundo sexa o párroco do Buriz, e polo tanto desta capela do San Nicolás, foi definitivo para que a capela se restaurase e se faga festa, e está ben que así sexa porque aínda que o reteñan en Santiago os importantes deberes relacionados coa Santa Igrexa da Capital de Occidente, está moi ben que manteña este especial vencello coas súas orixes, sendo párroco na parroquia onde naceu e siga vivindo convosco aínda que o teñades que compartir coas máximas celebracións relixiosas de Galicia no decurso do ano.

Pero hoxe está aquí, coma un de nós, sendo un de nós – dos de sangue do Buriz- para facer festa popular a mediados de agosto, para lembrar que hai medio século aínda había segadores que ían a Castela e voltaban como dicía Rosalía, coma negros mentras que foran como rosas cando ían para aló.

O das segas a Castela foi unha especial trashumancia que agora se ve como un síntoma de pobreza e dependencia, e daquela parecía o máis natural do mundo, como unha emigración temporal, que traguía ás economías familiares uns ingresos sempre modestos pero vitais para poder afrontar o duro inverno.

Este era un movemento que se rexistraba en toda a Terra Chá, onde os mares de centeo e de trigo eran infinitamente máis pequenos que os de Castela e aqueles precisaban o reforzo de mans segadoras expertas que puidesen recoller a colleita nun tempo record.

E mencionei a Chaira ou terra Chá, aínda que daquela o concepto de Terra Chá non existía na práctica e fixo falla que viñese un poeta, Manuel María –que por certo tiña especial querencia por Guitiriz, por estas terras- para que definise esta comarca e crease poéticamente a Terra Chá, que pouco a pouco foi tomando conciencia da súa existencia como tal.

Sobre este tema da Chaira ven de publicar un libro Xenaro Pérez López, que hoxe ben quixera estar aquí para falarvos del téndoo que facer eu no seu nome porque tivo que irse cara a Castela moito antes do que el quixera. O libro titulase “A CHAIRA VISTA POLOS CHAIREGOS”, polos escritores chairegos, e constitúe a visión dun sociólogo sobre a terra e as xentes da nosa comarca. E eu non teño máis mérito para falar del que o de que Xenaro me mandase o orixinal hai xa tempo para botarlle unha ollada, e axudarlle a buscar algún material para o libro.

Xenaro, que primeiro foi crego e logo sociólogo, analiza a sociedade chairega en conxunto, xa que os sociólogos estudian globalmente os temas para sacar conclusións xerais da evolución social, do pasado e do presente.

E estudia como aparece a Terra Chá nos escritores no tempo que vai de 1940 a 1975, ou o que é o mesmo durante o franquismo, un tempo difícil no falar e no escribir. Pero os escritores sempre teñen recursos para dicir sen dicir, e dar a entender cousas que doutro xeito non se poderían dicir. O mesmo que todos nós sabemos dar a entender cousas, aplicando o “sentidiño” dos galegos, sen mollarnos, por moita liberdade que agora haxa.

Máis daquela, que a autoridade competente controlaba practicamente todo o que acontecía.

Xenaro quixo saber como se ve o progreso da Terra Chá desde 1940 a 1975 a través dos diversos escritores. Porque todos nós sabemos que desde o tempo dos nosos avós ou dos nosos pais ata hai trinta anos e xa non digamos ata agora mesmo a cousa en Galicia, e nesta comarca, cambiou coma da noite ao día. E que agora pódese falar de crise, de recortes, de problemas... pero os que lembredes –ou vos contaron- como se vivía aquí nos anos corenta e cincuenta teredes moi claro o que era crise, o que era miseria, o que era fame.

Xenaro desde Madrid, aínda que non se foi de todo do Buriz (ninguén se vai de todo do Buriz, e dígoo entre outras cousas porque miña sogra, Josefa do Portelo, non vivía se Geli a filla coa que vivía non a traía alomenos cada dous domingos por acó), fai en galego un estudio de escritores galegos que abordaron diversos aspectos da Terra Chá para coñecérmonos mellor, e tamén para facerlle xustiza a escritores que nalgúns casos estaban totalmente esquecidos.

E estudia estes contidos en dous aspectos fundamentais, que entendo son os que gobernaron a nosa vida durante todo este tempo e á vez son producto desa nosa vida que fomos desenvolvendo e que á vez nos foi modelando a todos nós.

Dunha banda o campo da cultura e de xeito especial esta nosa lingua galega, conservada polo pobo, atacada polos que se supoñía máis cultos, e con ela a literatura de creación popular e a litera culta lírica e narrativa. Esa cultura que conservamos, amenazada pola cultura globalizada que nos entra polos ollos, polas pantallas, por todos os sentidos, e sen embargo pervive porque levámolo no sangue, herdada dos devanceiros... E doutra, o campo da economía, a evolución da economía agraría tanto na modernización tecnolóxica como nas experiencias de política agraria que se desenvolveron en Galicia, e de xeito especial na Terra Chá. Os maiores, sen dúbida, lembraredes o da “Colonización” no que daquelo se chamaba Tierra Llana, que foi repoboada en parte por xente traída de zonas asulagadas por embalses. E supoño que todos tivéstedes coñecemento das accións do Servicio de Extensión Agraria e as Concentracións parcelarias, tan estimadas nos lugares que conseguiron facelas.

O libro de Xenaro ten unha descrición desta comarca no aspecto físico, o que podemos ollar ao noso arredor se nos paramos a mirar con atención; contén unha perspectiva histórica para entender como chegamos onde chegamos as parroquias, concellos, comarcas, provincias nas que está dividida Galicia, e unha análise da poboación galega – que agora non facemos máis ca envellecer e disminuir-, xuntándose nos pobos e cidades, de xeito que preocupa o futuro sen xente nova en todo o país, e sen xente en boa parte do seu territorio.

Xa dixen antes que eso eran o que facían os sociólogos: estudiarnos a todos xuntos, globalmente, para poder saber que pasou e cavilar como imos evoluir, como imos ser no futuro, e cales son as medidas que hai que tomar para que as previsións máis pesimistas non se fagan realidade.

O libro de Xenaro explica os cambios radicais, case brutais, que os chairegos sufrimos desde os anos corenta ata agora... os cambios culturais, obrigados pola sociedade na que estamos inmersos; os cambios económicos, os cambios tecnolóxicos... o tremendo paso dado desde os tempos dos nosos pais e avós ata os tempos de hoxe.

Dixo un político hai xa anos que despois do seu paso polo goberno, despois do primeiro goberno socialista, a España non a ía recoñecer nin a nai que a parira. Se os nosos bisavós levangaran a cabeza e viran como somos, como vivimos, que facemos, como nos comportamos... terían serias dificultades para entender que somos os seus descendentes. Non nos recoñecerían os que nos deron a vida.

O libro de Xenaro recolle o que os escritores publicaron... pero Xenaro sabe leer entre lineas, e deses textos despréndese que a dictadura franquista foi abrindo a man cunha certa tolerancia, que a economía foi mellorando, e a nosa terra –gracias ao esforzo das súas xentes- deu un pulo de xigante.
Pode parecer que o libro de Xenaro Pérez López é un libro para especialistas, para estudiosos do tema. E si que o é, imprescindible para quen queira entender de onde vimos e cara a onde vamos, pero tamén é un libro valioso, necesario, para todos nós, para todos os que queiramos saber algo máis do que nos pasou, por que nos pasou e quen fixo que pasara o que pasou.

A min góstame ler o que se conta de feitos que eu vivin, que pasaron cando xa me enteraba do que pasaba ao arredor. E sempre descubro algo novo porque o que conta a historia sempre vai incluir algo que eu non sabía, contará a influencia de alguén que eu non sabía que influía, contarame dun xeito diferente as cousas que eu vivín. O que nos ven demostrar que todo o que acontece ten unha causa, que as cousas suceden porque alguén as propicia, e que sempre hai alguén con forza suficiente para facer que os acontementos sucedan como ese alguén ten previsto.

Xenaro cóntanos o que dezanove escritores, varios deles poetas, escribiron nun tempo xa lonxano e escuro sobre a Terra Chá. E o sociólogo estudia e analiza, vai cribando a información, vai sacando o trigo e retirando a argana, “limpando” o que se di ou se deixa traslucir, deixando moi claro a situación anterior e actual. E non deixa aí a cousa, porque un segundo libro no que anda a traballar, abranguerá desde 1975, comezo da democracia, ata o momento actual para ter a perspectiva completa dunha terra e dun tempo.

E aquí estamos, a dezaseis de agosto, falando de libros nun día de comezo de festa... que non é unha festa calquera nin este é calquera libro. Que se trata da festa na que os nosos devanceiros festexaban volver con ben das segas de Casela, un feito que xa é historia, e un libro que nos conta como era a Chaira naquel tempo e como deixou de ser a terra que mandaba segadores a Castela en lugar de atender primeiramente a colleita propia.

Do mesmo xeito que vos desexo que teñades unha boa festa, que disfrutedes desta festa, deséxovos que disfrutedes co libro de Xenaro, que vos acheguedes a el con curiosidade, que faledes del, que escoitedes a quen vos fale, e que esperedes pola continuación que non ha tardar moito en ver a luz porque Xenaro é todo entusiasmo e dedicación.

Nos meus tempos da aldea, que foron todos os veráns ata que aos dezasete anos empecei a traballar, o verán non era o mellor momento para festas porque os traballos do campo ocupaban case todo, e as segas, os carretos, as mallas eran ocasións de disfrute colectivo tan importantes coma as mesmas festas que quedaban para mellor ocasión. Pero nestes tempos en que todo cambiou – comprobádeo no libro de Xenaro, como xa o tedes comprobado na vosa vida – resulta que o verán é o mellor momento festeiro, no que os veraneantes están entre nós, o tempo axuda e mesmo no verán a crise parece deterse ou conterse.

Deséxovos, pois, unha fermosa festa arredor desta capela entrañable –por vós refeita- na honra do San Nicolás, de San Lourenzo, e de vós mesmos, das vosas familias, da vosa xente, da vosa parroquia, de todo Guitiriz.

Xosé María Díaz Castro, o poeta dos Vilares, ao que se lle vai dedicar o próximo día das Letras Galegas, escribíu o seu máis fermoso poema, “Penélope”, que está considerado un dos mellores en lingua galega. E nese poema, que conta a traxedia histórica do noso país de dar un paso adiante e outro atrás no camiño do futuro, vaticina:

“traguerán os camiños algún día,
a xente que levaron, Deus é o mesmo”.

Eu quero pensar que Xosé María tiña razón, e que os magníficos camiños que hoxe temos han servir para que volvan a Galicia, ao rural galego, as xentes que as corredoiras de antes levaron. E que o rural galego, o Buriz neste caso, volva estar plenamente habitado agora que temos todas as comodidades, todos os servicios, todas as posibilidades de dar ese paso adiante que anunciaba o noso poeta, seguro que amigo de moitos de vós.

E quero desexarvos, para rematar, que esta festa domine os vosos corazóns e os das vosas xentes, e que o entusiasmo desborde ao exterior para que todos os que vos vexan noten que estades de festa porque a ledicia vos invade.

Eu deséxovos, veciños e parentes, unha feliz festa do San Nicolás e do San Lourenzo, e que a celebredes todos os anos da vosa vida e siga a celebrarse polos que veñan despois de vós. Será un xeito perfecto de demostrar que esta parroquia e esta terra está viva, e a seguridade de que a vosa lembranza -a través dos vosos descendentes que vos recorden nesta ocasión festeira- chegará tan lonxe, por milleiros de anos, como a memoria dos antigos veciños soterrados nas mamoas do Pilreo.

Feliz festa para todos!.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania