Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Benxamín Casal

Carballo, Xosé Manuel - sábado, 31 de agosto de 2013
ATA POR AÍ POLA VIDA, QUERIDO BENXAMIN CASAL

Ás 0,25 do día 30 deste mes de agosto Xulio Xiz mandábame un correo no que me dicía que o noso amigo Benxamín Casal estaba no HULA moi maliño. Eu respondíalle de inmediato que o sentía ben porque é un bo amigo e un bo home. Ás 12,20 do mesmo día poñíase de novo en contacto comigo Xulio pero esta vez para darme a mala noticia de que Benxamin finara a etapa da súa vida nesta terra á que tanto amou e tanto se entregou, indo do máis próximo ao máis lonxano como creo que debe ser.

Como escribo estas liñas depois do seu pasamento tería que dicir conforme aos usos e costumes: Era un bo amigo e un bo home. Pero son teimudo e sigo afirmando que É un bo amigo, porque, polo feito de que se fose non vou deixar de quererlle ben e de estarlle agradecido pola súa bonomía. Tamén creo, sen meterme en fonduras teolóxicas, que el me seguirá querendo ben porque, se no Ceo temos que deixar de querer aos que quixemos, o AMOR, que se nos di que é Deus, quedaría moi mutilado e habería moitos que nos desapuntásemos. E segue sendo bo home, porque aínda queda semente para moitos anos do ben que foi facendo a mans cheas.

Coñecino polo 1980. Buscaba eu a alguén que da maneira máis obxectiva posible e menos partidista posible viñese falar a Castro de Rei sobre o próximo Estatuto de Automía de Galicia. Non recordo quen me dixo que a persoa que buscaba podía ser Benxamin Casal. Probablemte fose Xiz, que xa daquela era o meu principal enlace coa capital. Eu non coñecía a Benxamín pero a persoa que mo recomendou tamén me deu o seu número de teléfono. Chameino, presenteime, expliqueille o que quería e rematei dicíndolle: Teño entendido que, se pode, ha de vir sen que eu teña que buscar recomendación e se, podendo vir, teño que buscar recomendación para que veña, é mellor que non veña. A súa resposta foi: Xa pensaba dicirlle que si, pero falándome dese xeito non podo dicir que non.

Agora resúltame ridículo lembrar que nos tratásemos de vostede, porque con motivo daquela conversa e do posterior encontro en Castro de Rei naceu a nosa fonda amizade. Eu era comenenciudo, porque ben sabía que esa amizade honrabame máis a min ca el; pero entre amigos non se repara nesas cousas, por iso non me parei tampouco en coñecer a súa biografía completa e detallada. Agora que xa non está por aquí, aínda que siga sendo, mirei en Galicia Dixital, na sección de Galegos, o que se di do seu curriculum e da súa obra e quedo abraiado.

Pero admirando todo iso, abráiame máis a súa cercanía,
disponibilidade, capacidade de acoller e sinxeleza. Hai coincidencias que quizabes non son casualidades. O xoves, unha hora antes de que Xiz me dixese da súa hospitalización, mandáballe eu un correo a Benxamín respondendo a un seu de fai algún tempo, informándolle do meu estado de saúde, pedíndolle desculpas por non terlle respondido antes e confiando na súa comprensión e magnanimidade. Non puido lelo porque xa estaba moi maliño, pero así que se acomode no Alén ha ter tempo. Nese correo mandáballe apertas para el e para a súa muller á que tamén teño por amiga. A el non sei agora como lle chegarán esas apertas, pero á súa muller reenvíollas por este medio, envoltas na condoenza, na esperanza e na oración de gratitude a Deus por térnolo dado.

E remato con esta pregaria: Amigo, Benxamín, como xa che teño pedido máis cousas e sempre me fixeches caso, pídoche agora que vaias preparando por aí un sitiño e, se pode ser, non moi lonxe de ti. Graciñas por todo e xa me dirás de que maneira che hei mandar as apertas no futuro.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES