Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mil primaveras máis para a lingua galega

Villares Mouteira, Félix - viernes, 30 de agosto de 2013
Era unha vez un vello país, situado na Fisterra de Europa. Un país cunha lingua de seu. Un país, como moi ben dixo un dos seus fillos máis egrexios, “dos dez mil ríos”, “dos mil vales”, “un país fermoso e eternamente verde”. Neste país, nun dos “mil vales”, hai unha vella cidade: Mondoñedo, “cidade de Galicia sonada polos bispos e polo cabalar das San Lucas. É rica en pan, en augas e en Latín”.

Nesta vella cidade episcopal, berce de curas e escritores, de músicos e artesáns, nace o máis grande fabulador que Galicia tivo xamais: Álvaro Cunqueiro Mora. Corría o ano de El Señor de 1911. Era o 22 de decembro: o silencio no que está mergullada a cidade é rachado polo toque a parto das campás da Catedral. Na casa do boticario, don Xoaquín Cunqueiro, situada na rúa Méndez Núñez (fronte da Fonte Vella), dona Xosefa Mora, a súa muller, está de parto.

O propio don Álvaro Cunqueiro escribiu: “Todavía en mi pueblo se dan se dan las agonías por la campana “Petra” de la Catedral, con señales que dicen si el moribundo es canónigo o simple clérigo, hombre o mujer, o niño. Varios toques han sido suprimidos, por ejemplo el de parto. Se tocaba la “Petra” para que los oyentes pidiesen a Dios concediese a la parturienta una buena hora. Yo debo de ser uno de los últimos mindonienses que, a punto de salir del vientre de mi madre, le tocó la “Petra” para que Dios me hiciese nacer sin dificultades. Llegó un obispo asturiano, don Juan José Solís, y suprimió este toque y se abrevió los de agonía”.

Segundo contan as crónicas da época, o neno pesou sete libras e media e mediu vinte e dúas pulgadas. Don Xoaquín, o pai do neno, viñera de Cambados e establecérase coma boticario en Mondoñedo. Dona Xosefa, a nai, era da casa dos Moirón de Cachán (Riotorto), en terras de Miranda. Este neno, Álvaro Cunqueiro, foi medrando e fíxose home.

Don Álvaro traballou arreo, entre a incomprensión e o rexeitamento de moitos, para que a fermosa e vella lingua deste país da Fisterra durase “mil primaveras máis”. Soubo dar gracias a Deus -entre outras cousas- polo don da fala: “Louvado sexa Deus tamén por terme dado o don da fala nosa, por terme ensinado a dicir ‘rula’ e ‘abidueira’ e ‘dorna’ e ‘ponte’ e ‘fonte’, e entón eu, sabendo estas palabras, era verdadeiramente dono da rula e da abidueira e da dorna e da ponte e da fonte”. Don Álvaro é hoxe en día un dos clásicos das nosas letras, é un símbolo que vai aló do seu tempo. É unha das grandes figuras das letras galegas e, case ousaría dicir, das letras hispánicas en canto que é tamén escritor en lingua castelá.

Don Álvaro viu tamén na supervivencia da nosa lingua a única posibilidade de nós duremos como pobo: “As miñas invencións e as miñas maxias teñen, nembargantes, un senso máis fondo: por riba e por baixo do que eu fago, eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ó lado da patria terrenal, da patria que son a terra e os mortos, haxa esta outra patria que é a fala nosa. Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: ‘Aquí xaz alguén, que coa súa obra, fixo Galicia durase mil primaveras máis’”.

Hoxe, cando diversos estudios, nos indican o retroceso no número de falantes da nosa lingua, a pesar de estar no ensino, nos medios de comunicación, no Parlamento..., temos que aportar o noso gran para que a nosa lingua dure “mil primaveras máis”, como pedía o escritor mindoniense. O que máis chama a atención é que o número de falantes baixe precisamente onde ata o de agora se conservara a nosa lingua: no medio non urbano.

Abofé que a nosa lingua, na que compuxo os seus versos o Rei Sabio, durará “as mil primaveras máis” se tódolos galegos somos quen de facer un esforzo por normalizala, se todos a valoramos e se todos nos decatamos de que é un patrimonio cultural, que temos recibido dos nosos devanceiros, e que temos a obriga de conservar e transmitir ás vindeiras xeracións. Quizabes non vén mal lembrar aquilo que escribiu Castelao: “¿Como chamariamos a un home que consentise o derrubamento do Pórtico da Gloria? Pois é certamente máis bárbaro quen deixa morrer un idioma: obra de arte insuperable, feita con amor, con dor e con ledicia polos nosos antergos, que recibimos en herdo e que témo-la obriga de enriquecer co espírito do noso tempo”.

Así que... ¡mans á obra!
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES