Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ecodulia, subsidiaridade e incendios

viernes, 30 de agosto de 2013
Empecemos pola xustificación dos termos. Habitualmente adoitamos falar da ECOLOXÍA para referirnos ao respecto a natureza; pero etimoloxicamente este termo mais ben significa coñecemento da natureza, e este non garante o respecto, porque non basta coñecer para respectar. Foi o zoólogo alemán ERNST HAECKEL quen aplicou o termo “ecoloxía” para explicar a relación dos animais co súa contorna natural, derivando a palabra do grego “oikos”, casa, lugar para vivir, (...), e ”logos”, razón, definición, razoamento, etc. E isto non parece que entrañe respecto, certa dependencia, como ECODULIA, que introduce o compoñente “douleía”, resaltando a nosa submisión ao ambiente, que connota respecto.

Así o ve, por exemplo, D. José María Méndez, Presidente da Asociación de Estudios de Axioloxía, unha autoridade mundial en Filosofía dos Valores.

Evidentemente, non se trata tanto de coñecer a natureza coma de respectala: Precisamente os que peor a tratan soen ser os que mellor a coñecen. É mester apearse daquela soberbia que nos permite, aínda que máis no ámbito político, algunhas afirmacións derivadas do pensamento de que “se a realidade non coincide coas miñas ideas, tanto peor para a realidade”. Así parecen pensar, non só algúns cidadáns da pé, senón tamén algúns con responsabilidades sociais.

Non se trata de excederse no respecto a natureza, como se tivera unha presenza de algo divino, sobrenatural, identificándoa cun deus, como ocorreu con actitudes primitivas e ben cheas de ignorancia, porque nosoutros temos que vivir DE ela, pero tamén CON ela.

E circunscribíndonos un pouco máis a este momento, ese respecto equilibrado e seriamente fundamentado en conclusións científicas non parece que o teñan os incendiarios, unha praga de pirómanos e obtusos irresponsables que todos os anos pola canícula atentan contra uns bens de interese xeral, incendiando os montes, un feito este con serias repercusións económicas e de deterioro do medio ambiente.

Sen dúbida, atendendo a voluntariedade de cadaquén e as circunstancias, sobre eles debe caer non só o peso da lei, senón tamén o rexeitamento social explícito, para estigmatizar suficientemente esas condutas.

Pero o problema, a meu xuízo, non está só aquí, xa que esta clase de aberracións prodúcense nas aldeas, principalmente nos montes, e os políticos con responsabilidades de goberno non poden limitarse as medidas preventivas meramente técnicas, que tamén fallan, senón extraer do malestar das xentes que viven NO campo e DO campo as razóns de fondo, que non sempre se detectan tecnicamente, porque nelas pode estar latente a concausa de certos comportamentos anti-ecodúlicos.

Consideremos algunhas interrogativamente:

--As esixencias da diversidade biolóxica están suficientemente ben establecidas para harmonizarse cos lexítimos intereses e medios de vida dos campesiños?.

--De verdade pensaron algunha vez no desgarro que causa non só contemplar os animais domésticos atacados, unha e outra vez, por animais salvaxes, senón tamén o verdadeiro impacto económico que produce, dificilmente traducido a unha indemnización, que case sempre chega tarde e ten máis de simbólica que de real, por non ter en conta o lucro cesante que se produce cando se quebra a dinámica do sistema de explotacións agropecuarias ou forestais?.

--É tan difícil comprender, por exemplo, que unha familia que veu danada unha leira de millo ou patacas xa ten que cortar o proceso previsto e vai encontrarse cunha serie de imponderables que a desacougan?.

--Reflexionaron nalgunha ocasión sobre a abusiva repoboación con animais perigosos ata as mesmas inmediacións das casas e no seu control subseguinte?.

--Cando se fala do “interese xeral”, considérase, por ventura, que tamén debe ser xeral a achega de toda a sociedade e non só a do titular dese ben, e, consecuentemente, regúlase, por exemplo, no caso da “res natura”, algunha redución contributiva do titular en función das limitacións impostas?.

--Partindo de que os montes deberían de estar razoablemente rozados, acaso teñen en conta que ós propietarios non lles compensaría explotalos se a administración non contribúe, en representación dese “interese xeral”, en algunha proporción, non excepcional en función da superficie, porque os que máis necesitan o seu rendemento son os propietarios de superficies pequenas?.

--Controlan o bo uso das subvencións?. Non sería preferible asignarlle ao propietario unha porcentaxe do costo previamente calculado e rigorosamente verificado, levando a cabo os traballos, con persoal especializado da mesma administración, dunha forma decisiva?.

--Acaso as vixilancias están ao servizo do pobo que soporta as inclemencias dunha vida rural, ou a da autoridade da que dependen administrativamente, que é só funcional e burocrática, empregándoa para garantir estratexias políticas ocasionais?.

--¿.............?.

Para acometer a solución dos problemas cos que os gobernos se encontran neste campo da ecodulia (ecoloxía) tampouco se pode esquecer a aplicación do principio de subsidiaridade, porque as entidades máis próximas a eles teñen un maior coñecemento dos mesmos e un caudal superior de experiencias inmediatas.

Pero isto comporta decisións apropiadas, á hora de acometer reformas intelixentes: Aquí, por suposto, sobran as actitudes “tombolescas” despachadas nos parlamentos e precísase activar as sinerxías necesarias co fin de acadar solucións eficientes.

Os gobernos, impulsados pola política parlamentaria, que non sempre ten que ser necesariamente democrática, pola insuficiencia pancrática dos mesmos sistemas políticos, como evidencian as protestas ante as sedes parlamentarias, producen unha barafunda xurídica na que é posible eludir ou debilitar os efectos disuasorios nada menos que da lexislación penal, o que crea un ambiente de certa impunidade, estendida, por suposto, aos incendiarios máis contumaces.

A aplicación dun enmascarado UTILITARISMO NEGATIVO, no Dereito penal e prácticas penitenciais, leva consigo pensar que só son boas as penas que PRODUCEN RESULTADOS MALOS, posto que se suavizan con beneficios penitenciais para reducilas ata o extremo de que as mesmas vítimas dos delitos non só teñen que soportar selo dos efectos inmediatos da acción delituosa, senón tamén dos desaxustes posteriores do cumprimento das penas impostas.

E isto, por moito que se queira enfeitar nas estatísticas, leva consigo un aumento da delincuencia e unha reincidencia que, aínda que é máis rechamante nos delitos sexuais e de malos tratos, como nos económicos, evidenciados polas corrupcións xeneralizadas, parece que está realmente xeneralizado. Quero, non obstante, facer constar aquí que o xuíz pouco pode facer se non o dotan de instrumentos xurídicos adecuados, nin tampouco os servizos de investigación, tamén vítimas profesionais das aberracións políticas.

Pero, sen prexuízo de facer bos aos malos polas canles que corresponda, non se pode perder de vista que a finalidade do Dereito penal é protexer aos cidadáns honrados e a sociedade en xeral fronte as accións delituosas, e nesta liña deberían estar os parlamentos e os gobernos mediante os correspondentes recursos disuasorios. Porque, se non cobren este obxectivo razoablemente, hai que pensar na existencia dun parasitismo social.

Non sei, se cando un paisano di que os incendios son un caso da política, está, ou non, afirmando algo moito máis fondo do que da a entender unha afirmación aparentemente gratuíta e desafortunada.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES