Sés, a arte de facer pensar
Santalla, Iago - miércoles, 28 de agosto de 2013
Hai tempo que a sigo, que bebo esperanza da súa frescura. Os seus concertos convocan a seguidoras e seguidores que gustan, gustamos, de ver como María Xosé Silvar Sés fai pedagoxía da palabra. Sés é unha humanista galega que lle canta ás causas xustas, comprometéndose, empapándose de realidade e retratándoa (en música e poesía) para emocionar a quen a escoita sen deixar de impulsala/o a actuar para conseguir un mundo mellor.
Xa nos deu dous discos (Admirando a condición no 2011, foi reeditado este ano, e Co xenio destrozado, no mesmo 2013), e un himno para soportar a convulsión infame destes tempos: Tempestades de sal. A todo isto hai que sumar uns directos que non deixan indiferentes, nos que Sés dá que pensar... (en todo o sentido humanista do termo).
Musicalmente a proposta parece poliédrica, combinando estilos moi dispares que xuntan nos seus concertos a un público do máis variado. Hai quen xa lle chama a Sabina galega, e pode haber unha semellanza!, xa que coido que Sés estase a facer dende un estilo propio e difícil de imitar.
Ademais do estilo, Sés ten unha ideoloxía clara, conformada dende a súa identidade como muller e como galega. Isto lévaa a desenvolver ópticas propias sobre estereotipos de xénero que xa veñen de lonxe e semellan querer perpetuarse. Disto fala cada vez que canta Non son fada, para dicir que ser libre é rachar coas convencións para rexerse pola propia conciencia.
Na música e na poesía de Sés caben moitas loitas e ela sabe transmitilas en valores a quen a escoita, aproveitando cada concerto para dicir o que pensa e argumentar a mensaxe de cada canción. Neste sentido, Sés vólvese unha auténtica pedagoga que abre as veas da propia experiencia en cada actuación para compartir todo o que lle ensinou a vida co selo único da súa conciencia.
No concerto que deu na Deputación de Lugo, quedoume gravada a presentación do seu tema Boto en falta unha ilusión , na que ela mesma fala dunha situación de maltrato. Creo que estamos ante unha muller que asume a misión de concienciar, de facer unha sociedade á medida de todos sen aceptar xamais o ser menos. Polo tanto só cabe desexarlle unha longa carreira na que nunca perda a maxia da frescura nin esa arte que tan ben domina: a arte de facer pensar.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora