Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha chapuza alemá

martes, 27 de agosto de 2013
A “incapacidade” da policía alemá para desarticular unha célula neonazi puxo ao descuberto non só unha incompetencia que contrasta coa súa tan cacarexada eficiencia senón igualmente e sobre todo o nivel de xenofobia instalada en segmentos vitais do aparello público. Nin a policía, nin os servizos de intelixencia, nin a xustiza foron quen de poñer coto en máis dunha década a unha banda de racistas (formada por só tres persoas!) que chegaron a cometer 10 asasinatos (9 inmigrantes e un policía) e roubos a unha ducia de bancos. A pericia alemá ante o grupo neonazi Clandestinidade Nacionalsocialista brillou pola súa ausencia.

A clave que explica este enorme fracaso é o incomprensible desprezo da motivación racista ou política en sucesos criminais que poderían evidenciar esta conexión. Esta é unha das máis de corenta recomendacións formuladas por unha comisión parlamentaria que investigou o caso. As forzas de seguridade, di o informe, infravaloraron totalmente o perigo dunha extrema dereita disposta a exercer a violencia e a levar adiante un terrorismo de dereitas.

Para a policía, durante anos, eran tan só axustes de contas entre inmigrantes (oito de orixe turca e unha grega) produto de guerras mafiosas intestinas nas que tampouco se afondou.

Atentados con bomba, todos os homicidios realizados coa mesma pistola non foron suficiente motivo para que a policía sospeitara da existencia dunha célula neonazi. Segundo revela o informe, a incompetencia foi de tal nivel que os axentes en cidades como Hamburgo ou Colonia chegaron a consultar a unha adiviña e ata unha medium de orixe iraniana en busca de pistas …. Que se saiba, non consultaron ao Kommissar Rex!

O informe parlamentario descarta que os integrantes da célula neonazi foran confidentes dos servizos de intelixencia alemáns, argumento explicable dun posible e deliberado encubrimento, e evita recoñecer a existencia dun “racismo institucional” instalado nas forzas de seguridade, causa estrutural que explicaría, unido á falta de coordinación entre os axentes de diferentes cidades, que o grupo actuara impunemente durante tantos anos.

A falta de coordinación da policía federal cos corpos dos länder e coa xustiza (que dificultaría que se relacionaran os feitos desenvolvidos en varias cidades do país) será abordada nunha reforma legal que debaterá o Bundestag nunha sesión monográfica o 2 de setembro próximo. Igualmente, a mellora do control parlamentario dos servizos de intelixencia figura na axenda.

Ridiculizado, Berlín tenta pasar páxina deste escandaloso episodio que alerta da persistencia de sensibilidades tenebrosas no seu aparello institucional. A xenofobia, en alza no país, permitiu a uns facer unha produtiva carreira delitiva ante a grotesca pasividade duns corpos de seguridade incapaces de recoñecer os móbiles xenófobos produto dunha estigmatización pexorativa da poboación inmigrante que ven de lonxe.

(Xulio Ríos é director do IGADI)
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES