Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Entre as paredes do silencio

martes, 27 de agosto de 2013
Coa publicación dun libro coido que se libera un pensamento, que unha emoción se volve paxaro ou bolboreta voando por un espazo sen valados nin fronteiras que pagar. Coa publicación deste libro meu (ENTRE AS PAREDES DO SILENCIO) o silencio muda en palabra e a palabra namórase do silencio. E comeza entre os dous unha intensa relación na que se buscan, na que procuran o alimento de cadansúas esencias. Unhas esencias pintadas nas cores do medo e da rebeldía. Esencias que se escoitan acumulando os sintagmas da rabia para desafogalos no limiar da derrota.

O silencio ten lingua con don de linguas, as cales non se rexeitan nin se destrúen, senón que se aman, que se bican cos seus beizos frescos de verbos irredentos que ansían a liberdade que dá a luz da palabra. O silencio é un pobo que cala e pensa, coas mans amasando a terra que o constitúe.

O silencio vive nesa casa desafiuzada cos cuartos baleiros por causa das emocións ausentes. No río do poema tamén navega o silencio que busca o abrazo do lector para que o contamine coa súa fame de sentir. O silencio vai no lóstrego que fractura a existencia cando o tren que nos carreta descarrila deixando un ronsel de dor e desesperanza. Ou viaxa nas horas que marchan riscando a nosa pel namentres gastamos o tempo que non é noso en falar palabras rotas ou simplemente en non dicirnos nada.

Podería seguir. Mais non nos esquezamos da palabra. A palabra debe ser, debe fluír polas veas do tempo, construíndo os muros da memoria daqueles que se expresan co ánimo destemido. A palabra non pode ser prostituída nos bordeis dos autócratas, deses que ouvean e se emborrachan co veleno do seu propio discurso. A palabra ha de estar limpa de toda mancha que lle cause a mentira da tiranía.

O pobo que fala e escoita en liberdade non está conformado por ovellas amestradas que van por onde ordena o perverso amo. Nin tampouco o configuran indefensas presas coas que asañarse os cans uniformados aos que lles inxectaron previamente a rabia.

O pobo é coma o vento abaneando as conciencias do sistema para axeitalo a si mesmo e non ao que ditamine a dialéctica dos escuros poderes. O pobo é bágoa que orballa a súa pena, berro que enaltece o seu ánimo, alento que non sucumbe á derrota, cadaleito que enterra os seus mortos. Mais o pobo non debe ser nunca pedra na que se agochen as infamias dos déspotas nin un libro ao que lle arrinquen as follas da súa memoria para contarnos sempre a historia dende o xeito dos vencedores.

Daquela, só me resta convidarvos, humildemente, a que leades este libro ou calquera outro, sexa poesía, narrativa, teatro, etc., en galego (non nos esquezamos os lectores e os escritores do galego, xa se encargan noutros eidos de facelo), en portugués, en castelán, en catalán, en éuscaro, na lingua que queirades.

Pero, non deixemos de ler, non deixemos de alimentar o noso espírito para ser máis libres, máis donos dos nosos pasos. A incultura é o estigma que queren impregnar en nós os necios para que ninguén descubra o fedor do seu pensamento.

Amemos a palabra, protexámola ENTRE AS PAREDES DO SILENCIO e cando sintamos a necesidade de expresarnos fagámolo con liberdade, que non con libertinaxe, e sen medo.


(ENTRE AS PAREDES DO SILENCIO, de Martiño Maseda, acadou o segundo premio da XXXVII edición do Certame Literario do Concello de Vilalba. Editado en libro, presentouse este na Casa da Cultura de Vilalba o 23 de agosto de 2013).
Maseda Lozano, Martiño
Maseda Lozano, Martiño


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES