Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre as "Nenias" de Otero Canto

lunes, 26 de agosto de 2013
EPIGONO

Varias lecturas con vagar, ás veces co alento entrecortado por unha sensación de abismo, ou sentindome náufrago nas alongadas agras do alén, trouxéronme ata esta ribeira acolledora que agora estou a compartir. Aínda que Xosé Otero transmite unha ollada lúcida sobre o sentido da morte, o antes e despois deste evento no que participamos todas e todos, a súa vontade de estilo fiando as expresións, ou ensarillando os ecos do pasado, é máis poderosa cos contidos intelectuais ou teóricos deste “silencio sen consolo”.

A súa achega é orixinal, aínda que no primeiro verso asoma unha alusión á flor do mal, non ten que ver co simbolismo de Baudelaire, nin coa tradición xudeocristiana de Occidente. É un tratamento tecido na antropoloxía e filosofía do humus galego, sen transferencias de culturas alleas, aínda que o autor insire referencias ó karma, etc., porque coñece todas estas cosmovisións. Co seu estilo celebra a convivencia da parroquia dos vivos e dos que os precederon, remarcando a forza emotiva da casa como santuario no que pernoctan para sempre as luces e sombras dos seus inquilinos, xeración tras xeración, sen crebas…

Fiel á urdime afectiva coa que as e os veciños chairegos viven o acontecemento da morte, o poeta fai vibrar nos seus versos dende o presaxio do laio dos cans ata a premonición das campás, sinal comunal da veciñanza.

A fortuna expresiva do libro irriga as súas páxinas, de tal xeito que non se necesitan títulos para cada poema, e converten a súa lectura nunha travesía na que unha lampada prende noutra ata levarnos progresivamente, polas mouras estadías da morte…

É un poemario con moitas lecturas… Non recúa ante o feito social actual de querer privar á sociedade de pensar e vivir esta circunstancia tan natural como a vida mesma. É consciente que a literatura e ata a beleza están ó servizo da totalidade da persoa, tamén deste destino para moitos envolto no medo e na escuridade, de feito unha das palabras máis socorridas nesta escrita é a cegueira da morte. Loita con coraxe contra o tabú, nas ás da presenza persoal, intransferible, dos seus antepasados no lume inmorrente da lareira ou no alento que rezuman as pedras do seu lar. E denuncia a despoboación e a morte da contorna rural.

Fica na tradición “dos ritos tatuados nos hábitos dos vivos”, acreditando a sensación popular de que o esquecemento é máis ruín ca mesma morte.

Estas elexías son un manancial de vestixios etnográficos da nosa cultura labrega: vestimenta de loito, a moblaxe da casa, os ritos de despedida, os xeitos de duelo na tribo.

Aínda ca memoria sexa dolorosa, esta literatura convertese nun salouco de liberdade, onde a alma en pena atopase consigo mesma nos corredores misteriosos do seu leito esencial. Asemella ca morte máis ca unha fuxida, é o encontro definitivo coas raíces.

O poeta demostra esta plenitude do ser recadando un vocabulario e unha expresión froito da sabiduría e da fala de sempre. Esa palabra axustada que reborda emoción e transmite a música, o son, a cor, dos nosos devanceiros. O poemario é un remuiño de palabras resgatadas arestora, que como a vida non saben cantos días van gastar: trasantonte, calafrio, as vigas abichadas, etc. Xosé Otero está a asinar a perennidade do noso eido, aínda que tamén incide na temporalidade das relacións humanas e das consecuencias das perdas, porque a vida é unha sucesión de adeuses.

O autor remarca a dor por esas perdas, que tamén supoñen un beneficio para a saúde global, pois cómpre abrirse á continuación das especies que merecen compartir no seu día este espazo común, o que tamén é unha oportunidade para o equilibrio afectivo de cadaquen, pois as perdas non só as dos seres queridos, tamén outras que nos afectan poden á fin converterse nun treito positivo na traxectoria individual, porque compre atravesar tuneles para volver atopar a luz, porén escribía Díaz Castro: “a noite é necesaria”. ´

Estes versos non deixan impasible a ninguén, están a mergullarnos nun mundo que afecta a todos, e na súa radicalidade, sempre permiten unha chispa de esperanza para o lector. E coma as teas de araña que gardan a memoria na obra, el tamén vai tecendo unha tea que envolve ó lector coa súa teima.

(O texto do noso colaborador, pecha o libro NENIAS CHAIREGAS, do escritor de Ponte Outeiro-Castro de Rei, Xosé Otero Canto)
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES