Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O mes de agosto

viernes, 23 de agosto de 2013
Hai anos no mes de agosto había, como en certos deportes, un “tempo morto” para a política e a vida pública. Os despachos oficiais e os Parlamentos pechaban e todos se daban unha tregua ata o outono, antes de reiniciar a confrontación e o debate. Había un “stand by” que todos respectaban. Mais agora nada se detén. O grupo gobernante mesmo publica disposicións e normas durante o estío, para tentar coller desprevenida á oposición.

A polémica permanente nos medios de comunicación fai que a chama siga viva; non é posible manterse á marxe, por moito que o procuremos para preservar a saúde mental.

Este ano houbo unha terrible traxedia. Na véspera do Apóstolo sucedeu o accidente de Angrois. As autoridades tentaron pechar o suceso canto antes. Enterraron aos mortos, honraron aos veciños da aldea que actuaron como heroes, acudiron en masa ás celebracións relixiosas e sinalaron ao culpable para que non coubesen as dúbidas: o maquinista foi imputado como principal responsable. Mais agora o xuiz observa unha imprudencia punible de Adif no accidente e imputa a esta empresa. Afirma que “ha existido una omisión de cautelas elementales por quienes tienen que garantizar la seguridad en la línea”.

Nun exercicio de cinismo inadmisible os presidentes de Adif e Renfe, que deberían ter sido cesados de inmediato como máximos responsables do desastre, afirman que “la seguridad no la deciden los políticos, sino los técnicos”. Resulta alentador comprobar que a xustiza, ás veces, funciona, e non permite pechar en falso un episodio tan terrible como éste.

A pesar de todo a clase política tiña présa por marchar de vacacións; no último debate no Parlamento de Madrid (no que o presidente tentou explicar a súa inexplicable relación con Bárcenas) moitos acodiron aos escanos coa maleta na man.

Núñez Feijóo (“un hombre de placeres sencillos” segundo afirmou na prensa), descansa no sur de Galicia e disfruta do canto dos paxaros e da brisa do mar. Pola súa banda, nos comezos de agosto Mariano Rajoy deixouse retratar facendo ridículas carreiriñas polas terras do Salnés. Para entreter ao persoal deixou a Margallo, o ministro de Exteriores, un auténtico incendiario que, cada vez que fala, provoca un conflicto.

Agora anda a xogar á guerra contra o Reino Unido por causa de Xibraltar. Castigan á poboación da zona con estrictos controis que provocan retencións kilométricas. Afirma que España perdeu a confianza en Xibraltar. Entéranse agora da existencia do contrabando, do branqueo de capitais, do crime organizado e da actuación do Peñón como paraíso fiscal. Ben que o sabían, pero miraban para outro lado. Mais agora resulta útil esta estéril confrontación para que esquezamos outros temas: a corrupción política, a financiación irregular do PP e as prácticas de Bárcenas que salpican a toda a cúpula do partido gobernante.

Case está a rematar o mes e non houbo un só día tranquilo. Millóns de persoas seguen sen traballo, os bancos de alimentos están desbordados pola crecente demanda dos menesterosos, os estafados polas preferentes seguen a reclamar xustiza e a plataforma contra os desafiuzamentos continúa activa para que os bancos non deixen máis familias á intemperie. Mais a voracidade do capitalismo non cesa. O FMI aproveitou o estío para propoñer unha nova rebaixa salarial. Os expertos afirman que esta medida non serviría para crear emprego nin mellorar a productividade: só nos achegaría, un pouco máis, aos países menos desenvolvidos.

A pesar deste panorama hai un acontecemento que se repite, como todos os veráns: centos de africanos chegan ás nosas costas, en embarcacións cada vez máis precarias. De qué espanto fuxen, como será a miseria que tentan eludir? Quen os engaña, que paraísos inexistentes lles debuxan para que expoñan así as súas vidas? Inician un camiño sen retorno que, en moitos casos, só os conduce a rebuscar nos colectores do lixo ou a malvivir de actividades delictivas. Os que dirixen o mundo, na vez de procurar o beneficio colectivo e a irmandade dos seres humanos, están a provocar cada vez máis desigualdade, miseria e desamparo. Teremos que facer algo para evitar o imperio da barbarie.



http://pablovaamonde.blogspot.com.es/
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES