Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Pancracia e os partidos políticos

viernes, 23 de agosto de 2013
A “pancracia” é un termo derivado do grego “pán-arjós”, que significa omnipotencia; pero aquí permítanme darlle un significado que considero máis apropiado para esta colaboración: “o poder político de todos”, entendido como o dereito a participar dos cidadáns no goberno da sociedade en xeral e do Estado en particular. Así entendida ven a ser un complemento da democracia, tan cacarexada polos partidos políticos, como hoxe en día tan pseudo-democráticos e solapadamente autoritarios, en si mesmos considerados e nas súas funcións representativas.

Respecto á democracia só podemos valorar que serva para que as alternancias no poder se produzan pacificamente, aínda que non sen que os gobernos saíntes deixen o camiño atrancado ós que os relevan; e pouco máis.

Pola contra, a pancracia, cando menos, entendemos que é moito máis respectuosa coa vontade cidadán a hora de decidir as cuestións de maior transcendencia, someténdoas a consulta popular. Ven a ser o que adoita chamarse a “democracia directa”, en oposición á “representativa”, que aínda que a soemos valorar positivamente, por comparación cas ditaduras, non podemos deixar de considerala como un sistema só útil nunha sociedade con serias carencias axiolóxicas, como ocorre cas nosas actuais.
Porque... delegar todas as decisións políticas nos gobernantes equivale a unha renuncia, con visos de legalidade constitucional, á realización moral da persoa, que, incluso, habería que discutir ata onde, eticamente, debe abdicar da súa responsabilidade no goberno da sociedade, sen comprometer a súa propia dignidade persoal. Sobre todo cando esta abdicación ten orixe nun programa de goberno que, cinicamente, sabe que non vai a ser cumprido.

E non se me obxecte que para iso están os plebiscitos, os referendos, enquisas, etc., xa que os gobernos non os convocan máis que cando teñen unha certa seguridade de gañalos, e ás enquisas aplícanlle a súa hermenéutica ou fan oídos xordos das mesmas. E como proba do escaso interese que teñen por dar solucións os problemas do pobo, basta tomar en serio o feito de que, salvo escasos casos, só se produce unanimidade parlamentaria cando se trata de elevarse o soldo (e se é posible sen publicalo moito), asegurarse boas pensións, aprobar complementos, etc. Si...e nestes asuntos ata se borran as diferenzas ideolóxicas!. Acaso só nesto descobren os nosos parlamentarios que os seus privilexios son a garantía do interese xeral do país?.

Reparemos tamén en que a pancracia non está estendida porque, como se apunta na coñecida coma Terceira Vía, tampouco o está a “subsidiariedade”, entendendo por tal a cesión de certas competencias a entidades inferiores, precisamente para evitar o perigo de que os que foron elixidos democraticamente se esquezan dos electores e confundan o propio co xeral.

Por outra parte, aínda que non hai democracia (representativa, se entende) sen partidos políticos, a recíproca non é certa: Os partidos políticos non garanten a democracia, xa que tenden a ser absorbentes e totalitarios, e non só cara a fora, senón tamén cara a dentro. Todo o queren gobernar, caciqueando nos concellos, instrumentalizando os deportes (Facenda e os clubs de fútbol) ao seu servizo, definindo mediante as subvencións que é e que non é cultura, e vixiando, cautelosamente, os comportamentos dos cidadáns, para discriminalos, se é posible sen escándalos, no exercicio dos seus dereitos.

Estamos na presenza, pois, dun intento de evitar as actitudes “pancráticas”, como noutras épocas as masónicas e as comunistas, para que os gobernados non poidan controlar aos gobernantes, cando todo tiña que ser ao revés: sentirse estes controlados por aqueles. E o pobo é consciente de todo isto. Precisamente, cando nos queixamos de que hai ideoloxía por todos os currunchos, só estamos lamentando, saibámolo ou non, as carencias “pancráticas”, seguramente con imprecisión política, pero, sen dúbida, cunha semántica da psicoloxía popular moi expresiva.

Non se debe esperar que a pancracia teña moita baza neste contexto axiolóxico tan turbulento, porque a sociedade non parece tampouco disposta a asumir, en xeral, unha maior altura ética e unha decidida disposición a compartir responsabilidades (as rúas, abusivamente frecuentadas, non son os lugares máis apropiado para iso) mediante unha certa autoxestión en clave solidaria.

E a alusión que me permito facer aquí á pancracia non debería ser considerada como unha saída retórica e, incluso, utópica a esta barafunda política que estamos a padecer, pois o mesmo Tocqueville sinalou que a democracia era máis baixa que a pancracia, que permite ao cidadán participar na función pública do estado ou sociedade de que se trate e corrixe esa excesiva desigualdade que os partidos políticos introducen entre os gobernantes e os gobernados, e mesmo dentro dos partidos o predominio das cúpulas que empregan agudas estratexias para evitar ser relevadas.

Claro, nas sociedades mastodónticas a prancracia faise impracticable, por iso diciamos máis enriba que era necesario introducir un aceptable grao de subsidiariedade, aínda que é mester, para evitar a utopía, que o cidadán acade un certo nivel axiolóxico, xa que compre que o exercicio de calquera marco de valores teña un reflexo social de solidariedade; pero para todo isto xa deberíamos iniciar a educación correspondente na mesma familia, responsabilizando aos fillos dos problemas familiares, posto que en moitos fogares non se vive a democracia, e pelexando por ela pertúrbase o fogar.

Sería ideal que os mesmos partidos políticos tiveran como obxectivo principal o fomento da pancracia; pero tal como funcionan hoxe é impensable, porque, xa o dixemos, son rabiosamente absorbentes AD INTRA e teimosamente independentes AD EXTRA: mesturan os problemas estritamente locais cos nacionais, facendo que a elección, por exemplo, dun alcalde sexa para eles unha cuestión política importante, como nos estados totalitarios; non poñen reparos en enfrontar aos cidadáns, crispando os comportamentos, en vez de levalos a actitudes solidarias; funcionan cun primitivismo tan rudimentario que ata acaban esmagando, como as ditaduras, calquera intento de emerxencia subsidiaria, dando a impresión de que o único que cambia é o ditador: unha persoa por un “colexio de caciques políticos”, como escribe un autor.

Nada me estraña que moitos de vostedes se pregunten a que ven agora todo isto, se é que non estamos nunha mala clase de política. Explícome: Como saben, o noso goberno anda tentando facernos ver que vai introducir unhas reformas importantes, aproveitando a situación de crise, e entre elas, segundo se di, proponse reducir a subsidiariedade dos concellos a favor das deputacións, sen nin tan sequera considerar a supresión destas, compartida por moitos cidadáns, é dicir, vai adoptar posturas “antipancráticas” que, sen dúbida, estenderá a outras reformas, como único factor de interese, e tal vez non estea de máis recordarlle algunhas cousas, que, aínda que caian en saco roto, un día poden chegar a tapar os furacos, precisamente cando acaden os niveis que o pobo non soportará.

Máis aínda, se reinara a pancracia nos partidos, Raxoi sabería que facer coas declaracións de Cospedal e Arenas, da mesma maneira que os Eres andaluces cumprirían a súa función sen pasear ós señorías polas calles da amargura, porque o pobo si sabe moi ben o que faría e onde os situaría a todos: Veremos se no momento oportuno mantén unha postura axiolóxica consecuente, porque ese 60% de abstención previsto hoxe en día enténdese, pero non parece unha resposta tranquilizadora.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES