Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os lonxes do solpor

miércoles, 21 de agosto de 2013
“Os lonxes do solpor” é, quizais o derradeiro poemario de Manuel María, que sae á luz aloumiñado pola recreación musical de Uxía dos máis senlleiros versos do cantor da Terra Chá, no disco “Andando a terra”, e polo documental “De amor e cantería”, que no 2011 foi merecente do premio Mestre Mateo á mellor obra experimental.

A recreación musical que nos ofrece Uxía ven chea de ritmos novos para poemas xa interpretados e coñecidos como “O carro”, “Manual do señorito” ou “A fala”. Pero tamén lle pon música a composicións que reflicten momentos clave na vida de Manuel María como o soneto “A casa”, escrito nun momento tráxico no que estivo a piques de perder o berce vital que era para el a casa de Hortas. Sen esquecer a súa musa constante: Saleta, a súa eterna “Rosa namorada”.

Semella que Uxía fai unha delicada escolla da obra para amosarnos a frescura e a vixencia dun poeta que nos deixou o máis completo retrato dunha Galicia vista con ollos chairegos.

Dita escolla ten en conta tanto os citados momentos clave (e mesmo críticos) da vida de Manuel María, como os piares ideolóxicos que deron razón á súa existencia e coherencia absoluta a toda a obra que nos deixou.

A temática susténtase nas grandes constantes de Manuel María. O libro consta de tres partes que esquematizan o ideario do Manuel:

1. A palabra. É o vínculo afectivo do poeta co mundo. Nela agroma a medida de todas as cousas; porque todo é susceptible de ser palabra, e a palabra é a verdadeira eternidade dos feitos. Por iso, Manuel María di que o pobo que deixa perder a súa palabra “está perpetrando o seu propio xenocidio”. Semella que un poeta debe de ser un garda da palabra, e neste poemario o autor demóstranos que o foi ata o seu derradeiro folgo.

2. A terra. “ a terra é a nai que nos xerou e nos pariu”. Con estas verbas empeza Manuel María a falar do espazo natural que lle deu vida e razón de ser. Para o poeta a terra é natureza e xente. Por iso, na terra ama a Saleta debuxándoa entre merlos e Bidueiros. Nesta segunda parte atopamos a reafirmación ideolóxica do poeta na paisaxe, enchendo a mesma das emocións vividas ata darlle un significado propio e pleno que fica para sempre nos seus versos.

3. O existencialismo. Como noutros libros, Manuel María reflexiona sobre a morte e a transcendencia, mais agora parece estar preto e “o tempo ido” parece ser máis longo que aquel que lle queda por andar. Quizais por iso decide inscribirse no mar da historia lembrando a Ítaca dos soños ou mesmo a Breogán. O poeta sinte non poder vivir o devir da civilización preguntándose se será porvir ou traxedia o futuro do home.

Non sei se “Os lonxes do solpor” é o último que escribiu este corazón chairego, mais non podo evitar ver nel unha mostra sempre mellorada das grandes temáticas que caracterizan a súa extensa obra. Polo tanto, sinto ao transitar polos seus versos que estou ante un xeito de testamento poético de alguén que me ensinou historia, cultura, autoestima, amor, etnografía, literatura e unha morea de emocións impagables. Por iso penso, e mesmo asumo, que neste libro fica unha obriga, oculta ou latente, de ensinar aos devanceiros todo o que nos legou a voz e a palabra de Manuel. Unha visión completa dun poeta eterno, que o pobo galego precisa para entenderse e valorarse en plenitude.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES