Lembranza do mestre Lugilde
Fernández, Suso - martes, 20 de agosto de 2013
Don Manuel albergaba na súa figura miúda unha gran calidade humana e unha vocación polo ensino ó que dedicaba tódolos esforzos e permanente atención. Foi un adiantado ás novas técnicas pedagóxicas, a través das actividades extraescolares, os labores en equipo, etc.
Na súa escola realizábanse traballos manuais nos que era un experto aprendiase música e o dominio de instrumentos de corda: guitarra, bandurria, laúd
e ensaiábanse a coro cancións do folclore galego. Na aula dispuña dun pequeno museo natural, a onde ían a parar os mais diversos elementos, dos que os alumnos recibían a correspondente lección.
Moi afeccionado á pintura, copiaba obras de grandes artistas: Velázquez, Murillo, O Greco
que, penduradas das paredes, as comentaba cos rapaces. Representaban obras de teatro por él dirixidas e algunhas tamén escritas. As súas ensinanzas tiñan unha orientación práctica, con vistas ao futuro desempeño dos diversos oficios, entón a aspiración máxima da xente nova; daí que concedera grande importancia á xeometría, a aritmética, agrimensura e o debuxo.
Amante da naturaza, nos frecuentes paseos polo campo e a beiramar, espertaba nos rapaces o interese polo medio natural e a súa conservación. En circunstancias tan miserentas da època, proporcionaba gratis ó alumnado o material preciso para o traballo. En abril de 1984 este cronista publicou un comentario suxerindo ó concello o recoñecemento á súa persoa. Os munícipes, capitaneados por Pepe Paz, tomaron nota e, cinco meses mais tarde, consumábase a homenaxe.
Fíxose unha exposición con boa parte dos cuadros que él pintara, vellas fotografías das que era autor, así coma do grupo O Feitizo na súa honra; recortes de prensa e outros testemuños do seu fecundo labor e divulgouse a sua biografía. Dende entón unha rúa, a carón dos locais-escola onde exercera, leva o nome mestre Lugilde.
Nacera en Lugo en 1885; chegou a Foz en 1921 e aquí ficou ata a súa morte en 1948, hai xustamente 65 anos. Él foi un dos persoeiros da historia do ensino. na vila focega.

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora