Lucenses que respiran aliviados
Xiz, Xulio - lunes, 19 de agosto de 2013
A algúns amigos meus pídenlles 15 ou 21 meses de cárcere, longas penas de inhabilitación e multa por un presunto delito de tráfico de influencias ao serlles anuladas multas de tráfico. E penso que hai alomenos cinco mil lucenses que respiran aliviados por non aparecer nesa lista nefanda que se aos amigos preocupa, que fará aos que se ven implicados?.
A cifra de cinco mil é un xeito de falar, e comprende na súa inmensa maioría aos que nunca tiveron oportunidade de que se lles quitara unha multa por falta de amigos, ou porque non o intentaron. A súa ledicia é lóxica ao comprobar que foi mellor pagar a multa ca interesarse polo tema de xeito directo.
Pero neses cinco mil algún haberá ignoro cantos- que recibiron algún beneficio similar noutros tempos, lugares ou ámbitos, e que salvan por non estar en lugar impropio no momento menos axeitado.
Somos conscientes de que non está ben anular multas pero ata agora mesmo ningún lucense fóra dos profesionais do dereito- tiña idea de que algo así puidera estar penalizado deste xeito, nin que fose causar ningún problema a ninguén. Pero cando as cousas se miran a través do prisma axeitado resulta un panorama diferente ao que levamos vendo toda a vida.
Supoño que do que se trata é de facer exemplarizante todo este proceso, pero de todas maneiras se pola anulación dunha multa de tráfico se piden penas así, outros implicados que todos coñecemos poden dar gracias a Deus de que se teña eliminado a pena de morte na nosa lexislación vixente.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora