Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O mundo do deber ser...

viernes, 16 de agosto de 2013
Naturalmente, o mundo do “deber-ser” é o mundo de todo o que conviña que fora e non é; pero referido a conducta do home/da muller, abofé que é o mesmo mundo da ética. Por suposto, sería tamén un mundo onde as inxustizas non tiveran cabida, “posto que – como Antonio Machado lle facía dicir a Juan de Mairena – o que chamamos MUNDO DO DEBER SER non é outra cousa que a expresión da NOSA INSATISFACCIÓN OU O NOSO DESCONTENTO co que é ESTE mundo, é dicir, “co que hai neste mundo” ou co que “non hai” nel, pero pensamos que debera habelo”.

Nisto hai moita tea que cortar, ou como se di coloquialmente, hai moita tea mariñeira; pero deixémola reducida ao noso país. Sen dúbida que nel, en España, os descontentos son moitos, e cadaquén encánaos ao seo xeito: Incluso hai algúns que piden a independencia da súa autonomía porque non se encontran a gusto dentro de aquel. O argumento coxea dun puerilismo pouco propio de persoas maduras e sosegadas; pero está aí.

Non obstante, a insatisfacción e o descontento dun número considerable de cidadáns está xustificado e conta con argumentos de fondo. Eles padecen os “axustes” que o goberno di que son absolutamente necesarios para saír da crise, e ao mesmo tempo escoitan a Barack Obama, o Sr. Presidente do país máis rico, capitalista e poderoso do mundo, afirmar que necesariamente hai que subir os impostos ás grandes fortunas, mentres nesta nosa Madre Patria os capitalistas, segundo informan os medios, están sacando importantes cantidades de diñeiro para o estranxeiro. E o goberno..., de brazos cruzados!.

E non cae tampouco en saco roto unha falta de información sobre
as SICAV (Sociedades de Inversión Colectiva de Capital Variable), porque teñen dereito a ela os españois, de mans do Goberno, para saber a verdade respecto aos seus beneficios fiscais. Así mesmo desacougan as débedas dos clubs, sobre todo que se toleraran tanto tempo, cando a un pobre cidadán, por unha cantidade ridícula, fanlle pasar noites de insomnio. Hai que supoñer que haberá responsables. E mesmo na Facenda.

Tamén sabemos os cidadáns que cando se votou no Parlamento Europeo para que os eurodiputados decidiran voar en “clase turística” ou en primeira, uns 17 do PP e uns 19 do PSOE, segundo resulta dunha información dixital, votaron en contra de “voar en turista”, aínda que a diferencia parece que anda por uns mil euros, máis ou menos, ida e volta. Para eles hai “benestar”; pero para os cidadáns, “segundo o permita a economía do país”, ven a dicirnos o Sr. Presidente do Goberno, con esas frases tan estereotipadas que ata parece que din algo.

E non falemos dos soldos, das peaxes, axudas, beneficios fiscais, xubilacións, iPhones4S, iPads, asistentes para diputados, etc. etc., porque son escandalosos. Acaso, e pese ás razoables disposicións derivadas da Lei de Reforma do Congreso, como consecuencia da Emenda da Constitución Española, os nosos eurodiputados seguen mantendo os mesmos privilexios?.

Confésome inimigo das excesivas manifestacións nas rúas, e cando tiven ocasión de expresalo así, fíxeno; pero os cidadáns teñen dereito a buscar un lugar nese MUNDO DO DEBER SER, para librarse de todo o que hai neste que non debía haber. Porque hoxe en día estamos soportando unhas accións políticas baseadas en que sexan os demais quen acaten as normas, éticas ou xurídicas, e mentres, algúns van esquivándoas, que é a opción dos oportunistas (moitos metidos a políticos).

Para isto, os disidentes coas decisións que consideran inxustas e lesivas teñen que xogar cunha certa autonomía para verse libres de ataduras ideolóxicas ou de outra natureza, e, ao mesmo tempo, que o seu comportamento sexa universalizable, proveitoso para todos, se queren actuar con obxectividade, e evitar facelo por oportunismo. Pero reivindicar autonomía e autodeterminación, sen o compromiso da universalidade, leva implícita, máis ou menos solapadamente, a reserva de que sexa só para o disidente: quen reclama acostuma a estar cheo de razóns para facelo; pero esas mesmas razóns nas aceptaría como válidas se é a el a quen se lle reivindica. Aquí no noso país o saco esgaza por arriba, pero tamén ten furacos por abaixo.

E digo isto adrede, porque a ninguén se lle escapa que as filas dos disidentes están cheas de persoas que se manifestan nas rúas por motivos ben distintos dos de acadar uns obxectivos compartidos, senón máis ben por inquietar a quen está no poder, ou non se suman a unha reivindicación xusta e universalizable precisamente porque o goberno é o da súa ideoloxía. Ocorre así cando se ven cargos importantes dos partidos enrolados nas manifestacións.

Evitar todo isto equivale a loitar por ese MUNDO QUE DEBE SER. Mais os que o fan son bastantes menos do que puidéramos supoñer, porque son poucos os que están dispostos a mellorar o que temos, se poñen en risco os seus intereses. Entón, hai razóns para esperar acadalo, se non cambian as circunstancias?.

Quédanos aínda moito sen facer, e isto obríganos a ser algo UTÓPICOS: Necesitamos paz, xustiza, democracia real, un grao de sensatez e responsabilidade compartida, etc., que non son ilusións ou desexos estrafalarios; son ideais absolutamente necesarios, e máis nos nosos días, e se queremos facer algo por eles seguramente sexa aconsellable XOGAR A CONTRA: Se queremos a paz, hai que evitar as guerras, non preparalas, como nos dirían os latinos; se queremos máis xustiza, hai que loitar contra as inxustizas manifestas; se queremos democracia real, teremos que ter moito coidado de non dar motivo a que emerxan as tiranías, practicándoa; se queremos unha responsabilidade compartida, empecemos por nosoutros, etc.

Por suposto, os cidadáns temos moito camiño por andar; pero os políticos deberían de preocuparse seriamente de non poñer atrancos nel.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES