Manuel, na lembranza
Xiz, Xulio - jueves, 08 de septiembre de 2005
Hai un ano que nos deixou Manuel María da Terra Chá.
Cando se encontraba no tempo feliz do descanso da tarefa burocrática, cando a súa traxectoria creadora era máis brillante, cando vivía na Coruña o tempo ledo do recoñecemento e da tranquilidade, fóisenos Manuel despois dun curto e rapidísimo proceso que nos deixou sen a voz máis fecunda e sonora da Galicia moderna.
O seu pasamento concitou hai un ano en Outeiro de Rei a centos de amigos e devotos, e orixinou unha serie de homenaxes que agora reviven co gallo do primeiro aniversario da súa morte.
Esta tarde, ás cinco e media, no cemiterio de Outeiro de Rei farase unha ofrenda de frores e lectura de poemas. Ás oito do serán, na Praza das Mulleres, de Vilalba, grande homenaxe co título de MANUEL MARÍA NA PALABRA E NO SON, no que participan Pilocha, Miro Casabella, A Quenlla, Lusco e Fusco, Pandeireteiras de Andrade, Buxos Verdes, Laura-Luis, e dúas ducias de escritores amigos que recitarán poemas do seu e noso "Terra Chá".
Un ano despois da súa morte, Manuel María segue vivo. As voces que hoxe se escoiten en Vilalba, serán voz de Manuel. É moito máis ca unha lembranza. É unha presencia viva a través da súa obra, dos seus amigos, da palabra e do son.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora