Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Jaime Cabot: Arte, humanidade e santidade

jueves, 15 de agosto de 2013
Recentemente recibín no correo electrónico un artigo, lembrando o centenario do nacemento de Don Jaime Cabot Bujosa e pedindo a súa beatificación. Agradecino desde o máis fondo de min mesmo.

Do faiado da miña memoria xurdiron moitos sentimentos ben arraigados, moitas anécdotas, moitas imaxes posibles de Don Jaime; mais na procura dun resumo, cheguei a esta síntese: no meu percorrido vital tiven a sorte de coñecer e convivir cun artista, cunha persoa humanizada, cun santo indiscutible. Nesa persoa vin e sentín unha simbiose perfecta de arte, de humanidade e de santidade. As súas interpretacións musicais no órgano da catedral de Mondoñedo soaban a éxtase sublime, o seu trato sabía a humanidade profunda e as súas discretas manifestacións relixiosas insinuaban sempre un nimbo de santidade. Todas estas impresións eran como vivencias intuídas e sentidas, non elaboracións intelectuais.

Quen foi Don Jaime Cabot? Para os de Mondoñedo e os que pasamos uns anos nesa cidade, Don Jaime Cabot Bujosa foi alguén especial. Sabíamos que era un cura canario que veu de organista para a Catedral mindoniense, e que a súa vez foi profesor no Seminario; e con saber iso abondábanos, pois a súa figura desbordaba as circunstancias de tempo e lugar. As rúas de Mondoñedo vírono pasar constantemente á procura dos necesitados e enfermos e o seu virtuosismo de música relixiosa chegou os oídos de miles de mindonienses, de sacerdotes, de familias de seminaristas e visitantes; e como halo envolvente estaba o seu signo e fama de santidade.

Fai uns poucos anos recibín copia dun vídeo que fixeron algúns compañeiros, no que, a petición dos ex-alumnos, aparece Don Jaime facéndolles unha mostra da mellor música relixiosa no seu órgano catedralicio. Gardo este CD como unha xoia valiosa.

Cal é o contido e a relación entre arte, humanismo e santidade? Hoxe, despois dun xa longo percorrido por tempos e lugares, pregúntome desde a razón e dos sentimentos cal é contido e relación entre esas dimensións vitais que no seu día percibín encarnadas na figura de Don Jaime.

Desde sempre tiña unha idea positiva das belas artes, especialmente da música, como algo esencial na educación das persoas; aínda que no devir das experiencias posteriores dalgún xeito tamén intuín que no cultivo das artes hai utilizacións escuras, pois tamén son manipulables. Mais para humanizarse, o seu cultivo é esencial.

Que é o humanismo das persoas? Que significa ser humano? Esta palabra e idea abstracta contén unha infinidade de significados, uns enormemente positivos e outros máis escuros. Entre estes últimos esta a idea de que somos limitados, como algo propio da condición humana que debemos aceptar. Entre os aspectos máis valorados está a visión de que a persoa con humanismo acolle ós demais incondicionalmente, que respecta ós outros con todas as súas singularidades, que axuda sempre ata onde pode sen esperar contraprestación algunha. Nunha palabra, non coñece a acepción de persoas.

E a santidade? Quizais debido os escritores de vidas de santos, que moitas veces contan feitos milagreiros desde a mesma nacenza dos biografiados, existe entre a maioría da xente a idea de que un santo é un ser fóra da vida real dos mortais. E na vida concreta aparece como unha boa persoa, mais conformista e coma sen sangue nas veas. Esta imaxe torcida non percibe que a persoa sincera e realmente santa reacciona sempre desde os seus ideais, desde a súa relación co Transcendente ou desde unhas convicións éticas profundas, e non dende os seus intereses nin dende sentimentos ou ideas viscerais.

Esta síntese de arte, humanidade e santidade percibina desde rapaz na persoa de Don Jaime Cabot Bujosa. E esa foi a mellor herdanza que nos deixou, e que gardei no máis íntimo do meu ser. Grazas infinitas, Don Jaime. Agora no seu centenario somos moitos os amigos que queremos a súa pronta beatificación. O pobo de Mondoñedo, que como di o evanxeo, coñeceuno polos seus feitos, xa o canonizou en vida. Agora é xusto e necesario que a autoridade eclesiástica, a quen corresponda, teña a sensibilidade humana e relixiosa oportuna para iniciar a súa beatificación no aniversario do seu nacemento. Así o esperamos.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES