Alonso Montero, Presidente
Villares Mouteira, Félix - miércoles, 14 de agosto de 2013
O PROFESOR ALONSO MONTERO,
PRESIDENTE DA REAL ACADEMIA GALEGA.
Como de todos é sabido, o pasado día vinte de abril o profesor Xesús Alonso Montero foi elexido novo Presidente da Real Academia Galega na segunda volta dunha apretada votación, na que o profesor acadou doce votos fronte ós dez da candidatura de Manuel González.
Hai moito anos que coñezo e trato a D. Xesús Alonso Montero. Exactamente desde finais da década dos anos sesenta do pasado século XX cando el era profesor no Instituto Masculino de Lugo e quen isto escribe estudiante en Salamanca. Desde aquela, sempre nos apreciamos e respectamos, tendo entre nós unha boa amizade. Tanto que escribiu en La Voz de Galicia, na súa sección Beatus qui legit, o seguinte: Somos, desde aquela data, amigos, tanto que eu conto a Félix Villares Mouteira entre os sacerdotes que aínda rezan pola miña reconversión. Froito desta amizade foi que o profesor Alonso Montero escribise o limiar do libro Os poetas do Seminario de Mondoñedo.
Como xa dixen, don Xesús foi elexido Presidente da Real Academia Galega, algo que me alegra fondamente. Non é doada a tarefa que lle espera á fronte da centenaria institución, pero os que coñecemos ó veterano profesor Alonso Montero sabemos que ten capacidade e sapiencia para levar a nave a bo porto. Digo que a tarefa que lle espera non é fácil porque algúns membros da Real Academia Galega crense coa verdade en exclusiva de xeito que o non pense coma eles queda anatematizado.
A traxectoria do profesor Alonso Montero en defensa da lingua e da cultura galegas está aí e é un feito que ninguén pode negar. Todos lembramos o seu Informe dramático sobre a lingua galega no que alertaba sobre os problemas que había para a supervivencia da nosa lingua.
Coido que, tendo en conta a traxectoria vital de don Xesús, un docente de prestixio, un investigador, e a súa entrega ó servizo da lingua e da cultura galegas, vaino facer moi ben como presidente da Real Academia Galega, se é que lle deixan. Adiante e sorte, amigo don Xesús.

Villares Mouteira, Félix
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora