Herminia, monxa galeguista e feminista
Pérez Prieto, Victorino - lunes, 12 de agosto de 2013
O adeus a Herminia, unha monxa galeguista e feminista
Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.
Dios santo premita
que aquestes cantares
de alivio vos sirvan
nos vosos pesares;
de amabre consolo,
de soave contento
cal fartan de dichas
compridos deseios.
(Rosalía de Castro, Cantares gallegos)
Coa dor aínda ben viva en Compostela polas mortes da curva de Angrois -un absurdo accidente froito da mestura entre imprudencias e recortes asasinos en seguridade ferroviaria que afogou, na dor polos preto dos 80 mortos, a ledicia das festas compostelás e as manifestacións do día da patria-, a gaita soaba melancólica na igrexa da Compañía de María, a carón do vello edificio da Universidade compostelán, co son do himno do antigo Reino de Galiza para dicirlle o derradeiro adeus da familia, irmás de congregación e numerosas amigas e amigos a unha monxa atípica: Herminia Estoa Bouso.
Inmediatamente antes, a comunidade reunida para a celebración funeral concibida coma Eucaristía de acción de gracias pola vida de Herminia, erguíase para escoitar os emocionantes versos de Rosalía, que tanto amaba esta monxa; versos coma os do comezo destas letras e outros definitorios como estes:
Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na beira do mare.
Os versos reflectían naquel intre emotivo o amor por Galiza e a súa lingua que manifestou Herminia toda a súa vida, consonte cos versos da poeta galega por antonomasia, demasiadas veces extranxeira na súa patria coas xustas verbas de Paco Rodriguez:
Que así mo pediron,
que así mo mandaron,
que cante e que cante
na lengua que eu falo.
Porque Herminia, como pacífica militante galeguista, que levaba a cultura galega moi dentro do corazón e da cabeza, participou animosa desde os seus comezos no movemento de galeguización dunha Igrexa en Galiza que non acaba de ser Igrexa galega, como recoñecín no meu libro Galegos e cristiáns. Fíxoo salientablemente colaborando coa Asociación Irimia, sobre todo nas súas Romaxes de Crentes Galegos, ás que foi fiel asistinte e sufriu polas incomprensións e persecucións que tivo que padecer esta romaría atípica por parte da xerarquía galega e os elementos máis reaccionarios Igrexa. Mini participou neste compromiso con outras irmás monxas; algunhas chegaron mesmo a participar nas organizacións políticas nacionalistas.
Pero Herminia, tamén coma outras monxas, foi ademais unha muller feminista. Loitou pacificamente fronte ao patriarcalismo machista da súa Igrexa que lles quixo sempre impor a vontade dos varóns; e reivindicou a propia identidade e o posto de igualdade na Igrexa. Mª Xosé Queizán, chamounas xustamente compañeiras na causa do feminismo.
Grazas Mini, María, Pilar e tantas irmás da Compañía de María en Galiza.

Pérez Prieto, Victorino
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora