Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

The Sessions

miércoles, 14 de agosto de 2013
“The Sessions” é unha película estadounidense dirixida por Ben Lewin e estreada a finais do 2012. Cóntanos a historia de Mark O’ Brien (interpretado por John Hawkes), un poeta e escritor “freelance” tetrapléxico froito dunha poliomielite infantil que decide perder a virxindade aos 48 anos, e para iso contacta cunha asistente, ou suplente, sexual.

Ben Lewin quere darnos unha visión do sexo que transcende a xenitalidade para chegar á afectividade. Xusto o que se propón dende diversos foros defensores da asistencia sexual. Cando falamos de asistencia sexual en ningún caso estamos a falar de prostitución, senón dun / ha profesional que presta un servizo a persoas que (polas circunstancias que sexa) teñen limitado ese eido da vida. Por iso é necesario naturalizar o sexo, sen magnificalo nin minimizalo, só considerándoo un eido máis da vida.

En canto á asistencia sexual, existen dúas visións claramente diferenciadas: a primeira é a que se nos dá na película, a asistencia sexual como unha terapia que axuda á persoa a indagar no autocoñecemento do seu corpo. A segunda concibe a asistencia sexual como resposta a unha necesidade vital. Esta última é a defendida, entre outros, polo colectivo catalán “Sex Assistant”.

Volvendo á película, temos que falar dunha visión poliédrica da sexualidade que teima, con acerto, na idea de que o sexo é un encontro na empatía entre dúas persoas alimentado coa mirada, coas palabras, co tacto, co pracer do gusto mutuo ou co sentir conxunto de dous corazóns. Como ninguén manda no corazón, hai tantas formas de amar como corazóns latexan; por iso non existe ningún ser humano limitado para o amor, senón que cada vez que dúas persoas se xuntan emprenden unha viaxe á procura da súa forma de namorarse.

Outro aspecto importante da película é o coidado estético da persoa. Independentemente da diversidade funcional que teña, é fundamental que se sinta a gusto consigo mesma, que se mire ao espello e se vexa como alguén digno de ser amado. O noso protagonista ten culpas asumidas que lle impiden amarse.

Contrariamente ao que nos fan crer, o amor ten que empezar por un mesmo xa que ninguén pode dar aquilo que non ten. Ao igual que unha persoa que non sabe ler non pode ensinar a ler a outra, aquel que non se ama a si mesmo nunca será capaz de amar aos demais..

Finalmente hai que destacar o peso da relixiosidade no transcurso da trama, que se move entre o xudaísmo e o catolicismo, amosando que a convivencia é posible cando nos descubrimos na patria común da humanidade. Preséntase, así mesmo, un deus humanista, omnicomprensivo e buscador da nosa felicidade.

Unha película para ver, reflexionar e aplicar á propia vida; xa que nos convida a mudar as lentes da conciencia para acercarnos sen medo ao descoñecido, comprender as súas circunstancias e compartir con el as ledicias da vida.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES