Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Luís Soto

lunes, 12 de agosto de 2013
O Concello de Celanova vén de acordar darlle a un vieiro o nome de Luís Soto. Os que fomos os seus compañeiros de loita agradecémoslle á corporación municipal esta honra a súa memoria. A Fundación Lois Peña Novo tamén recibe con ledicia esta decisión motivada pola proposta que lle fixera hai dous anos ó goberno municipal. Xaora o rueiro celanovés ten tres nomes unidos por un tempo e unha loita común: Celso E. Ferreiro, Pepe Velo e Luís Soto. Os tres foron amigos e abandeirados de proxectos culturais e políticos de transcendental magnitude para Galicia.

Pepe Velo, o nacionalista galego que co secuestro do trasatlántico “Santa María” logrou chamar a atención do mundo para denunciar as dictaduras franquista e salazarista. Celso E. Ferreiro o sobranceiro cultivador da poesía social do século XX emulador do seu admirado mestre Curros Enríquez. E Luís Soto, o home de acción que mobilizou conciencias e deu pé á organización do nacionalismo galego de esquerdas na década dos anos sesenta coa fundación da UPG, que moitos anos despois abandonaría para crear o Partido Galego do Proletariado.

Xurxo Martínez González, que é o seu biógrafo, debulla con intelectual pulcritude unha vida dedicada á liberación social e nacional. Primeiro, en Ourense onde funda a Asociación de Traballadores do Ensino (ATEO) e participa na organización do partido Comunista. Máis tarde, en pleno conflíto bélico, acompañando a Castelao por diversos países do mundo para recabar apoio para a República. Xa no exilio, en México, Luís Soto xunto con con outros compañeiros, crea organizacións políticas e culturais para reivindicar a legalidade republicana e a defensa da identidade nacional de Galicia.

En colaboración co cineasta Carlos Velo, natural de Cartelle, pon en marcha o Padroado da Cultura Galega e a mellor revista xamais editada na diáspora: ”Vieiros”.

Na miña memoria permanecen imborrables as lembranzas do amigo. Con el compartín o ilusionante proxecto político de crearmos un partido nacionalista superador das vellas correntes ideolóxicas que sobreviviran á guerra civil. Para el fora a creación máis importante da súa vida despois dos moitos fracasos políticos por non ter sido capaz de conseguir un partido comunista de obediencia galega. Para min foi a oportunidade histórica de crear e dirixir con outros compañeiros (moi poucos) un proxecto político nacionalista con vocación de avangarda, animadora do proceso de autoorganización da das clases populares.

O Concello de Celanova vai facer posible que organicemos diversos actos naquelas localidades que tiveron que ver coas súas actividades políticas. “Os vieiros de Luís Soto” unirán a distintas localidades: Buscalque, en Lobios; Penosiños, en Ramirás; Mondariz, Ourense e Tourém, no concello portugués de Montalegre,sen esquecérmos de Vilanova dos Infantes e Podentes, parroquia de nacencia, no Concello de A Bola. En cada un destes lugares deixou Luís Soto a súa pegada política.

Procuraremos organizar os actos que nos sexan posibles para restaurar a súa memoria un chisco esborroada polo paso do tempo ao tempo que divulgarmos o seu pensamento político.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania