Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A tecnoloxía: Torre de Babel...?.

sábado, 10 de agosto de 2013
A ninguén se lle ocorre facer unha crítica acerca da eficacia e utilidade da ciencia e da tecnociencia ou tecnoloxía, mercé a cal podemos gozar dunha vida moito máis fácil e agradable; pero iso de que son completamente neutrais está lonxe da verdade.

Adoitamos dicilo, si; e incluso traemos exemplos como o da enerxía atómica, que tanto pode usarse para producir electricidade coma para fabricar bombas. E isto non se lle pode imputar a tecnoloxía en si mesma considerada.

Pero non podemos pasar por alto que estamos vivindo nun mundo tecnolóxico, que é todo un sistema complexo, que se pon en movemento tan pronto como se lle presentan as posibilidades de facelo: TODO O POSIBLE PASA A REALIZARSE, porque a investigación non ten freos. E hoxe en día poñerllos sería tanto coma ser acusados de antiprogresistas: Velaí por que temos unha tecnoloxía “absolutizada”.

Nin un paso sen caer nas súas redes. Dise que é complexa, autosuficiente e “omnidifusiva”. Como ven, é un monstro que xa se goberna por si mesmo. E esixe: A investigación tecnolóxica hai que pagala, detraendo o diñeiro doutros mesteres; pero ten, ademais, un custe en deterioro do medio ambiente, unhas serias repercusións ecolóxicas, etc., que non acostumamos a valorar convenientemente.

Algúns lectores dirán por que non se fai unha planificación ben organizada da investigación científica e tamén das súas aplicacións. A razón é política: Nunha dictadura levaríase a cabo, pero ao servizo do dictador da quenda, e nunha democracia sería moi difícil poñer de acordo os distintos partidos, e incluso así o único que se conseguiría é poñer a ciencia a un “control político” que acabaría atacando a necesaria liberdade da ciencia e os dereitos dos cidadáns, que a pagan, a beneficiarse libremente dela.

Por todo isto, o seu camiño cara a globalización é imparable e non se esgota. Ten as propias dinámicas internas de autocrecemento, que lle permiten difundirse en todas as culturas. Sen embargo, esa súa globalización e difusión non comporta unha civilización global. Como di un autor: “a tecnociencia (tecnoloxía) apunta cara a globalización, pero non é suficiente para producir unha civilización global”.

Sen embargo, as xentes de civilizacións moi diversas están dispostas a botar man de todos os medios que lles ofrece, e tamén en axudarlle a crecer. Isto ten, así e todo, un importante significado: En todos os sitios, máis ou menos, o home fórmase para inserirse no mundo da tecnoloxía, e faino con tal empeño e paixón, que acepta todo sen crítica, e consente recibir esa formación aínda que sexa en detrimento da coñecida coma humanística. Enténdese: Primeiro hai que vivir e despois filosofar (Primum vivere et deinde philosophari); aínda que, inconscientemente, vivimos filosofando non sempre ben.

Non parece, pois, lóxico que cada civilización, dentro dos seus parámetros, non se formule seriamente esta pregunta: Acaso cubre a tecnoloxía, este sistema tecnolóxico no que vivimos, todas as esixencias do mundo da vida?. (E reparen en que estamos facendo referencia a bioesfera, non só a vida do home). Porque, se non toma en serio a realidade vital, non parece que sexa boa unha especie de absolutización do sistema tecnolóxico. Verdadeiramente, a compoñente científica está para subministrar coñecementos e a técnica para a provisión dos instrumentos necesarios para actuar, e aquí non se encontra nada que poida relacionarse co deber-ser: Todo está remitido ao saber (que non se corresponde co comprender) e ao facer (que non implica necesariamente o deber-facer ou facer por deber).

Por outra parte, a innovación tecnolóxica é imparable, ao menos na práctica. A tecnociencia non está disposta a deterse en xuízos morais, e incluso sementou unha certa sensibilidade a seu favor: Ninguén que formule un destes xuízos que non estean de acordo co sistema tecnolóxico, ou dificulte a integración no mesmo, non terá éxito, posto que será considerado coma un carca, un desfasado, un “fundamentalista”, etc., porque xa non se lle xulga dentro do nivel sociolóxico, ético e incluso político no que se expresa, senón no tecnolóxico.

É, pois, bastante frecuente que se confundan as perspectivas; por iso adoitan utilizar os que defenden “acríticamente” a tecnoloxía, contra os que chaman á aplicación ética, política ou sociolóxica, esta expresión: “queren frear o progreso”. E fano dende o seu plano tecnolóxico, inda que non sexa correcto dirimir cuestións éticas, políticas ou sociolóxicas con criterios estraños, utilizando pretensiosos termos absolutos e excluíntes. Isto evidencia que a tecnoloxía estanos obrigando a vivir no seu mundo, mesmo que sexa a conta de diminuír e cernar o que nos corresponde pola razón de ser persoas, non meros robots.

Pero hai algo máis sobre o que reflexionar: A realidade é tan complexa, complexísima, que os coñecementos que se van acadando acerca dela son cada vez menos accesibles e difíciles de abarcar nunha síntese. Hoxe a erudición é na práctica inviable, polo pouco que se pode comprender do moito que se sabe por especialización, porque esta xa é cuantitativamente moi grande e cognitivamente moi difícil de entender na propia linguaxe de cada especialidade.

É dicir, da a impresión de que nesta entusiasta ramificación da tecnoloxía vamos camiño de construír outra torre de babel. E se a primeira, a que decidiron construír os descendentes de Noé na terra de Senaar, coa pretensión de tocar o ceo, parece que quedou reducida ás ruínas máis importantes de Babilonia, en canto a segunda, á que están construíndo os tecnólogos, que ten por obxecto traer o ceo a terra, non podemos augurarlle tampouco un bo final, porque, se o pretendemos baixar pola escaleira da nanotecnoloxía, controlando os átomos, a chamada Forza de von der Waals, que actúa entre os electróns, pode desbocarse, e entón acabará cos minerais da Terra, deixando unha “praga gris” inservíbel. E non debemos dubidar de que unha fuxida espacial é un conto de fadas.

Esperemos que a sensatez se impoña e vaia minguando a vaidade, para evitar que as glorias da Humanidade non deveñan burbullas nos rescaldos da Terra, e reine o equilibrio entre o desexo apaixonado de chegar sempre máis aló e a boa conservación do que temos máis acó. E para acadalo non hai que esquecer que a tecnoloxía é un subsistema dentro dun sistema máis “abarcante”, e que ten que entrar en relación con outros subsistemas na sociedade, como son o económico, o político, o xurídico, o cultural, moral, etc., dos que debe admitir certas limitacións; aínda que estas nunca deban afectar ao coñecemento, porque sería absurdo que existiran coñecementos moralmente prohibidos: A moral non ten competencia para establecer limitacións os coñecementos científicos, si para criticar os medios que se utilicen ou as consecuencias que encerren perigos inmediatos ou futuros. En todo caso, ese equilibrio, dentro dun sistema, ten que adquirirse mediante a ponderación dos outros subsistemas. Sen embargo, hai que aceptar que o problema está en quen e como se mide esa PONDERACIÓN, e quen lle pon o cascabel ao gato, porque a tecnoloxía creu incluso un ambiente propicio, non só intelectual, senón tamén sentimental. E senón, pensemos en como se acaricia o mesmo teléfono móbil e os substitutos dixitais dos libros, por non falar do ordenador.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES