Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No se achican

miércoles, 07 de agosto de 2013
“No se achican” é o proxecto dirixido por Iria López Vázquez, co que culmina a súa carreira de Comunicación Audiovisual. Trátase dunha docureportaxe na que Iria é fiel ao que sempre foi: unha persoa comprometida coa súa realidade. E a súa realidade é a nosa, a que día a día vivimos ou sufrimos sen ningunha alternativa no horizonte. No entanto Iria decide darlle a volta e contar que si hai alternativas para vivir dos nosos soños, traballando no que realmente amamos. Deste xeito ofrécenos catro experiencias que venceron o medo para arriscarse a ser o que realmente aman, como diría o meu amigo do corazón Facundo Cabral.

Iria elixe coidadosamente catro historias femininas e soñadoras que se erguen na realidade para ser elas mesmas: María aposta por unha tenda de produtos naturais, Laura polos seus cadros (que vende co pseudónimo de “Bragafaja”), Zaida por un bar alternativo chamado “A Casa das Cores” e Sara por ser deseñadora de moda. Todas cadran en que fai falla moita valentía para converterse en muller emprendedora nun tempo en que o gume do fracaso percorre cada recuncho da nosa realidade. Pero tamén supón apostar pola autonomía e a liberdade de elixir un xeito de vida propio e dependente dunha mesma.

As catro protagonistas deciden vivir o seu soño alén da adversidade, resistindo o medo coa forza da paixón de traballar naquilo que lles gusta. Isto supón compromiso, compromiso con elas mesmas nunha realidade que día a día loitan por mudar.

Estas catro experiencias veñen a demostrar o valor das cousas pequenas, as posibilidades de medrar nun traballo autónomo, que nunca hai que esquecer que é un dos sectores que máis está sufrindo e resistindo esta tempestade.

Pero non falemos de crise, cando este documental fala de algo ben máis interesante, que é a súa conversión nunha oportunidade de futuro. Cando chegamos a valorar a crise como oportunidade, nacen as posibilidades de reinventarnos de xeito único e orixinal, afastando o noso ser do fracaso colectivo. Se nos fixamos nos negocios das protagonistas, ningún se basea en produtos básicos para a vida, pero son produtos económicos á altura de petos que sofren. Por outra parte son negocios que esixen unha atención diaria e un trato exquisito co cliente.

Para exemplificar o que digo temos A Herbótica, de María, que ofrece artigos naturais, como xa dixen á altura de todos os petos. Ou A Casa das Cores, de Zaida, que nos ofrece un ambiente distinto onde pasar un bo anaco de lecer.

Para min estas catro mulleres, ben seguro que xunto con moitas outras, son un exemplo de que é posible agromar desta sociedade infectada de medo e de fracaso. É posible emprender, loitar por un soño e saír con el destes escuros colectivos que a miúdo se converten en desespero.

Hai tempo vivín unha experiencia chamada “Firewalking”, foi nun máster en coaching e estivo dirixida por Pepe Cabello. Despois dun proceso de motivación que durou dous días, este gran profesional convidounos a cruzar un camiño de brasas cos pés descalzos . Nunha man levabamos un medo do que nos queríamos desfacer naquelas brasas e na outra un soño que recorría con nós o camiño. Isto é o que se atreveron a facer María, Laura, Sara e Zaida; por iso merecen o noso apoio e admiración. Ben seguro que se o seu exemplo axuda a decidirse a novas/os emprendedoras/es esta sociedade mellorará.

O mesmo atrevemento que tiveron as nosas protagonistas tamén o tivo Iria López Vázquez, que nos presenta neste documental o rostro firme da resiliencia, do “podo” e do “quero”, que sempre é capaz de construír ou inventar un camiño de futuro.

Parabéns a todas elas porque xa se converteron nas portadoras dun amencer vacinado contra o fracaso.
Na seguinte ligazón pódese ver o documental de Iria López Vázquez.

http://www.youtube.com/watch?v=cEUa8cjbrkA&feature=youtu.be
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania