A roda dun camión
Rivas Delgado, Antonio - lunes, 05 de agosto de 2013
Quero rachar o vento cun sopro da trompeta de Louis Armstrong e subir ó alto do outeiro do Corno para, dende alí, cantar a grito pelado que a vida é un par de ás planando sobre a morte.
Debuxo arabescos sobre o firmamento e deixo que unha laverca me acompañe por entre as xestas do monte Medo. Logo, con parsimonia, ollo para as nubes que pasan e sei que dentro dun chisquiño vai chover. Porque o vento xa deixou de fungar.
Agora, tan só a trompeta de Louis Armstrong asubía por entre os piornos dos Currás. E a chuvia xa cae con forza sobre as miñas ás.
Non consigo planar e aterro sobre o chapapote da estrada, onde, nun santiamén, a roda dun camión esmaga os meus soños. A trompeta de Louis Armstrong é unha amasadura de penalidades.
Rivas Delgado, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora