Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Morte, caos e responsabilidades

miércoles, 31 de julio de 2013
O día 24 de xullo quedará tinxido de sangue por moito tempo. Nada pode reparar tanta desgraza, tantas perdas insistituibles, tanta morte prematura e inesperada. Esta enorme traxedia provoca un grande pesar colectivo, e os familiares quedarán moito tempo coas feridas abertas. Mais, ainda que custe, a vida segue, e cómpre aprender da tremenda experiencia para que nunca máis algo así poida acontecer.

Ao pouco de producirse o terrible accidente as autoridades comezaron a construir un relato baseado en tres elementos básicos: o heroísmo dos veciños, a solidariedade dos cidadáns e a coordinación na resposta ao desastre. Heroismo houbo, pois as xentes de Angrois acudiron en masa para axudar aos feridos sen reparar en riscos nin perigos, e a súa pronta actuación foi exemplar e fundamental. A solidariedade manifestouse nas longas colas para doar sangue formadas polos mozos que, poucos momentos antes, estaban agardando pola celebración e a festa. O que non se producíu de forma tan evidente foi a organización dos servizos de emerxencia para dar unha resposta coordinada e profesional ao desastre.

Cada vez semella máis claro que houbo serios erros na coordinación dos servizos de auxilio. Avanzada a noite produciuse unha rolda de prensa da conselleira de sanidade, acompañada do xerente do CHUS, (desordenada, histérica e confusa) que só serviu para pór en evidencia a incompetencia dos comparecentes.

A pesar de todo os servizos de emerxencia e os centros sanitarios funcionaron e deron unha boa atención á avalancha de feridos, grazas á profesionalidade, ao compromiso persoal, á cualificación do persoal e á boa organización dos servizos públicos. Mentres as autoridades estaban ocupadas coa contabilidade e os beixamáns, os sanitarios adicaron todo o seu esforzo á atención dos feridos. Estes profesionais, agora tan loubados, -que acudiron aos seus postos de traballo sen ser chamados e que prolongaron a xornada ata a extenuación para atender aos doentes- son os mesmos que o poder político maltrata con reduccións salariais e campañas de desprestixio.

Pero a maioría dos sanitarios teñen claro que o seu labor non se realiza para os políticos de turno senón para a xente enferma e ferida que precise do seu auxilio. Tamén semella evidente que o sistema sanitario público –actualmente cuestionado polas políticas neoliberais- é o que mellor garante, tamén, unha resposta eficaz nestas situacións de emerxencia.

Ao mesmo tempo que se difundía este relato de heroísmo, solidaridade e resposta coordinada, os medios de comunicación e as empresas implicadas (Adif e Renfe) puxeron todo o seu empeño en sinalar ao culpable: o maquinista. Este pobre home, profesional de ampla experiencia e cualificación probada, está marcado como o “chivo expiatorio” desta traxedia. A súa vida vai estar xa, por sempre, condicionada por este terrible suceso, calqueira que sexa a decisión xudicial. É posible que tivera un “despiste”, que cometera un erro ou unha neglixencia. Mais a cuestión non é esa. O que cómpre saber é por qué, habendo como hai sistemas automáticos para aumentar a seguridade, non se instalaron ou activaron neste tramo do percorrido.

O que cómpre saber é por qué este proxectil de tantas toneladas, capaz de destruir toda a vida que leve dentro, non estaba dotado dos medios precisos para evitar esta traxedia. O que cómpre saber é canto aforraron as compañías coa eliminación dos sistemas de seguridade. E tamén debemos coñecer aos enxeñeiros, aos empresarios e aos políticos que impulsaron e asinaron este proxecto sabendo que, algún día, un leve fallo humano podería provocar tanta dor, tanta morte, tanta destrucción. Eles son os auténticos responsables e non o maquinista.


http://pablovaamonde.blogspot.com.es/
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES