O accidente
Rubal, Pedro - lunes, 29 de julio de 2013
Existir neste mundo finito e con moitas limitacións persoais leva consigo un constante duelo entre a existencia e inexistencia, unha loita entre a esperanza e a desesperanza, entre o sentido e a falta de sentido da vida: Todos os días nos levantamos inmersos nunha barafunda de contradicións e ambivalencias; pero non podemos quedarnos nos extremos, e por isto é mester acoller o negativo da existencia en canto pode potenciar o positivo. Temos que aceptar unha certa infelicidade se queremos propiciar un certo grao de felicidade.
É mester que comprendamos que, como argumentan algúns estudosos, a nosa vida está sempre apremada por dúas polaridades - o positivo e o negativo e non se lle pode aplicar, para xulgar esta situación, o método dialéctico, porque aquí non hai superación, senón coimplicación, é dicir, non hai máis remedio que vivir DUALÉCTICAMENTE (ollo...!, non dialécticamente), convivir co positivo e o negativo, coa luz e a escuridade, co racional e o irracional, coa radical finitude e o degoiro sen límites... Porque...se excluímos a escuridade, excluímos tamén a luz, xa que a nosa limitación non nós permite acceder a ela senón polo contraste co escuro; só podemos acadar o positivo no contraste co negativo; só valoramos a vida dende a mesma morte; só experimentamos sentimentos de felicidade dende a infelicidade: quen descoñecera a esta non podería gozar daquela; e, polo tanto, só podemos vivir dualécticamente, só podemos convivir, vivir coimplicativamente.
Se enmarcamos neste contexto dualéctico a traxedia ferroviaria de Santiago, non é difícil comprender como o negativo da mesma xerou unha serie de positividades do pobo galego, entre as que destaca a solidariedade e a hospitalidade, a entrega de todos os servizos e a emerxencia persoal diso que tanto adoitamos criticar cando nós falan ou escriben acerca de que a moral non é unha farsa e os valores están aí.
Aquí maniféstase a importancia ética da interrelación entre as persoas, que abre paso a ese sentimento de solidariedade nos momentos precisos e evidéncianos que non hai nada máis grande que participar no desconsolo, sublimar a relación co outro, que, ao mesmo tempo, permítenos un enriquecemento do noso sentimento de responsabilidade para con ese outro, que é o noso semellante.
Estas traxedias poñen en evidencia que as ofertas dun compromiso ético cos demais carecen de sentido práctico, porque o esencial é poñelas en acción e isto non é posible distraídos dos latexares da humanidade alí onde se produzan, o que ten moi pouco que ver coas narracións ideolóxicas, que poden esvaecer a persoa no sistema.
Os veciños de Angrois neutralizaron a indiferenza, aprazaron a comprensión do que estaba ocorrendo, deron vacacións ás razóns e activaron a compaixón, unha cuestión de entrañas, que evidencia a calidade humana en efervescencia, previa a toda outra consideración e, saíndo fora deles, apostaron con espontaneidade por dar a cara as facianas angustiadas, sanguinolentas, deformes e xa inexpresivas daqueles semellantes atribulados: unha verdadeira situación de humanidade e ocasión de converter a escuridade dun acontecemento desafortunado na luz dunha esperanza xamais buscada con máis ansiedade.
Todos os servizos activados e voluntarios ofreceron ao mundo unha sensibilidade a flor de pel que eclipsou a ineficacia non pouca veces denunciada, de tal maneira que, se escasean as palabras para expresar certas traxedias como esta de Santiago, non se encontran para expresar nun intre o agradecemento e fachenda do seu pobo expectante e desconcertado por o vigor e decisión coa que, dualóxicamente, viron xurdir da ineficacia a mesma eficacia, do negativo o positivo: Admirable sensación..., porque o verdadeiramente humano chamou as portas das conciencias e encontrou apousento.
Os saloucos das vítimas fixéronse eco nas conciencias dos organismos oficias, que converteron as obrigas en respostas entrañables, e sentíronse emprazados por esas facianas exámines. E responderon afogando o mal co ben, transcendendo o cotián en aras dunha entrega a ese fondo común dunha humanidade que emerxe nestas situacións como algo compartido, non cuestionado, unha maneira de ofrecer ó pensamento dun pobo moito máis do que se almacena nas bibliotecas de contidos racionais.
Desgraciadamente, para que foran iluminados todos estes valores, houbo que soportar o contraste dunha tebrosa escuridade, da que moitas persoas foron vítimas. Esperemos que nin a fe dos crentes nin a honestidade intelectual dos non crentes queden defraudadas.

Rubal, Pedro