Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un novo Papa, unha nova linguaxe

miércoles, 24 de julio de 2013
Compás social

Sinto receos de escribir sobre a relixión e sobre a Igrexa, cuestións sempre complexas, mais moitas veces tratadas con simplificacións e tópicos mediáticos sen busca dunha comprensión de conxunto. As mensaxes mediáticas, repetidas ata o infinito, ás veces depaupérase e derivan cara á posicións parciais que dificultan unha achega complexa e razoada. De todos modos, sen dúbida xurdiu un novo fenómeno social digno de ser sinalado e comentado: nos poucos meses transcorridos cun novo Papa, temos unha nova linguaxe, entendendo como tal non só novas palabras senón tamén novos xestos, novas accións testemuñais e novas primeiras decisións de transcendencia real para a vida da institución eclesiástica e para as súas relacións coa sociedade mundial.

Non sabemos aínda o que nos deparará o futuro, mais estas novas linguaxes do Papa atraeron admiracións e suspicacias, dentro e fóra da Igrexa. Dentro da Igrexa hai millóns de persoas e miles de grupos que respiran boa vontade e actitudes propicias para o diálogo e o testemuño construtivo, bordeando a polarización difícil de conciliar cun reencontro sincero, e posiblemente debida á acumulación de cuestións non resoltas nos cincuenta anos de posconcilio Vaticano II. Coexisten no interior da institución varias liñas paralelas sutilmente diverxentes; mais que, apelando ás actitudes cristiáns e humanistas, deben entenderse, están obrigadas a entenderse se queren ser coherentes coa mensaxe evanxélica que din portar e representar. Esta esixencia vale tamén para outras confesións cristiáns e outras relixións. A relixiosidade auténtica recoñécese polos seus froitos de paz, de respecto mutuo, de busca permanente, de cultivo e unión de valores comúns tanto de palabra coma de obra.

Desde fóra da Igrexa e das diversas confesións, a moderna sociedade secular inquire á relixiosidade e ás relixións sobre diversas cuestións esenciais resumidas hoxe na declaración universal dos dereitos humanos. En teoría, a racionalización avanzou moito desde as diversas culturas: mais, a partir da aplicación instrumental da ciencia e doutros cambios sociais, esa racionalidade fragmentada está derivando en actuacions prácticas moi discutibles, como poden ser a falta de respecto pola vida en moitas das súas formas e circunstancias, o acantoamento da vivencia relixiosa e a prolongación da incultura do feito relixioso.

Tanto a Igrexa oficial como os grupos relixiosos diverxentes teñen que situarse fronte a esas sombras seculares, con liberdade e discernimento, sen complexos nin componendas inaceptables.

As novas linguaxes do novo Papa ofrecen unha novidade diferencial: semella querer pasar da verdade das palabras á dinámica dos feitos, obrando con coherencia nos seus primeiros pasos; ou dito noutras palabras, pretende acortar a distancia entre o discurso relixioso e a praxe testemuñal concreta; distancia que, por exemplo, segue sendo abismal entre as promesas políticas e a súa realización práctica. “Polos seus froitos coñecerédelos”, dinos o Mestre nos evanxeos. Non abonda coa fraseoloxía.

O contido dos sermóns do novo Papa é coherente co ideario tradicional da Igrexa, mais a súa expresión material aproxímase á linguaxe verbal do sentido común e popular do mundo actual. Non sabemos se no futuro acadará unha coherencia perfecta entre linguaxe, contidos doutrinais e accións concretas. Mais, neste intre, a novidade está en que o seu discurso ven acompañado de xestos e accións testemuñais reais na mesma dirección: foi persoalmente pagar a pensión, reduciu algo o boato das vestimentas papais, reside e come cos compañeiros, pastorea tamén nos arrabaldes, pregoa para os de dentro e para os de fóra verdades elementais. Compórtase coma un crente e coma un cidadán normal. Esas actuacións papais son aparentemente epidérmicas e de curto alcance; mais non podemos esquecer que nas pedras de determinados atributos herdados da historia (ouropeis e títulos, boatos e fachadas) seguen tropezando moitos miles de crentes e non crentes. Por fortuna, o clero secular, as relixiosas e relixiosos que viven ó rente do pobo, e algúns bispos desde o remate do Concilio, xa hai anos que retiraron esas ostentacións para vivir con auteridade.

Neste intre dáse outro paradoxo actual: os poderes seculares apropiáronse de boa parte de aquelas mesmas ostentacións históricas, sen que a sociedade democrática apenas teña reacionado ata que chegou a xigantesca crise actual. Falta por ver aínda se os diversos actores económicos, políticos e sociais son capaces de escoitar a voz dos enfados masivos actuais. A ética e a moral dunha democracia, se non avanzan cara á unha xustiza e estilo de vida ecuánimes, poden acabar sendo un fraude de grandes proporcións.

En canto ás decisións transcendentais para a estrutura da institución eclesiástica, para o diálogo cos grupos interiores, con outras confesións e coa moderna sociedade civil, parece que este Papa tamén emprendeu algunhas accións concretas; non obstante, de haber continuidade, será un proceso lento, quizabes demasiado lento. Unha persoa pode converterse e dar un xiro mesmo radical, mais a un personaxe non llo permite o seu entorno. Ó papa Francisco, ás súas palabras e accións queren interpretalas uns e outros, mesmo con linguaxes e actitudes moi descutibles e afastadas do evanxeo. Pasados os primeiros cen días de graza, os hipercríticos de diferente signo xa empezan a desacougarse; mais iso non é xusto. Cómpre esperar para ver, para comprender e axuizar con razóns de peso.

Estas reflexións respectan a dimensión da acción do Espírito, e dána por suposta; pero sempre será invisible, misteriosa, imprevisible e, por suposto, incontrolable. De antemán sabemos que esa forza transcendente non suplirá nin fará nada do que deban facer os dirixentes e crentes de todas as confesións relixiosas. De aí xurde a enorme responsabilidade dos que se confesan crentes sinceros. “A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou”, dinos San Xoán. Esa revelación ten que continuar nas actitudes, nos comportamentos e obras do crentes. O Papa Francisco pode ser un gran revelador do reino de Deus e a súa Xustiza; mais sen dúbida que terá moitos contratempos. Por todo o dito, xa é merecedor de confianza e respecto. E debemos pregar por el. O que diga e faga estes día no Brasil será unha boa proba do seu talante e camiño que propón.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES