Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Díaz Castro

martes, 23 de julio de 2013
Xosé María Díaz Castro nace no barrio de O Vilariño na parroquia de San Vicente de Os Vilares, no Concello de Guitiriz, o dezanove de febreiro de 1914. Na súa parroquia nativa aprende as primeiras letras. En 1929 ingresa no Seminario de Mondoñedo onde cursa tres anos de Latín e Humanidades, tres anos de Filosofía e dous de Teoloxía.

En 1936 deixa o Seminario para incorporarse ó exercito. En 1939, unha vez rematada a guerra, está aínda uns meses no Seminario, que abandona definitivamente.

Estando no Seminario publica os seus primeiros versos e, segundo me manifestou, dirixe unha revista escolar manuscrita: "Alí foi onde aprendín a escribir en versos e empecei a publicar. Lémbrome ben que, na miña época de estadía en Mondoñedo, dirixín tamén unha revista absolutamente manuscrita, feita toda por estudiantes".

Durante a súa estadía no Seminario mindoniense escribe os cadernos de poesía Follas verdes e Follas ao aire. Moitos destes poemas verán a luz no libro Nimbos. Outros foron publicados en Amencer e a maioría permanece inédita.

Despois de abandonar o Seminario, dá clases ó Colexio León XIII de Vilagarcía de Arousa, onde está Aquilino Iglesia Alvariño con quen coincidira no Seminario mindoniense. Alí bota sete anos. En 1948, despois de licenciarse en Filosofía e Letras, vai para Madrid, onde exerce de tradutor en diversos Ministerios ata a súa xubilación.

Regresa ó seu Guitiriz nativo e alí pasa os derradeiros anos da súa vida. O pasamento de Diaz Castro ten lugar, en Guitiriz, o dous de outubro de 1990.

Díaz Castro só publica un libro de poemas: Nimbos. Colabora en diversas revistas e en libros colectivos. Sobre o título do libro Nimbos díxonos: "Moitos, incluso críticos, creron que Nimbos significaban esas nubes cargadas de auga, que anuncian choiva. Nimbos é o nimbo dos santos, a aureola que rodea a cabeza dos santos, unha aureola de gloria. E coma unha aureola que lles poñemos ás cousas para facelas resaltar máis".

A pesar do éxito da crítica que acada co libro Nimbos, Díaz Castro só publica poemas soltos en diversas revistas. Isto foi, segundo nos dixo porque: "Desde hai bastantes anos son autocrítico, e non me gusta publicar cousas que eu non vexa que teñen a altura suficiente para levalas á imprenta. Isto influíu, o ser esixente comigo mesmo".

Como xa se dixo, Xosé María Díaz Castro publica poemas seus en varias revistas, entre elas Amencer onde ven a luz, por primeira vez ,os poemas Canto de Outono e Terra Chá, no número 25, febreiro 1985, no que se lle dedicara a sección «Os nosos escritores»

O recentemente finado Francisco Fernández del Riego escribiu: "Lendo as páxinas de Nimbos decátase un de que o seu autor posee unha linguaxe fiel, cinguida, e suntuosa ao mesmo tempo; unha linguaxe de imaxes xustas, sorprendentes de riqueza e de poder de evocación. Unha linguaxe, ao cabo, que vai onde debe ir, sen o menor desmán oratorio. Posee, tamén, unha raizame clásica. Decántase e acéndrase de xeito ascensional, ata cristalizar nunha estética de personalismo enxisgo. Ben se bota de ver, polo dito, que Díaz Castro non pertenece ao grupo de escritores que "traballan" para a súa propia gloria. Aínda que iso non deixou de perxudicar o esparexemento da súa madurecida poesía, valora positivamente o acento que singulariza".

Xosé María Díaz Castro, na opinión da maioría dos espertos e dos críticos literarios, é un dos mellores poetas de Galicia, é unha das mellores voces poéticas deste país dos dez mil ríos. O ano que vén dedicaralle o Día das Letras Galegas ó cumprírense o cen anos do seu nacemento.
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES