Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O tren da vida

martes, 23 de julio de 2013
A vida vai marchando por esa vía da memoria que todos percorremos montados no tren das emocións. As cales saben a suor, a bágoas, a medo, a derrota, demasiadas veces. E outras, menos das que quixeramos, exhalan o recendo da alegría, o da palabra espida de aldraxes, o da natural esencia vestida coas roupaxes do amor e a poesía.

A vida que debuxa as súas formas, en ocasións deformes, na inmensidade relativa da Chaira: onde eu vou escribindo versos, chanzos na pel mancada pola erosión dos días consumidos. A vida furando paredes verticais de rocha abrupta co gallo de abrir fendas no illamento, na soidade que cando enraíza na alma nos deixa baleiros.

Algo parecido nos conta, ou, cando menos, así o percibo eu, Rafael Cid, director de Radiotelevisión Española en Galicia, no seu documental CARRILANOS. Os túneles dun tempo, que o pasado venres, 19 de xullo, se proxectou en Vilalba. Durante a súa visualización podemos apreciar as circunstancias históricas, políticas, económicas e, sobre todo, persoais que conformaron a creación dunha vía férrea que conectaba as localidades de Puebla de Sanabria con Ourense.

As existencias que foron quedando lastradas ao longo de tan dificultoso trazado son historias de ilusións esvaecidas nunha loita para acadar o progreso, para afastarse do manto da miseria que sepulta as ansias de ser. E nesa loita por unha existencia máis favorable tamén se foron creando relacións persoais, de maior ou menor intensidade, como os chamados romances da vía.

Agora, en tempos do AVE e dos avances tecnolóxicos, se cadra sería positivo reflexionar en como noutrora a vida non se vivía á velocidade de vertixe coa que gastamos os segundos no presente. Nin tampouco se instalaba este estado de conformismo que afoga na actualidade as nosas vontades, renunciando case taxativamente ao dereito de réplica. A vida na súa perspectiva diacrónica amósanos como, dependendo do tren que nos leve, podemos percibir con distinta nitidez esas emocións reflectidas no espello dos desexos.
Maseda Lozano, Martiño
Maseda Lozano, Martiño


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES