Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Involución... ?

lunes, 22 de julio de 2013
Cando chegou Charles Darwin e intuíu que os seres vivos evolucionaban, non foron poucos os intelectuais que saíron a palestra para rexeitar as súas teses e as confesionalidades relixiosas puxéronse en alerta. Posteriormente xurdiron abondosas teorías que explicaron que non só é dinámica evolutiva da realidade biolóxica, senón toda a realidade en canto tal e, incluso no ámbito metafísico, saíron estudos de prestixiosos relixiosos verbo da estrutura dinámica da realidade.

Coas diferenzas pertinentes, lembremos a Teilhard de Chardin e a Xavier Zubiri. Ocorre o mesmo coa involución?. Cantos e quen a estudaron?. Seguramente haxa que ter presente a deterioración ecolóxica.

Aínda que houbo quen afirmou a posibilidade de que podían aparecer algúns casos de involución, é dicir, unha “detención e retroceso dunha evolución biolóxica, política, cultural, económica, etcétera.”, non calla na desbordada barafunda das aptitudes optimistas, que afogan toda conxectura neste sentido. Sen embargo, hai algunhas manifestacións antropolóxicas, en canto teñen de rexeitamento a certos avances culturais e de identificación con hábitos selváticos, que parecen, cando menos, traer a palestra un certo involucionismo e, no campo biolóxico, importantes alteracións hormonais, que os estudosos soen poñer de releve. Pero isto non é materia da nosa competencia.

Si queremos resaltar, neste contexto involutivo, algúns casos que, por producirse so capa dunha presunta racionalidade, testemuñan a irracionalidade que os presidiu.

Se recorremos España en calquera dirección chama a atención do máis distraído ou indiferente a cantidade de carteis anunciando a venda de chalés, pisos, naves..., que polo seu número fan obxecto ao viaxeiro dun desacougante impacto de pasmo. E nas aforas de Madrid os carteis revelan polo seu descolorido o tempo que levan colocados. A este respecto, o director para Europa da BBC, Gavin Hewitt, escribe que, “aínda que os prezos rebaixáronse, case ninguén compra. A propiedade é un soño do pasado”.

A involución está aquí no feito de que o “homo oeconomicus”, obcecado por un optimismo infundado, devén incapaz de racionalizar o seus comportamentos, ata o extremo de que produce para cubrir necesidades realmente inexistentes, que adoita crear, con técnicas de marketing, para satisfacer as súas ofertas desproporcionadas; pero, como os posibles demandantes perderon co optimismo consumista a mesma capacidade de adquirir bens básicos, responden negativamente, e por iso moitos pobos teñen máis edificacións que habitantes, como é o caso de Seseña. Pero...perderon o optimismo consumista?. O optimismo, si; pero as tendencias consumistas reverdecen en canto as regan as augas crematísticas.

Como xa dixemos noutra colaboración, España púxose a construír con tan escaso control racional que chegou a consumir máis formigón que Francia, Bélxica, Alemaña e Italia, todas xuntas. E tamén puido presumir de ter o maior número de hipotecas, por habitante, no mundo: Cando ía ben (Sr. Aznar) ou era a envexa de todos os países máis avanzados (Sr. R. Zapatero).

Mentres tanto, a UE estaba durmindo ao murmurio do éxito do euro, convertido na divisa reserva do mundo; pero chama a porta a Grecia das xubilacións aos cincuenta anos (en Alemaña traballaban ata os sesenta e sete) e prodúcese un balbordo. É que... para algo ía servir a “filosofía”...!: polo menos para artellar unha adecuada hermenéutica xurídica. Como para xubilarse aos cincuenta era preciso xustificar que se traballaba nunha situación de alto risco, segundo di o Sr. Hewitt, uns cincocentos traballos acabaron tendo esta valoración: a perruqueira, porque andou a voltas coas tinturas para o pelo; o que tocaba o trombón, porque tiña que soprar moito; os locutores, porque nos micrófonos corrían o risco de incubarse bacterias nocivas: etc, etc.. En fin..., todo unha mostra de que os gregos conservan moitos recursos intelectuais dos seus antepasados, aínda que sexan máis sofísticos que platónicos.

Non debería esquecerse que tanto a evolución como a involución prodúcense a eitos, e, para ben ou para mal, son necesarios os intercambios ambientais; pero, ademais, nese equilibrio dinámico onde emerxen as “iniciativas” de progreso ou regreso, que o rompen, xorden tendencias de recuperación do mesmo, única maneira de lograr o restablecemento funcional dos elementos que integran os distintos sistemas, sexan biolóxicos ou sociolóxicos (culturais, políticos, económicos...). Sen embargo, hai un período agónico, necesario para que se restablezan algunhas pautas involutivas restauradoras: Que os construtores teñan que soportar, con carácter involutivo, a freada dos seus excesos derivados da euforia da burbulla, é unha evidencia da forza da coherencia do sistema.

Pero non só os construtores, senón tamén os mesmos responsables políticos que, debido aos despropósitos que, por evidentes, non vamos indicar agora, potencian as involucións para dar abeiro aos máis inconcibibles proxectos.

E xa que non pretendemos ser exhaustivos, permítannos que digamos algo verbo do aeroporto de Vilanova d`Alcolea (Castellón), que tamén contou cun poderoso político local, Carlos Fabra, quen – sempre tomando como fonte ao Sr. Hewitt – se obstinou en construílo contra a vontade dos veciños, porque, segundo el, atraería a uns 600.000 pasaxeiros ao ano, que esixirían a construción de 17 campos de golf, e todo isto solucionaría o problema do paro e crearía riqueza. Houbo contendas xudiciais, pero o aeroporto construíuse. E tal foi a actitude involutiva deste cabaleiro que – non faltaría máis...! – mandou erixir unha estatua súa na entrada ao aeroporto, que parece que custou uns 300.000 euros. Por suposto, trátase dun aeroporto sen avións; pero iso si..., ten unha pista de uns dos quilómetros e medio, e cando se lle pregunta ao da estatua para que serve tamaña obra, o Sr. Fabra di que non é un aeroporto para avións, senón para as xentes que desexen pasearse polas pistas, xa que é unha gran ocasión turística; non obstante, segue valado.

Como todos teñen no maxín, outra desproporción involutiva, por desaxustada ás circunstancias, nestas nosas terras de Galicia, evítannos facer alusión a ela, e desta maneira render un tributo de respectuosa omisión aquí a quen concibiu a idea.
Involución?. Si. Para algo está o termo.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES